Luns. 13.07.2020
El tiempo
Mario Maceiras
14:51
30/11/17

Traski equivocouse de camiño

Traski equivocouse de camiño
Non sei se o último comunicado dos Traskis (apelativo cariñoso co que na comarca xa recoñecemos aos membros da Asociación O Camiño dos Faros) subscitou a reacción e o impacto que supoño que pretendían no GALP, a quen se dirixía principalmente, e na comarca. Mais creo que o seu transfondo é o suficientemente importante como para merecer unha valoración sosegada e profunda, por todo o que implica. É indiscutíbel o papel que tivo e ten este colectivo, e nomeadamente as persoa que conforman o seu núcleo motriz, na posta en valor e popularización dunha ruta que percorre os sendeiros costeiros da práctica totalidade da Costa da Morte, na súa máis ampla concepción. Tamén é innegábel que a Costa da Morte hoxe ofrece un novo e potente reclamo a quen nos visita, o que sen dúbida está a ter o seu impacto no sector turístico, hostaleiro, etc. Sei ben que poñer en valor un camiño tradicional non é fácil. Na Asociación Monte Pindo Parque Natural levamos anos desbrozando e recuperando os camiños do Olimpo Celta, tentando por todos os medios de poñelos en valor e incentivar a que a xente os use, para logo descubrirmos tristemente que case ninguén os percorre, o que os leva a pecharse de novo e a nós a volver a traballar neles, e asi sucesivamente. Non; popularizar un camiño non é nada fácil, e menos cando a xente ten a opción de empregar na súa vida cotiá outras alternativas máis cómodas e seguras. Aí está o principal valor do traballo de Traski, e que os fai merecedores de todo o noso recoñecemento. No que non podo estar dacordo é na aparente concepción pechada, para min de nova descuberta, que parece ter Traski deste roteiro espectacular, nin moito menos aceptar que este camiño foi inventado polo núcleo motriz dunha entidade concreta, sexa a que sexa. Os camiños tradicionais existen desde que que existe o ser humano no noso territorio, empregados durante séculos para vertebrar e artellar un territorio disperso e agreste, e só nas últimas décadas, coa súa substitución polas modernas vías de tráfico rodado, chegou o seu declive ou en moitos casos, tristemente, o seu esquecemento e perda definitiva. Un camiño tradicional, e sen dúbida todos os incluídos no Camiño dos Faros o son, nunca deberan interpretarse coma unha obra de autoría orixinal, nin desde logo chegar ao extremo absurdo de rexistrar o seu nome pretendendo logo esixir uns supostos dereitos adquiridos a ninguén. Se o GALP, a Deputación ou a Xunta quere facer uso desta rede viaria, debe ter todo o noso apoio pois supón a consecución do máis difícil nestes tempos: que as administracións que representan aos cidadáns e os axentes sociais realmente exerzan a custodia do territorio que as leis e a xente lle encomendamos. Pola contra as críticas e mesmo ameazas de accións legais de Traski contra o GALP non parece en absoluto unha resposta apropiada a unha situación que debera enorgullecelo e mesmo celebrar, e pode levarnos a sospeitar que as intencións deste ser tan riquiño e entrañábel son en realidade moi distintas ao altruísmo do que presumen no propio comunicado. Non debemos lembrar que os camiños son unha obra colectiva de toda a sociedade durante ducias, centos ou miles de anos, que son tamén dos animais que os percorren cada día e os manteñen vivos, ou nos últimos tempos, tamén dos milleiros de visitantes que chegan atraídos á nosa natureza virxe, salvaxe, e cautivadora. É completamente lexítimo que os habitantes da Costa da Morte se beneficien do crecente coñecemento do seu patrimonio cultural, e estabelezan todo tipo de negocios, rutas turísticas, estabelecementos hostaleiros e de restauración, ou paquetes turísticos completos que convirtan a visita nun recordo multisensorial inesquecíbel. Pero no momento en que alguén entendeu que esta oportunidade de negocio se converte nunha propiedade privada, é que rebasou todos os límites razoábeis da oportunidade para converterse nun problema.

