Venres. 04.10.2024
El tiempo

O Aborto

O dereito á vida é, seguramente, o primeiro dos dereitos humanos. Cadaquén é dono do seu corpo e ten a decisión sobre todas as accións que se fagan sobre el. Agora ben, por que existe tanta controversia sobre o aborto?

En primeiro lugar, o debate pro-aborto ou pro-vida leva séculos existindo. Antigamente, en sociedades moi vinculadas á relixión a interrupción do embarazo estaba considerada un acto criminal que levaba a nai ó inferno. Segundo o mundo e a ciencia progresaban, o foco de atención centrouse na muller: o risco que para ela suporía un bebé non desexado ou con malformacións, así como nos trastornos psicolóxicos que podería padecer. Mais quizais hai moitas razóns que analizar antes de falar á lixeira sobre un tema coma este.

Por unha banda, contamos con métodos de prevención para empregar durante as relacións sexuais coa fin de evitar embarazos non desexados (máis as ETS). A educación sexual debería ser unha ferramenta básica dende idades temperás para gozar da sexualidade en igualdade e respecto. Aínda así, os accidentes existen e mozas que non poderían facerse cargo desas criaturas tamén; porque nestes momentos o pai é esquecido e a culpa e a presión social acaba por concentrarse na nai, desgraciadamente.

Por outra banda, os casos de violacións e agresións sexuais seguen sendo un tema á orde do día. Estes crimes non son, acaso, unha razoable xustificación para permitir o aborto? Quen son os políticos, coma o gabinete de Castilla y León, para decidir sobre o corpo dunha muller? O gran acto criminal dos que criminalizan o aborto é o de coaccionar as vítimas para escoitar os latexos dun feto (que aínda non ten o sistema nervioso desenvolvido) e provocar máis dor psicolóxica.

Ante todo, no noso país gozamos dunha lei do aborto dende o 2010 que parece solucionar a meirande parte do problema.

En conclusión, é a muller a que ten o dereito a decidir sobre o seu corpo. A súa saúde (física e mental) é outro dereito humano desa lista que os políticos intentan pasar por alto.

  • Luzía Roget Blanco. Alumna do IES Terra de Soneira.
 

ARTIGOS RELACIONADOS

MÁIS NOVAS SOBRE OS PENEDOS

Comentarios