Xoves. 25.04.2024
El tiempo
María Bella
23:13
23/09/19

Soñar Hawila*

hawila 2
Soñar Hawila*

Nunha conferencia radiofónica en 1966 o pensador Michel Foucault propoñía fundar unha nova ciencia, a heterotopoloxía, cuxo fin sería o estudo dos “espazos absolutamente outros” (1). Espazos que, a ollos de Foucault, non eran comúns e cotiáns senón máis ben excepcionais e capaces de soster un forte grado de ambivalencia. Ademais, a diferenza das xa coñecidas utopías, coas heterotopías enfrontariámonos ao estudo dunha tipoloxía de espazos verdaderamente reais.

Foucault pechaba a súa conferencia referíndose ao barco como heterotopía por excelencia, caso de estudo paradigmático desta nova ciencia. Dicía: “E si pensamos que o barco, o gran barco do século dezanove é un pedazo de espazo flotante, un lugar sen lugar, que vive por si mesmo, pechado sobre si, libre en certo sentido, pero abandonado fatalmente ao infinito do mar, e que de porto en porto (...) vai ata as colonias buscando o máis precioso que estas resgardan (…) comprendemos por que o barco foi para nosa civilización, polo menos desde o século dezaseis, ao mesmo tempo o máis grande instrumento económico e nosa máis grande reserva de imaxinación.”

O mar e o cosmos son espazos singulares que compoñen unha gran parte da xeografía terrestre que habitamos. Unha xeografía que pouco a pouco tratamos de domesticar á nosa imaxe e semellanza. Poderiamos dicir que mar e cosmos son, sen dúbida, espazos sobre-instrumentalizados con fins económicos. Valería poñer como exemplo a carreira espacial para descubrir outra Terra que habitar -a pesar de que esta sexa aínda un futurible- ou a conquista doutras terras continentais por vía marítima, realidade que parece terse consumado fai xa séculos co proxecto colonial. De tódolos xeitos, tanto o mar como o cosmos continúan sendo “espazos outros” verdaderamente reais e enormemente misteriosos, é dicir: son aínda grandes reservas para a imaxinación.

Será fácil comprender a magnitude da actual instrumentalización económica que exercemos sobre o mar -que é o “espazo outro” que xunto ao barco centrarán a miña reflexión- a partir dun dato aglaiante: o 90% do comercio mundial se xestiona actualmente a través do transporte marítimo. O barco, ese espazo heterotópico por excelencia, é o “vehículo” da industria máis polucionadora do planeta. Só 17 dos barcos contenedores que transportan mercancías, polucionan máis que todos os coches do planeta e cada día surcan os mares desta Terra 100.000 especies deses barcos (2). Na armazón do barco arrastramos unha xenealoxía marcada por unha audaz e cruel instrumentalización económica, polo menos desde o s.XVI, como apunta Foucault, e coroada hoxe cunha irreverente capacidade humana de consumo planetario. Non é difícil evocar fitos importantes desta xenealoxía baseada na estratexia -produción e consumo-. O comercio trasatlántico de escravos desde África ás colonias en América sería un dos máis radicais a mencionar. Nesa época poderiamos dicir que o barco, como tal, non polucionaba o medio-ambiente pero -como instrumento ao servizo da economía- xa atentaba contra o dereito á vida.

Con todo onde poderiamos atopar esa chamada do barco a ser unha gran reserva para a imaxinación? “As civilizacións”, apuntaba Foucault na indagación sobre esa nova ciencia, “sen barcos son como os nenos cuxos pais non teñen unha gran cama sobre a cal xogar; os seus soños esgótanse”.

É significativo que Greta Thunberg, a nena activista sueca que está revolucionando as conciencias mundialmente a base de cultivar a coraxe do dicir verdadeiro (3), decidise tomar un barco de vela -libre de emisións de carbono- e cruzar o Océano con destino a Nova York para intervir no cume sobre o clima organizada polas Nacións Unidas. Os discursos que Greta Thunberg ofrece ao redor do planeta poñen de manifesto a irresponsabilidade xeneralizada, especialmente de gobernanza, que practicamos respecto da saúde do planeta. Cada presentación de Greta convértese nunha chamada de atención a unha sociedade aparentemente adulta pero que razoa e compórtase “como nenos”. A lóxica humillante coa que Greta pide que recoñezamos a realidade fainos sentir vergonza moitas veces. En cada unha das súas palabras recoñecemos canto de inxustificable é a nosa inacción ante un problema tan urxente e que mínimo é o noso esforzo para pensar e facer doutros xeitos. No desembarco en Nova York, Greta buscaba o compromiso da xente que fora recibila. Dicíalles: “Non esperemos máis, fagámolo agora”. Pero... Como subirnos ao barco, como Greta, e non facer del un instrumento económico? Como vivir para non esgotar o planeta? Difícil tarefa logo de séculos repetíndoa. É case coma se tivésemos que subir á gran cama para volver soñar, pero sendo adultos.

Soñar Hawila!

Hawila é o nome dun barco e dun proxecto de vida á vez. Non necesita soñarse porque non é unha utopía, é un espazo verdaderamente real aínda que heterotópico, é dicir, “absolutamente outro”. O barco é un velero de 1935 transformado por distintos donos e para distintos usos ao longo dos anos: carguero de xeo, buque de formación de vela, barco de recreo, etc. No verán de 2004 cae en mans dun grupo de estudantes e de xente nova, profesionais, que o transforman nun proxecto ambicioso que suscita un desvío xenealóxico, un novo phylum, que rompa coa hexemonía que privilexia o instrumento económico fronte á potencia imaxinativa. Hawila propón transportar mercancías de xeito sostible e unir comunidades costeiras. Funciona como un espazo flotante reconvertido en plataforma educativa desde a que intervir e reflexionar sobre os problemas provocados pola globalización. A tripulación do Hawila bótase ao mar a navegar coa forza do vento e a beleza do sol como facían antiguamente os navegantes, pero, na súa armazón, transportan produtos ecolóxicos que distribúen ao longo do seu itinerario. Durante a ruta conviven con artistas, científicos, enxeñeiros e activistas que soñan o misterio dunha Terra por vir. Cando arriban nos portos ofrecen actividades coas que avivar e compartir con outros o desexo de soñar posibles.

mapa francia-gran bretana
Ruta comercial de productos ecolóxicos

E aínda hai máis. O mellor de todo é que Hawila non é o único barco deste novo phylum. Existen máis dunha veintena de Hawilas que navegan polos nosos mares comerciando de xeito sostible baixo o lema dun “novo espertar”. Unha proposta que, en case todos os casos, non suscita soamente un comercio xusto para o planeta senón que ademais utiliza esta experiencia como medio para pensar e facer doutros xeitos. Mocidade valente que necesitan outras armas para conseguir a paz.

Lovis e Hawila navegando no mar Báltico
 Lovis e Hawila navegando no mar Báltico


Corcubión foi desde o seu re-fundación na ría unha terra portuaria (4). A fortaleza dos mellores tempos chegáronlle sempre precisamente desde o mar: comercio pesqueiro, madereiro ou de combustibles. Loxística, histórica e culturalmente poderiamos facilmente formar parte desas comunidades ás que os Hawilas abastecen con produtos sostibles e con reservas de imaxinación. O que nos separa de Hawila non é un soño senón unha realidade: a nosa inacción ante un problema tan urxente e o noso mínimo esforzo para pensar e facer doutros xeitos. “Non esperemos máis, fagámolo agora”. Vivamos a experiencia doutra Terra posible.

 

- * Con esta reflexión quero sumarme ás accións da Folga Global polo Clima (globalclimatestrike.net).

  • [1] Ver: Michel Foucault, "Topologías", Fractal n° 48, xaneiro-marzo, 2008, ano XII, volume XII, pp. 39-40
  • [2] The Price of Shipping our Stuff" 2015 "Sea Blind[2] Para coñecer os detalles da industria de comercio marítimo e os seus efectos sobre o medio-ambiente recomendo ver o Documental
  • [3] O dicir verdadeiro chamado Parrhesia na cultura clásica, -atendendo unha vez máis ás investigacións realizadas por Michel Foucault, é un dicir valente e franco no que se manifesta o que un pensa sen ter medo ao poder do outro.
    Para coñecer máis sobre da práctica da Parrhesia grega pode consultarse Michael Foucault. Tecnoloxías do eu e outros textos afines. 2008, ed. Paidós.
  • [4] Historiadores locais como Luís Lamela explicaron en distintos medios como a orixe de Corcubión atópase máis cara ao monte de San Andrés de Canle e como, unha vez diminuídos os perigos por invasións, Corcubión se refunda xunto ao mar. Ver por exemplo: San Andrés de Canle e a re-fundación de Corcubión. Artigo aparecido na Voz de Galicia edición Carballo, 11/07/2014. Á súa vez, posteriormente, os Condes de Altamira puxeron tamén en valor a vila como porto e ao lardo da historia foise consolidando como un punto estratéxico na ría do seu mesmo nome.​

 

ARTIGOS DE MARÍA BELLA EN QPC

FONTE