Sábado. 16.01.2021
El tiempo
Manuel Vilar
22:03
17/05/11

A emigración de Carnota en Nova York (VI) – A estratexia do retorno e idealización do lugar de orixe

Inmigrantes manifestándose pola legalización - Foto- Manuel Vilar
Inmigrantes manifestándose pola legalización - Foto- Manuel Vilar
A emigración de Carnota en Nova York (VI) – A estratexia do retorno e idealización do lugar de orixe
A idea de retornar está  presente en todas as persoas coas que falei, aínda que algúns esta idea enténdena como algo non definitivo, porque a súa vida está  establecida en Nova York. Carnota xa “non é a miña vida” porque “me encanta Nueva York. Vou de vacacións, pero para quedarme alí xa non”. Outros porque “aquí teñen todo e alá non teñen nadie, non teñen a que ir”. Non obstante, estes que xa non teñen “a que ir”, é dicir, que non teñen familia directa vivindo en Carnota, seguen tendo casa alí, procuran ir todos os anos pasar as vacacións, din que son de Carnota e cando din “un viçiño” refírense aos veciños de Carnota, non aos da rúa na que viven en Nova York.

Case todos viñeron coa idea de estar aquí un tempo e regresar: “dixen: ´vou marchar ós Estados Unidos e cando teña un millón de pesetas veño de volta”, pero “tas aquí, pasas un ano e, despois, xa non vas de volta, porque é difícil ir de volta, a non ser que deixaras [alguén alá]. Meus sobriños, por ejemplo, estuveron aquí dous deles, pois porque deixaron atrás, porque o traballo no ramo da construción non lles iba, eles nunca traballaran na construción e traballaron en restaurantes e non lles gustaba. Pois entonces fóronse de volta”. Outros chegan xa pensando en que teñen que marchar e, como no caso do pai de Carme, “estaba contando os últimos cinco anos ¡mi madre! Unha desesperación, cada vez que íbamos nos veráns alá xa non quería volver, xa se enfermaba”.

Uxía dinos que:

  • “cando vin non pensei que viña para quedar, pensei que viña para unha temporada e volver. Costoume adaptarme, non adaptarme, adaptarme si adapteime e estaba ben e estaba a gusto, pero como siempre tiña na cabeza eso de dicir esto non é o meu, esto non é a miña vida, eu vou estar aquí por uns meses, siempre con outra idea, vou estar aquí por un tempo e vou marchar. Non me daba para pensar esto é o meu, esto é o que quero para a miña vida”.

A súa idea era tamén a doutros: “cando me casei aquí máis que nada eu pensaba botar dous ou tres anos e marchar”. Pero entón “vas quedando, vai pasando o tempo” e nacen os fillos. Entón pensan en marchar antes de que os fillos se fagan adultos, porque senón “o deles é aquí, naceron aquí, é o normal, para eles é o seu país. Alá van de vacacións e gústalles alá”. Pero non a todos, Paco dinos que o seu fillo, que ten máis de trinta anos, foi só catro ou cinco veces a Carnota nada máis, “nunca lle gustou alí”.

Pepa traía a “idea de vir dous ou tres meses para non perder a residencia, e quedei”. E algúns dos que van quedando traen incluso os pais cando estes xa están maiores e non se poden valer por si mesmos: “miña abuela empezou a quedar cega e meus pais trouxérona p´aquí, estuvo aquí asta ahora” até que eles regresaron definitivamente. A nai de María “tamén a trouxeron p´aquí, e murriu aquí e levárona pa España tamén”, é dicir, que a enterraron en Carnota. Pepa e Carme teñen moi claro que queren regresar “po vran que vén”, “po vran que vén xa non estou aquí”. Ese verán “que vén” é como unha liña perdida na néboa do horizonte e á que se ansía chegar, pero alcanzala depende de moita cousas, especialmente da posibilidade de atopar traballo –naqueles que aínda están en idade de traballar- e dos fillos. Máis ben é unha ilusión  que as axuda na súa vida cotiá.

As persoas que teñen fillos queren regresar antes de que estes se fagan maiores e empecen a ter certa independencia e ter amigos. Saben que se rematan aquí o período da escola secundaria, a High School, despois “se esperas un pouco máis non che queren ir, porque xa ten pasado e nós creo que xa tamos esperando muito”, e canto máis esperas máis difícil será o regreso para os fillos. Mentres non cheguen a esa idade “elas queren ir, morren cas ganas d´ir, pero eu creo que é porque pensan que van ter unha vida como no verán”. “Volver volvía hoxe, si pudera”, di Carballo, e non pode porque “aínda teño o fillo pequeno que está estudiando, está empezando a universidade”. Problema que tamén ten outro veciño de San Mamede, orgulloso de que ao xenro, que é americano, lle guste Carnota e vaia todos os veráns.

