Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Manuel Vilar
10:31
04/05/11

A emigración de Carnota en Nova York (IV) – A chegada: casa e traballo (I)

Área na que viven algúns emigrantes de Carnota. Ao fondo as chemineas da central eléctrica ConEdison, que pon límite á barriada.
Área na que viven algúns emigrantes de Carnota. Ao fondo as chemineas da central eléctrica ConEdison, que pon límite á barriada.
A emigración de Carnota en Nova York (IV) – A chegada: casa e traballo (I)

A chave da chegada está en ter no lugar de destino un contacto, ben dun familiar, dun veciño ou de alguén coñecido, que lles axude nos primeiros momentos a encontrar casa, buscar traballo e familiarizarse coa nova paisaxe na que van realizar a súa vida. Ter casa cando un chega enténdese como algo que dá seguridade e estabilidade; residir cerca de coñecidos, tamén. Uxía cando chegou, como o marido estivera uns anos traballando xa en Nova York e coñecía xente, “tiña un amigo que rentou un apartamento para nós”. María cando chegou “tiña meu irmán a casa preparada e con todo, a casa e con todo o que hai nunha casa pra vivir”. Os pais de Pepa foron para un apartamento na casa de María e Manuel e cando estes marcharon o apartamento foi ocupado por unha irmá de Carme.

Margolis (1998: 22) di que os brasileiros, cando chegan a Nova York, pasan unha etapa inicial vivindo nun “puleiro”, é dicir, compartindo apartamento e cuarto entre varios. No noso caso non podemos dicir exactamente que compartan apartamento con outros veciños ou familiares nestas condicións, aínda que hai algún que cando chega só vai para a casa do parente ou do veciño temporalmente. Non obstante, a presenza destes en Nova York axúdalles a establecerse e procuran vivir nas proximidades uns dos outros. “Todos vivían por xunto ó parque [Astoria Park] e mais na 26”. Nesta rúa “é todo xente de Carnota”. E Manuel dinos que aquí “había muitas familias gallegas, pero agora xa non vén xente”. Ademais de que xa non veñen outros están marchando: “os de cincuenta xa están indo todos”.

Manuel di que “aquí en Astoria hai muita xente de Carnota”. E neste punto fai distinción entre Carnota parroquia e Carnota concello: “Donde máis xente de Carnota hai, quero dicir do ayuntamiento, Lira, Lariño e Pindo, é en Baión [Bayonne]. Aí hai muita xente d´alá, eh. Pois mira alí hai do Pindo, hai do Ézaro, hai de Muros, hai de Louro, hai de Lira, hai de Carnota, alí é donde máis xente hai do ayuntamiento de Carnota”. Paco dime o mesmo: “ti vas ó pueblo de Baión e alí Lira e Caldebarcos. Aquí está Sada, aquí hai bastante xente de Sada, están metidos na telefónica ou na compañía de ComEdison”.

Os pais de Pepa vivían no apartamento enriba do que viven María e Manuel e, case en fronte, vive o fillo deles; o irmán de Pepa vive no apartamento superior. No edificio onde vive esta última vive tamén Uxía ,e na mesma rúa, dúas familias máis de Carnota, e vivían outros que xa retornaron. E “no verán, á porta da casa de meus pais - dinos Pepa- reuníamonos ó mellor dez ou doce personas, despois de cenar xuntábanse todos”. E eses “todos” eran case todos da mesma aldea de Carnota e montaban alí “unha fuliada”.

Manuel fálame deses veciños de Carnota que viven na mesma rúa e di: “é aquí dúas casas para abaixo, que ten unha capotiña de pedra, eicha de enseñar eu, desde aquí xa se ve cal é, e aí onde vive o meu fillo vive o irmán de Pepa e, aí, vive Rosa máis o home. Eses van muito á Casa Galicia”. Desde a sala da casa de María e de Manuel estamos facendo un mapa dos “veciños” de Carnota e para sinalarme as casas nas que viven algúns, como a do fillo –“o fillo vive aí nesa casa” di María, mentres sinala coa man- non ten nin que erguerse do sofá para sinalarma. “E acaban de retirarse uns o ano pasado que tamén vivían aí”.

Casas na barriada de Ditmars, onde viven os de Carnota


No mesmo barrio, aínda que non na mesma rúa, vive Carme, a súa tía e outra veciña doutro lugar da parroquia e tamén algúns de Lariño. Paco vivía por aquí, mais agora cambiouse a outro barrio de Queens que linda con Astoria.
Outros estudos sobre inmigrantes, como o realizado por Gina Sánchez Gibau sobre os caboverdianos na cidade de Boston, demostran a necesidade de residir cerca doutros parentes e amigos e isto é vital para o axuste sociocultural. No caso da emigración de Carnota á cidade de Nova York isto semella tamén ser así.
No primeiro traballo que tivo Paco tiña como compañeiro outro veciño, “e tuven aí traballando cun veciño d´alí de Carnota, Manolo, cuñado de Pepe o que ten o bar alí en [nome do lugar] e tuven traballando alí con el uito meses, asta que meu primo [Ramón] me conseguiu un traballo na 58 e sexta e sétima. Tiven aí cinco anos, cinco anos aí traballando, seis días á semana e doce horas ó día, doce horas que entrabas ás uito ou nove da mañán e salías ás dez da nuite ou ás once, que cerraba a cuçiña ás once. Cinco anos aí metido”.

Ramón, que chegara a comezos da década de 1960. Empezou traballando na construción:

  • “cos portugheses aí no Bronx, que o raventaban a traballar. E el en Carnota o que facía compraba madeira [...], compraba madeira pra el e tiña un traballo máis ou menos pesado, pero non era tan grave. Taba o home un pouco preparado en matemáticas e dixo: ´co portughés non vou a parte ningunha`. Había unha botánica* aí no Bronx, en Southern Boulevard con Westchester, era dun veciño que se chamaba Manolo de María, e púxoa á venta, e como se conocían: ´canto queres pola botánica?`”.

E Ramón comprou a botánica e foille ben no Bronx, onde estaba considerado por algúns veciños do barrio como un home “sabio” ao que ían consultar algúns problemas. Na botánica vendía:

  • “artículos de espiritismo, relacionados co espiritismo e ca bruxería e, ó mismo tempo, vendes perfumes, velas e de todo. El chegou a ter mil produtos na tienda, diferentes. Cando a comprou non había máis ca xabón, catro pastillas de xabón que tiña alí o Manolo, porque o Manolo dedicábase máis ó cachondeo…. Entonces o meu primo comproulle a farmacia… empezou con eso, deixou a construción. Empezou con eso pois a base dos clientes, empezou a aprender o que necesitaba, chegabas ti pedías unha cousa, pois non a tiña e iba apuntando, así fui ampliando, enchendo as estanterías porque non tiña nada, pois chegou a ter mil produtos, chegou a traer santos de España de mil dólares e de mil quinientos dólares cada un… Nunha ocasión trougo unha virxe do Carmen e púxoa fóra, e tiña unha copa na man e deixouna quedar alí por un par de horas e a copa enchíuselle de monedas, porque a xente é mui religiosa, mui fanática, cre muito neso e a botarlle monedas. E estuvo aí o home cun negocio algo increíble porque chegou a ter máis de mil produtos, vender cincuenta caixas de velas á semana de diferentes colores e inciensos e botellas de inciensos ten vinte mil nombres: amansa guapo, vente conmigo, cousas de brujería que se usan. Muito tiñas que velo para creelo, vendía tódolos santos menos o [santo do seu nome] nunca o vendía, nono tiña, non.
    E unha das personas que máis lle axudou nese fui unha catalana, que me contaba que eu non a chegei a conocer, que casara cun militar alá en Barcelona, cun americano e trouxoa paquí, pero despois o home divorciouse dela e ela non tiña ningunha profesión, entonces metiuse a esperitista, a lerlle as cartas á xente. E esa axudoulle muito porque cando o cunuciu a el cada vez que alguén iba a unha consulta mandáballe unha folla, de cousas, aínda que non necesitaba nada, ela disíalle: ´vaite a pé de Ramón e que che dea esto`. E entón non sabían ler porque eso era como un farmacéutico, un doctor, esta xente polo regular ou escribe mal ou non sabe escribir. E así a base de tempo e sacrificio fui aprendendo. E esta muller axudoulle muito mandándolle os clientes e en ves de necesitar unha cousa pois mandáballe des. Porque, como pode ser vender terra santa de Jerusalén, que a collían aí, enchían os sacos, pequeniños así e poñían terra santa de Jerusalén, e a terra collíana aí no río. Herbas, pois montóns, espigas, ferraduras, polvo de calquera índole que tuvera un pouquiño de brillante, inciensos a montóns, colonias o mismo con diferentes nombres que, ás veses, non a tiña e o home collía un pouco de colonia con agua e poñíalle el o nombre, tiña unha máquina de escribir alí atrás na oficina e el lle poñía o nombre e vendía así. Muita xente lle pedía si facía consultas, nunca quixo facer consultas e valía para eso. Cousas así desas. Outra vez eu teño ido con el a levar un santo de máis de mil dólares que lle vendera a un bruxo destos. Era un boricua indio, co pelo asta a cintura e tiña a casa toda chea de páxaros e corvos e cousas así, todo relacionado co mundo da brujería. Aquelo parecía un zoológico, pero a xente facía cola esperando para a consulta. E comproulle o santo, e que facía o tipo, facía rifas e asta que lle quitaba des ou quince mil dólares, el non daba a rifa... e despois dicía: ´tal día vamos a rifar o santo`, pero cando xa el tiña xa vinte veces os cartos do santo no bolsillo. E así, xa che digo....”.

Pero despois Ramón deixou a botánica e “colleu un licor estor [liquor store] e cando murriu tiña dous licores estores”, é dicir, que lle foi ben.

Manhattan, onde traballan algunhas mulleres de Carnota limpando apartamentos e oficinas.
Manhattan, onde traballan algunhas mulleres de Carnota limpando apartamentos e oficinas.

* Nota:
- Botánica é a tenda, nas comunidades latinas, na que venden plantas medicinais, herbas e outros produtos maxico-relixiosos, tamén iconografía tradicional católica, como imaxes de Cristo, virxe e santos, etc. (Chabrán e Chabrán 1996).

 

Serie “De Carnota a Astoria”

 

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios