Sábado. 20.04.2024
El tiempo
María José Mato
13:25
15/06/17

Turismo sostible para o desenvolvemento

Turismo sostible para o desenvolvemento
Anul-Internaţional-al-Turismului-Durabil-pentru-Dezvoltare-1-660x330

A Organización das Nacións Unidas decidiu que este ano 2017 sexa o Ano Internacional do Turismo Sostible para o Desenvolvemento. Unha verdadeira oportunidade para pensar en nós mesmos, e sobre todo para concienciarnos do mundo no que vivimos.

Cada ano 1.000 millóns de persoas viaxamos de norte a sur, e de este a oeste do planeta. Sentimos  motivacións que nos impulsan a vivir a autenticidade das imaxes e ideas que manexamos na nosa mente. Aspiramos, cada vez máis, a facer viaxes a sitios lonxanos, a coñecer outras culturas e incluso falar outras linguas. Viaxamos a lugares que, ante todo, gardan a historia e a forma de vida de muitísimas persoas.

O turismo é, sen dúbida, un dos factores clave para o desenvolvemento. É un dos sectores que máis oportunidades ofrece para o emprego e chega a converterse nunha ferramenta básica para aliviar a pobreza en moitas partes do mundo. Tamén favorece a inclusión. Pero para todo iso é necesario facer un uso eficiente dos recursos, favorecer os dereitos das persoas e protexer o medio ambiente.

Pensemos nos enormes impactos que provocan as POLÍTICAS agresivas que acaban coas fontes de riqueza dalgúns países. Pensemos nas EMPRESAS que prexudican o noso planeta se non se involucran coa sostenibilidade. E pensemos tamén en nós mesmos, e na nosa responsabilidade como CONSUMIDORES ou ANFITRIÓNS; cando escollemos ou creamos destinos turísticos que non invirten nun desenvolvemento sostible, o que conseguimos é favorecer a desigualdade, contribuir á sobreexplotación do territorio ou do mar, e axudar á destrucción da diversidade.

Nacións Unidas espera que este ano 2017 sirva para incidir no papel clave que xoga o turismo como motor para impulsar cambios. Recórdanos que o turismo se converteu nunha forza transformadora que ten unha influencia decisiva na vida de millóns de persoas. Pero non por iso, tódolos lugares precisan grandes infraestruturas, non tódalas zonas son exclusivas para os sendeiristas, nin as nosas cidades e pobos deben converterse en parques temáticos.

Cada vez existen máis e mellores oportunidades para viaxar. Podemos achegarnos a outras culturas pero, de igual maneira, outras persoas escollen visitar o noso territorio. Ante isto, a economía  resulta moi importante, pero que importancia lle damos ós valores culturais, á diversidade, e ó patrimonio? En definitiva, quen se preocupa do turismo sostible para o desenvolvemento?

 

Artigos de María José Mato

Artigos relacionados

Comentarios