Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural

Caamaño no castro de Baroña e no Porto do Son

Quizais haxa que dicir algo sobre a estadía de Caamaño no Porto do Son. Caamaño chega ao Son en outubro de 1933 cando tiña 25 anos. Faino por incitación dun carabineiro toledano desprazado a esta localidade a quen lle interesaban as antigüidades. Foi este carabineiro quen animou a Caamaño para tirar fotos do castro de Baroña, que naquel ano se escavaba a cargo da Universidade de Santiago de Compostela. A campaña de escavacións estaba dirixida por Sebastián González García-Paz, quen promovera tamén a do castro de Borneiro. Nun lado e noutro estivo tamén Xaquín Lorenzo “Xocas” que, ademais de participar nas escavacións, escribiu sobre etnografía, tanto en Borneiro como no Son. Estes traballos son referencias bibliográficas obrigadas sobre a parroquia soneirá e sobre as embarcacións tradicionais.
Foi esta unha iniciativa pioneira e das primeiras escavacións sistemáticas dun castro da idade do Ferro, marcando o inicio dunha nova etapa na arqueoloxía galega. Baroña e Borneiro son referentes que van máis alá do campo estritamente arqueolóxico. Son nomes que pertencen a un imaxinario común.
Pero Sebastián, “Tano”, como lle chamaba o seu amigo Antonio Fraguas desde os tempos do instituto, tivo que exiliarse en Porto Rico ao comezo da barbarie fascista, deixando a arqueoloxía e collendo outros camiños para sobrevivir. O seu nome é descoñecido para moitos arqueólogos e académicos hoxe. Borrar os nomes, a memoria, é o mellor que saben facer os fascistas. Este ano, e con motivo do Día das Letras dedicado a Antonio Fraguas, teremos ocasión de lembralo, de lembrar a importancia do seu traballo e reivindicar a cultura como necesaria para a dignidade das persoas e a convivencia.
Podemos dicir entón que Caamaño é dos primeiros en facer fotografía arqueolóxica e en facer dun xacemento castrexo a imaxe turística dun pobo.
Na súa estadía no Son de case un ano, Caamaño tamén tirou fotos das xentes e son estas fotos as que agora valen para reactivar a memoria dos homes e mulleres sonenses. A estadía no Son tamén tivo importancia na vida persoal de Caamaño ao coñecer a que sería a súa muller, polo que se pode dicir que a estadía, breve no tempo, foi importante na súa obra e na súa longa vida.
O valor documental das fotos

Non é esta unha colaboración para falar do libro, de coidada edición e magnífica no tratamento das fontes, o que fai que se lean as súas case seiscentas páxinas con agrado, senón aproveitar a publicación desta obra para reivindicar o valor do traballo fotográfico de Ramón Caamaño, o seu valor documental e chamar a atención das administracións sobre este fondo fotográfico.
Para moitos a fotografía é unha expresión artística, mais toda expresión artística é tamén parte do patrimonio cultural, así, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia entende que as manifestacións fotográficas tamén integran o patrimonio artístico de Galicia, que forman parte do noso patrimonio cultural. Pero tamén se pode e debe entender a fotografía como documento, e como documento igualmente forma parte do patrimonio cultural. A obra de Ramón Caamaño cumpre estas dúas facetas, mais aquí queremos referirnos ao valor documental, o que non quer dicir que desbotemos o valor artístico.
As fotos mostra información sobre unha comunidade social, sobre os seus modos de vida, e valen para achegármonos a realidades históricas e culturais que, en casos, están xa perdidas polo paso do tempo e o evolucionar da sociedade. A fotografía queda, entón, como o espello que perdura e actúa como representación dunha vida, duns obxectos, tipos, paisaxes, arquitecturas, rituais, etc. A fotografía, neste casa a de Ramón Caamaño, fálanos de representacións de modos e historias de vida, dunha memoria colectiva. O valor destas fotos reside na inxente información visual que achegan sobre un tempo histórico e unha sociedade, que non é outra que a conformada polas xentes que habitaron as terras da Costa da Morte desde o segundo cuarto do século XX.
A partir das fotografías podemos documentar paisaxes, arquitecturas, persoas desenvolvendo o seu medio de vida, persoas no seu tempo de lecer, nos seus ritos de paso vinculados a historias de vida (campo propenso en Caamaño), persoas que tiran unha foto para enviar aos parentes emigrados alén mar e mostrar como están ou como xa non están entre os vivos. Pero sobre todo as fotos evocan e activan a memoria dos que as miran, axudando a construír e reconstruír a súa memoria como seres sociais, vinculados a unha familia e a un lugar.
Concluímos: as fotos son documentos que falan de nós. Mais é preciso visibilizar eses documentos, ordenalos e catalogalos. A visibilización é clave na difusión e no coñecemento. Visibilizar é prestixiar. Se as cousas están arrombadas nun rocho, como dirían por Lugo, non teñen valor, non son tidas en consideración social. O que non ten difusión non existe, non se coñece, e se non existe non forma parte dun patrimonio que, para ser, ten que ser compartido e ser accesible á cidadanía. De non existir non pode ter función social.
Aquí hai que chamar a atención das administracións, desde a Xunta ás locais, que todas teñen responsabilidades, que se poñan a traballar para que o fondo fotográfico de Ramón Caamaño sexa accesible á cidadanía. As fotos de Caamaño son documentos visuais, fontes para o estudo da nosa sociedade e, especialmente, artefactos culturais que temos que usar para reconstruír a memoria social nun tempo no que se potencia a desmemoria.
O concello de Laxe levou á Xunta de Galicia a proposta de declaración de Ben de Interese Cultural, a primeira para un fondo fotográfico, do Arquivo Vidal. É un exemplo dun goberno local preocupado e interesado pola memoria social, unha medida para prestixiar o patrimonio local, que por ser local é tamén global.
A importancia do fondo de Ramón Caamaño é salientable polo volume dos seus fondos, pola temática e marco territorial que abrangue, como polo valor documental e depositario de información histórico-etnográfica do territorio e sociedade da Costa da Morte. Deberíamos telo en máis consideración.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/unha-obra-sobre-o-fotografo-ramon-caamano-gana-o-premio-manuel-murguia-da-deputacion/- O Arquivo Vidal dá pasos para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
- Un Samaín diferente con Ramón Caamaño en Corcubión
- Unha viaxe polos anos 20 na Costa da Morte.
- Como era a Costa no 1924?.
Máis Aberturas. Memorias e paisaxes
- A capela de San Miguel en Coucieiro.
- Areal de Nemiña: da soedade á masificación.
- O “petróglifo” do Petón de dona Urraca. Patrimonio? Si.
- Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía: o perigo do éxito.
- As Aberturas.
Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar
- (VI) – A estratexia do retorno e idealización do lugar de orixe.
- (V) – A chegada: casa e traballo (II).
- (IV) – A chegada: casa e traballo (I).
- (III) – ¿Por que veñen?.
- (II) – A emigración de Carnota en Nova York (II).
- “Vin porque me trouxeron, non quería vir”. De Carnota a Astoria. A emigración de Carnota en Nova York (I).
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).