Unha maneira de vincularte á terra de orixe é por medio de ter unha casa. “A maioría compra alá” e non compran no lugar de destino, porque “pensamos que si comprábamos aquí xa nunca máis íbamos a ir p´ala”; mais algúns compran nos dous lados e venden cando regresan. E compran “alá”, é dicir, en Carnota ou en Santiago de Compostela, encirrados polos pais que xa regresaron e a quen lles gustaría que os fillos tamén regresasen, entre outras razóns porque “pa o asunto de vivir eu creo que como en España non se vive en ningún sitio”; aínda que recoñecen que os salarios e as oportunidades laborais son mellores en U.S.A. Tamén, porque lles parece un mellor sitio para criar os fillos, que terían máis liberdade, “é mellor pos nenos”, porque aquí “non falas con ninguén. As miñas rapazas están tan acustumbradas a vir da escuela e meterse na casa, porque non hai rapazas alrededor e eu, hasta ahora, non as deixo andar por aí, en ningún lado, nin na calle nin ningún sitio, e chegan a España, os primeiros días, miña nai ten un sitio enorme para que podan estar xogando, ponlles piscina, ponlles de todo, e están tan acustumbradas d´aquí que se levantan e van pa televisión, en pleno verán. Non lles chama nada a atención estar fóra”. Pero “alá” pensa que teñen outra vida, “aquí están na cárcel. Cando chegan alá é outra vida, están fóra, están xogando, chámalos pa comer e están cos rapaces, xúntanse con outros rapaces. Aquí non os deixas salir porque ó viçiño non o conoces”.

A “casa” segue estando en Carnota e a de Nova York é a casa temporal, aínda que esta temporalidade dure xa máis de trinta anos. Agora quéixanse de que cando a amañaron “a casa” non o fixeron ben, “non temos servicio ningún ¿entendes? Non tes onde poñer nin leña”, aínda que nunca van no inverno e non usen leña. Todos recoñecen que o traballo e a vida nesta cidade é dura, pero “viñemos pa traballar e pa aforrar algo, pero para o asunto de vivir eu creo que como en España non se vive en ningún sitio”. Consideran os Estados Unidos como un país con oportunidades, mais “a cousa non é tan fácil como parece, ou sea que ti ves a vivir aquí a este país, como fixeron muita xente, e o país é rico, o traballo, hai oportunidades, pero sin traballo non hai cartos, hai que traballar para ganar”. Pensan que o traballo que fan e a vida que levan é moi dura, de escravos, por iso critican os que regresan presumindo do que facían, “e se cadra vas a España presumindo dunha tontería que non existiu aquí, aquí fostes un esclavo”. E cóntanme unha anécdota cun taxista:  

  • “Muitas veces chamaba a un taxista, que viña buscarnos a Santiago, nós vivimos en Carnota... unha vez doume a gana de rir, unha vez preguntoume, eu cando montaba no coche del víñamos conversando, parábamos nun lado... e un día dime:  ´oes, ¿ti en que traballas na América?, perdona e que che diga tal`. Digo eu, ´limpando baños`, eu traballaba daquela na limpieza. E díxome: ´boeno, eso hai que ver`. ´No, no, limpiando baños`. Dixo el: ´no, eu viña buscar muitas veces xente aquí a Santiago que viven en Baión`, Baión é un sitio donde viven, ´e entran no coche e case se pelean polos paipos [pipes = tubo], empezan a falar dos paipos. Eu non sei que son os paipos, pero empezan a falar e un que mete cincuenta mil paipos`. E digo eu: ´eses tamén pasan traballo a jodelo, eses son os que traballan na construción, no inverno nevando, aí, e entón van nos coches dalá e eso presumindo dos paipos`”.
  Unha nevada en Nova York - Foto-Manuel Vilar
Unha nevada en Nova York - Foto-Manuel Vilar

E traballan duro e “non é chegar e encher, hai que traballar” e traballar moitas horas. “Miña nai traballaba sábados e domingos” e a filla, daquela adolescente, “non coñecía a ninguén, estaba alí en catro paredes namais que chorar todo o día. Eu chegaba á esquina da calle e non sabía onde estaba. Non tuven xuventú”. Pero grazas á filla doutra veciña de Carnota, maior, e que vivía ao pé dela, puido saír e ir ao cine e de compras. Despois, xa na High School, xa tivo amigas, “pero gallegas, de Carnota e de Sada, e hispanas, americanas non”.

A vida en Nova York defínena como traballo-casa, casa-traballo, e sempre apurados, mentres que “alá podes vivir sin reló”. E os domingos, “á Casa Galicia”, especialmente os que teñen fillos e os levan a “gallego”, é dicir, a clases de gaita, pandeireta ou baile (Algunhas destas clases xa son impartidas en inglés, debido á dificultade que teñen os profesores para se entenderen cos rapaces en galego). Os homes van “ver un partido, comer un pulpo e ver ós viçiños”. Ante este duro mapa, o que deixaron alá é fácil de idealizar. A memoria, e a memoria idealizada da terra nai, é un sentimento forte entre as comunidades da diáspora e inmigrantes. Teñen saudade do que deixaron e as imaxes da terra de orixe sérvenlle de contrapunto á situación real que están vivindo no novo país e, tamén, unha desidentificación con el. Para os que chegaron sendo nenos e quedaran cos avós un tempo, a terra de orixe está simbolizada polos avós e, estes, son os que presiden a felicidade.

Son cidadáns dun país no que non viven e viven nun país do que non se senten cidadáns. Sentirse cidadán, dixéronme, é unha necesidade e “non me sinto eu con necesidá” de pedir a cidadanía no novo país. Algúns dinnos que “un ó principio bota muito de menos o que deixa alá. Hai xente que todavía ten o reló coa hora de España despois de lovar aquí dez anos, porque están coa mente máis alá caquí. No caso meu, pois pasei catro ou cinco anos se cadra tamén añorando todo, añorando todo, aínda que non foi tan bonito pero o botas de menos”.

A maioría cando chegou a Nova York botou uns anos sen ir a Carnota, “botamos seis anos o primeiro tempo sin ir”, algúns porque non tiñan “a residencia” e non querían correr o risco de non poder regresar. Outros até que se encontraron económica e persoalmente establecidos. Cando regresaron a paisaxe da memoria estaba alí, “fixeran a carretera nova, pero estaba igual; o camiño por onde antes íbamos pa escuela estaba cerrado xa porque a xente non iba por el”. Cando chegou despois de varios anos en Nova York “eu besaba a terra, besaba o árbol donde xogaba cando era pequeniña, o castañeiro da casa, mi madre, todo”, comenta emocionada.

Un popular posto de venda de comida na rúa - Foto-Manuel Vilar
Un popular posto de venda de comida na rúa - Foto-Manuel Vilar

En Nova York, se poden, intentan facer unha vida doméstica como “alá”. “A comida nosa é a comida d´alá toda”, e van comprar a Xamaica [Jamaica, barrio de Queens], porque alí “hai dous estores de portugueses, e teño comprado merluza fresca, sardiñas, xurelos, hai unto, alí hai de todo”. Entenden que a calidade de vida é mellor “alá” que “aquí”. “Aquí o sistema non me gusta, aquí síntoo todo programado para que che vaia en biles [bills], cantos máis cartos ganas, máis taxas tes que pagar e, ó final, todo é a misma merda. Por ejemplo aquí a luz, mínimo 200$ ó mes. Alá ganas menos pero son 35€ que paga cada dous meses, di miña nai. 1.500$ de renta ó mes, alá non os pagas. E despois tamén que a calidade de vida aquí, maybe como coa miña familia os domingos, pero despois pola semana non podo”.

“Aquí hai que pagar muito” é unha frase que teño escoitado moitas veces e que “aquí é fácil conseguir traballo e ghanas muito carto, pero como che entra, sale”, xa que “hai muitos ghastos nunha casa, e o morche [mortgage = hipoteca] da casa para pagar, eso cada mes e, despois, outros ghastos“. Pero á parte do que hai que pagar tamén se gasta máis, porque aquí se compra máis e “alá hai que aguantar máis do carto, non é coma aquí. Aquí pódeste dar lugho de ir de compras e ghastar, ¿entendes?”.

Carnota aparece como un lugar ideal para vivir, pois é onde se palpa unha relación directa entre o espazo físico e unha identidade social imaxinada e compartida. Isto permítelles reimaxinar a súa paisaxe e o mar. Mais a memoria do lugar, dos lugares, é usada para construír as súas novas vidas e axudar a imaxinar o seu novo mundo. Así “recordando lugares” serven “como áncoras simbólicas da comunidade para a xente que está dispersa“ (Gupta e Ferguson 1997: 39). O local constitúe unha metáfora do auténtico fronte á diversidade que teñen nas rúas que pisan a diario, é un mapa do desexo ao que vincularse, ao que agarrarse simbolicamente e emocionalmente. E lembran a praia, “aló na nosa praia de Carnota”, cando ían pescar e pescaban “unhas agullas pequeniñas cuns dentes [¿pións?], cancrexos, berberechos, ourizos, mexillóns, era unha praia mui rica” e pescaban de todo, “que agora non se pode ir [pescar]”. Os berberechos din que eran máis pequenos cós de Muros, “pero mui sabrosos”. “¿Logo un arroz con berberechos non sabe ben? ¿e con cancrexos deses de río? ¡Hai que ben sabían!... Eu teño ido aquí ós mexillóns, si, eu máis un home que vivía aquí que era de Sada, máis un sobriño ...¡que bos eran! Sabían como os d´alá”. Pero non todos son da mesma opinión, Mariño, que traballa na construción, di que “o mar aquí non é como alá, alá xa tiñas as túas pedras” desde as que pescaba. E cando regresan levan os fillos nacidos en América á praia, para que vexan que debaixo da area hai berberechos: “¡non creían que había berberechos debaixo da area!”. E lembran Punta Cancrexa, “antes do Tombo á man direita, ¿non sei si conoces?, que había pedras, acórdome da pedra donde nos tirábamos”. O Tombo é o mar que baña Carnota e cando me afirman isto rin e contan unha anécdota da escola: “unha vez o maestro preghuntou: ´¿a ver, cal é o mar que baña Carnota?`. ´O Tombo` dixo un que hoxe é inginiero”.

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Serie “De Carnota a Astoria”

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

comentarios