Domingo. 28.04.2024
El tiempo

As manifestacións de Ferraz e a amnistía

As manifestacións de Ferraz e a amnistía

As manifestacións en Ferraz, por mor da Lei da amnistía e da investidura de Sánchez, deron a volta ao país e xeraron unha gran controversia. Pero, é realmente a dita amnistía o motivo destas mobilizacións?

Para comezar, nas eleccións do pasado 23 de xullo, os resultados obtidos foron completamente distintos ao que as enquisas prognosticaron: defendían que o bloque de dereitas obtería unha vitoria esmagadora ante o bloque de esquerdas. Porén, o PP non foi quen de formar goberno, o que favoreceu ao PSOE, quen puido comezar negociacións e acordar pactos con partidos independentistas, entre outros. Con todo, a dereita e a extrema dereita non aceptaron a súa derrota, e os seus xefes políticos instigaron estas revoltas, alegando que Sánchez impuxera unha “ditadura” ao propoñer unha amnistía política.

Por outra banda, estes levantamentos sociais que din ser para “defender España e a democracia” e para acabar coa “ditadura de Sánchez”, empregan simboloxía que representa o contrario do que din defender: os manifestantes levaban bandeiras franquistas e simboloxía do réxime. 

Ademais, presenciáronse saúdos fascistas e escoitáronse berros de “viva Franco” e como se recitaba o “Cara al Sol”. Por se fora pouco, múltiples insultos xenófobos, homófobos, misóxinos e cara ao propio Pedro Sánchez formaron parte das faltas de respecto que os manifestantes empregan como único argumento en contra da amnistía. Non obstante, estes comportamentos inaceptables reflicten a hipocrisía e a ignorancia destes colectivos, xa que, sabemos que a democracia española tal e como a coñecemos hoxe en día, asentou as súas bases grazas a amnistía política de 1977, onde franquistas arrepentidos, comunistas monárquicos e cataláns asinantes da Constitución española pactaron.

En conclusión, a democracia baséase en pactar e en ceder, xa que non debemos caer no extremismo. Por outro lado, España é un país diverso e plural, e no Congreso, sede da soberanía nacional, todo español e española debe sentirse representado.

  • Manuela Villar Miñones.  Alumno do IES Terra de Soneira.

MÁIS ARTIGOS DO ALUMNADO DO IES TERRA DE SONEIRA

Comentarios