Luns. 24.01.2022
El tiempo
María José Mato
08:04
17/04/17

A regulación do alugueiro de vivendas de uso turístico

A regulación do alugueiro de vivendas de uso turístico
Urbanizacion de apartamentos turisticos en Quenxe-Corcubion Urbanización en Quenxe, Corcubión, onde moitos dos pisos se destinan a alugueiros turísticos

O pasado 10 de febreiro saíu publicado no Diario Oficial de Galicia o Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se ordenan e regulan por vez primeira en Galicia, os alugueiros de vivendas de uso turístico. Un Decreto que entrará en vigor o vindeiro 10 de maio.

Unha das cuestións básicas a ter en conta ante esta normativa, é que as vivendas de uso turístico son aquelas vivendas legais, que se empregan para a residencia de particulares. Poden ser pisos, apartamentos, vivendas unifamiliares illadas ou adosadas, ou poden ter calquera outra tipoloxía. A particularidade está en que esas vivendas legais se dedican ao alugueiro turístico temporal, na súa totalidade, e baixo un único contrato.

Polo tanto, calquera persoa que teña unha vivenda para uso residencial privado e queira alugala por menos de 30 días, e un mínimo de dúas veces ao ano, ten a obriga de cumprir co disposto neste Decreto e inscribir a propiedade no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT).

PARA DARSE DE ALTA neste rexistro hai que cubrir unha declaración responsable, que facilita Turismo de Galicia. Xunto a esta declaración responsable, achegar o xustificante de pago da taxa única de 56,82€, segundo un modelo normativizado que pode solicitarse directamente nas entidades bancarias. Unha vez que o Decreto entre en vigor, que será o vindeiro 10 de maio, esta documentación poderá presentarse telematicamente ou por correo postal.

Ao inscribirse no REAT os propietarios asumen certas RESPONSABILIDADES, como dar parte de entrada dos viaxeiros que se aloxen, dispor dun número de teléfono 24 horas para a atención das incidencias dos usuarios turísticos, garantir o bo funcionamento da vivenda e ter follas de reclamacións que se poden mercar nas delegacións territoriais ou incluso descargar gratis online.

A DOCUMENTACIÓN básica que debe terse no caso DE SER REQUERIDA é a seguinte:

  • DNI, no caso dos particulares, ou documento de constitución de empresa, no caso de sociedades.
  • Título de propiedade da vivenda, ou contrato que probe a dispoñibilidade da mesma.
  • Licenza de primeira ocupación, ou documento acreditativo de tratarse dunha vivenda non cualificada como ilegal polo concello a efectos urbanísticos.
  • Seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos das persoas usuarias do establecemento por danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos causados que deriven do desenvolvemento da actividade.

Incumprir o disposto neste Decreto dará lugar a SANCIÓNS, tipificadas na Lei de Turismo de Galicia como infraccións graves. O grao mínimo desta multa abarca de 901 a 3.600 euros; o grao medio, de 3.601 a 6.300 euros; e o grao máximo, de 6.301 a 9.000 €.

 

Artigos de María José Mato

Artigos relacionados

comentarios