O exemplo do Monte Pindo

Sen ánimo de estabelecer comparacións odiosas ou imposíbeis, non é desprezábel que son moitas as entidades da nosa bisbarra que se ocupan, voluntaria ou forzadamente, do noso extenso patrimonio cultural. Sen ir máis lonxe e por centrarme no caso que mellor coñezo Asociación Monte Pindo leva 7 anos poñendo en valor o Olimpo Celta, acompañando a milleiros de visitantes polos seus camiños, desenvolvendo todo tipo de iniciativas de difusión, promoción e investigación dos seus valores que desenvovaron en ducias de liñas de traballo multisectoriais simultáneas que van dando as súas alegría. Esta dinámica xerou nestes anos infindas oportunidades de fixar usos lucrativos, e de deixarse seducir pola idea de apropiarse progresivamente, cando menos no aspecto simbólico, de todo ou parte deste espazo. Mais sempre se fuxiu, deliberadamente, do un e do outro. No aspecto lucrativo, de feito, hai anos que se decidiu deixar de organizar subidas con grupos particulares (agás con colectivos e entidades afíns, ás que nunca se lle cobrou) para dirixir ese fluxo de xente a persoas da comarca que poden ocuparse de guialos percibindo un custo simbólico que lle xere unha oportunidade de mellorar a súa calidade de vida. O mesmo podemos dicir do aspecto da apropiación real ou simbólica do espazo, pois aínda que o nome do Monte Pindo asociarase probabelmente para sempre coa asociación homonima pola intensa actividade que desenvolveu estes anos, nunca pretendeu apropiarse deste espazo nin dos seus reclamos; non faltaron as ofertas de rebautizar camiños e espazos ou mesmo dedicar pedras a persoeiros ilustres; mais sempre se rexeitaron ese tipo de iniciativas por extralimitar en moito o papel que debe ocupar unha entidade que non é nin propietaria, nin accionista, nin sequera a xestora dun patrimonio construído colectivamente durante milleiros de anos. Polo contrario, esta labor centrouse ao cento por cento en estabelecer sinerxias, fixando relacións e colaboracións con outras entidades de todo tipo, e tamén fomentando que a xente teña un bo coñecemento da historia e das rutas do espazo para logo seguir compartindo e espallando eses coñecementos a cada vez máis xente, pois en definitiva a sinerxia non só suma senón que ata multiplica. É aquí que chegamos ao noso leitmotiv: a declaración dun Parque Natural do Monte Pindo que nunca se pretendeu que que fose excluínte, prohibitivo ou restritivo, senón incluínte, aberto e horizontal, onde todos os axentes sociais teñan algo que dicir e desde logo teñan a oportunidade de defender os seus intereses, e por que non, de incrementar as posibilidades de aproveitalo no seu beneficio e te toda a sociedade, por suposto desde un uso substentábel. Por desgraza a actual Xunta é máis partidaria da primeira visión: a da división, a prohibición, a restrición, a apropiación dun espazo que nós, o pobo galego, legamos da natureza e dos nosos ancestros, para condenalo ao abandono, esquecemento e destrución periódica pola lacra do lume. Isto provocou que sete anos despois o Monte Pindo non só segue sen ser o Parque Natural que merece ter a Costa da Morte, senón que siga case tan abandonado como daquela de non ser pola tozudez da veciñanza que o amamos. Non convirtamos o exitoso e exemplar Camiño dos Faros, que non é nin máis nin menos que o aproveitamento dos camiños tradicionais litorais da Costa da Morte, nun novo exemplo desta concepción caduca, excluínte, e divisiva que cada día loitamos por superar. Sumemos e a poder ser multipliquemos, pois gañaremos moito máis.
  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Máis artigos en O Prouxiarado

Fonte

comentarios