venres. 08.11.2024
El tiempo
María José Mato
09:10
27/09/17

O modelo de desenvolvemento turístico sostible: cantidade ou calidade

O modelo de desenvolvemento turístico sostible: cantidade ou calidade

A pouco que se pense é doado percibir que o crecemento turístico se analiza habitualmente desde a perspectiva da cantidade. A cuestión ven de lonxe, pero aféctanos especialmente durante os últimos tempos, nos que as cifras de visitantes á Costa da Morte semellan ser un potente reclamo para poñer en valor as xestións das políticas públicas.

Dinamizar e dar a coñecer o noso patrimonio é un traballo importante, claro que o é. Pero o interese último do asunto non está en saber cantos turistas se benefician dese traballo, senón en coñecer cal é o perfil desas persoas e rentabilidade que nos producen.

Disto mesmo falaban fai unhas semanas os hostaleiros de Santiago de Compostela. Que se queixaban ante os medios de comunicación de que cada vez teñen máis turistas pero menos ingresos. Moitos, en vez de comer nos bares e restaurantes fan cola nos supermercados. E en vez de pasar a noite en establecementos regulados, aforran, durmindo na casa de familiares e amigos, en pisos ilegais ou facendo visitas de un so día.

Guste ou non, esta é unha realidade -un modelo de desenvolvemento turístico- que tamén nos afecta a nós.

Con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, convídovos a que pensemos máis que nunca no noso futuro. A que miremos a dez, quince, vinte, anos vista. E a que nos preguntemos, cal é o tipo de turismo que queremos ter nos nosos concellos. Un modelo baseado en cifras crecentes de persoas que cada vez gasten menos? Ou tal vez un modelo centrado nunha oferta pensada, que permita atraer turistas que gasten máis? Cantidade ou calidade?

A miña proposta sería aumentar a cantidade de turistas ata niveis sostibles, pero facelo aumentando tamén a calidade. E para iso, nada mellor que planear estratexias que estimulen o aumento da competitividade. Pero, estas estratexias terían que deseñarse en base ó coñecemento científico da demanda, e este, por incrible que resulte, é inexistente nestes momentos.

Polo tanto, temos dúas complicacións esenciais -pero non imposibles- que resolver antes de afrontar con éxito o deseño do noso modelo de desenvolvemento turístico sostible:

  • A primeira complicación é que non existe unha conciencia xeneralizada respecto á importancia de coñecer cal é o perfil das persoas que nos visitan.

Noutras palabras, non é suficiente con saber de onde veñen os turistas, nin cantos son. Deberíamos ter unha información rigorosa e completa, que ocupase un lugar preferente á hora de afrontar os plans e decisións do sector tanto a nivel municipal coma supramunicipal.  Por que? Porque estes datos son imprescindibles para obter modelos sólidos de previsión cos que poder actuar agora, con vistas ó futuro.

  • E a segunda complicación é que non existe unha xerencia técnica coa que aumentar a competitividade turística da Costa da Morte.

E o que é peor, é máis que probable que deste feito dependa en gran medida o éxito ou fracaso do noso modelo de desenvolvemento turístico futuro. Por que? Porque a capacidade que teña un/ha xerente para dirixir ós concellos e lograr obxectivos en grupo, é vital para planificar, organizar, dirixir e controlar cada un dos procesos e actividades do noso destino turístico.   

 

Artigos de María José Mato

Fonte

Comentarios