Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Manuel Vilar
12:31
13/04/11

"Vin porque me trouxeron, non quería vir". De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota en Nova York

Manhattan Sur, onde traballan cada dia varios centos de carnotans - Foto-Manuel Vilar
Manhattan Sur, onde traballan cada dia varios centos de carnotans - Foto-Manuel Vilar
"Vin porque me trouxeron, non quería vir". De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota en Nova York
[Este traballo foi publicado na revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela. Unha versión deste traballo fora anteriormente presentada como comunicación no congreso Galicia: Éxodos e Retornos, organizado polo Consello da Cultura Galega en xullo de 2006 na cidade de Santiago de Compostela. Para a publicación en Que pasa na costa fixen algúns retoques e vertín ao galego as citas que estaban en inglés no texto orixinal.] A miña intención neste traballo é achegarme ao proceso de construción cultural e social dos emigrantes galegos na cidade de Nova York. Farémolo por medio do estudo dun grupo orixinario do concello de Carnota e intentando mostrar o punto de vista dos individuos. O noso xeito de aproximación é por medio da etnografía, entendendo esta aquí “como a descrición da experiencia humana palpable” (Peter 1997: 91).*1 A través das súas historias de vidas como emigrantes podemos observar certas pautas que serven para caracterizar esta emigración e ver, por exemplo, como e cando chegaron, como foi a súa inserción laboral e social, a idea de retorno, etc., nun intento que poida servir para vincular  “a vida a pequena escala e grandes proceso se estruturas sociais” (Brian Elliot 1990: 60). Pensamos que este proceso migratorio pode ser enmarcado no que se vén chamando “transnacionalismo”, definido por Nina Glick Schiller, Linda Basch e Cristina Blanc-Szanton como “os procesos polos que os inmigrantes constrúen campos sociais que enlazan conxuntamente o seu país de orixe co país no que se asentan. Inmigrantes que erguen estos campos sociais son designados social ´transmigrantes`” (1992: 1). A xente de Carnota que vive en Nova York manteñen constantes relacións co seu lugar de orixe e están en permanente contacto co que pasa “alá”, en Carnota, grazas non só ao teléfono e a internet, senón tamén as vacacións e ás visitas esporádicas que poden facer ou que reciben; por exemplo, os avós veñen “aquí” para asistir á primeira comuñón dos netos ou os fillos van “alá” porque un dos pais ten que ingresar no hospital e todos os fillos están “aquí”, é dicir, en Estados Unidos. Neste sentido os emigrantes viven entre os dous lugares e con fortes vínculos nun lado e no outro, teñen vidas transnacionais. Neste contexto podemos entender a emigración como un proceso que envolve os que marcharon e os que quedaron, polo que conceptos como “aquí” e “alá” son termos borrosos e que precisan ser redifinidos. Os emigrantes chegaron ao lugar de destino facendo uso das “cadeas migratorias”, é dicir, estas actúan máis ben como un proceso polo que novos inmigrantes son traídos ao país anfitrión coa axuda de parentes e veciños que xa están instalados alí (Margolis 1998: 41) .

Do Caxido a Astoria

“Si, traíamos arneiróns do Caxido, que é a baixo de Maceiras, indo pa Muros, é o Caxido. Cando viña papá do mar íbamos buscarlle o peixe ó Caxido, e aínda saltaban no cesto de estar vivos”. María. No meu mapa mental da emigración da Costa da Morte aparecen, ben marcados, nomes como Bos Aires, Montevideo, Venezuela e, xa máis tarde, Suíza e, con trazo máis fino, Alemaña, Francia e Inglaterra. Pero Nova York non era un lugar destacado nese meu mapa mental, era un punto que aparecía lonxe e borroso. Non obstante, Nova York era un centro importante da emigración doutro concello da Costa da Morte, o de Carnota e, aínda que máis tarde, tamén tiña escoitado algunha historia da emigración deste concello cara aos Estados Unidos de América. Mais a primeira vez que me atopei realmente de fronte con esta emigración puido acontecer un día de verán na praia desta localidade galega. A comezos da década de 1990 acostumábamos pasar uns días do mes de xullo no lugar do Viso, na parroquia de San Mamede. Unha tarde estando na praia, na zona denominada Boca do Río, sitúanse preto de nós un grupiño de mozas que chegaron cun voluminoso aparello de música aceso e a todo volume. Nel escoitábanse cancións en inglés e elas facían acompañamentos nesa lingua e cando falaban entre elas tamén o facían en inglés, entendín eu, cun marcado acento norteamericano. Unha pregunta veu enseguida á miña mente: ¿Que fan estas americanas aquí? A resposta non tardou moito en chegar. Cando levaban alí un tempo aparece un can pola praia que, ao velas, ergue o raba e corre todo cara a elas. Ao grupo de mozas non lles fixo moita graza a chegada do can e alporizounas. Entón, unha delas ergueuse e mirou ao lonxe na procura de alguén, da persoa coa que o can tería vido á praia. Cando esta moza divisou esa persoa berroulle o seguinte: “Manolo, leva o can pra casa”. Quedábame claro que as americanas estaban na casa. Houbo posteriormente outros encontros esporádicos coa emigración carnotá a América: coñecidos que falaban de parentes que tiñan alá, preguntas de xornalistas se coñecía xente que pasara por Vietnan, comentarios dunha amiga de Lira de que na súa casa había un exvoto da virxe dos Remedios dun parente que estivera na guerra de Corea, tamén os versos de Fernández Naval (2005) dedicados a un mozo de Lira que vivía en Bayonne (New Jersey), que titula Homesikness e que din:

Pecho a porta en Bayonne, traballo en Newark, pero a miña emoción sempre está en Lira, terreo da nenez e da memoria. Vivo nesa patria pequena de cara ó areal e á luz extrema que respiraba mentres eu durmía. Vivo nese remol, no lóstrego do faro, no retrouso a nugalla da saudade. Érgome magoado logo de cruzar estibadas de soño, de traspasar balados de lembranzas.

Nova York, cidade á que emigraron moitos carnotans e carnotas - Foto- Manuel VIlar
Nova York, cidade á que emigraron moitos carnotáns e carnotás - Foto- Manuel VIlar

Pero o encontro definitivo prodúcese na cidade de Nova York cando só levaba nela unha semana. A comezos do curso 2005-2006 agardaba un día, igual que outros pais e nais, a que o meu fillo saíse da escola no barrio de Ditmars. Diante de min unha muller saúda a outra que pasaba nese momento pola rúa e inician unha conversa en galego. Escóitoas un pouco, achégome a elas e dígolles: “Boas, ¿de onde sodes?” A que estaba agardando na porta do colexio dime: “d´alá”. Ante a economía da resposta volvo preguntar: “¿Pero d´alá de onde?”. Entón dime que ela é  de Carnota e a amiga de Noia, pero que esta xa marcha para a semana e que veu só dar unha volta, pois xa é unha “americana retornada”. Pregunto se hai moita xente de Carnota aquí. A resposta é a seguinte: “buf, un montón, e hai uns anos esto estaba cheo”. E cando di “esto” sinala vagamente cara ao final da rúa, para indicar que era nese espazo que está cara a ese extremo do barrio -lindando xa coa planta da eléctrica ConEdison e que pon fin ao espazo habitado desta barriada- onde a presenza dos de Carnota era máis numerosa. Ao día seguinte volvo a atopar a Carme2 na porta do colexio. Esta vez está falando con outra muller, tamén en galego. Cando me achego e as saúdo dime que a outra tamén é de Carnota e que ten unha filla nesa escola. Uns días despois, esta última, Pepa, preséntame unha señora que vén buscar os netos: “esta tamén é d´alá, de Carnota mismo, ó lado da plaça”. Saúdo a señora, María, e pregúntolle cantos anos leva aquí. Dime: “ui filliño trinta e pico, pero falar falo como cando cheguei”, é dicir, que o seu idioma seguía sendo o galego e que tiña problemas para comunicarse e desenvolverse en inglés. Pero as sorpresas non acabaron aí. Uns días máis tarde, e despois de deixar o meu fillo na escola, dirixíame a coller de novo o metro, ou subway como din en Nova York, e coincido con Carme que vai na mesma dirección.

Un pouco antes de subir as escaleiras da estación dime: “nós tomamos aquí o café antes de ir pa traballar”. Quedei un pouco sorprendido por ese “nós”. O sitio era un café duns gregos ao lado mesmo da parada de metro de Ditmars Boulevard. E ese nós era ela, Pepa e outras tres mulleres máis –dúas de Carnota e a outra casada cun home desta localidade e nacida nun concello veciño-, todas de tres localidades distintas da parroquia de Santa Comba de Carnota. Nalgunha ocasión tense sumado ao grupo un par de mulleres máis, unha delas tamén de Carnota, concretamente de Lariño. Este grupiño quedaba alí todas as mañás para tomar café e falar un anaco antes de coller o metro para ir traballar a Manhattan; e, ao contrario da maioría da xente que entraba no local, pedía un café para levar e marchaba apurada, as de Carnota collían o café, sentábanse nunha mesa e falaban un anaco entre elas, tamén con algunha da xente que traballaba nese local, cos que parecía tiñan certa confianza. E aquí empeza realmente a miña relación coa emigración de Carnota na cidade de Nova York, concretamente na barriada de Astoria.

- Nota 1- Nina Glick Schiller afirma que “a etnografía é, penso, a metodoloxía máis apropiada para o estudo da emigración transnacional” (2003).
- Nota 2 - Os nomes das persoas non son reais para preservar o anonimato dos informantes. 

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Serie “De Carnota a Astoria”

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios