Venres. 26.04.2024
El tiempo
Marisol Soneira
23:53
06/02/19

A Autovía Costa da Morte... Un Expediente X

A Autovía Costa da Morte... Un Expediente X

As infraestruturas públicas xustifícanse, basicamente, por dúas razóns: para dar resposta a unha necesidade ou para promover o desenvolvemento dun territorio ou dunha actividade. O exemplo mais clásico desta última  foi a construción, no medio da nada, de Brasilia como capital do Brasil como unha aposta política para o desenvolvemento dos inmensos territorios do centro dun país que, de maneira natural, miraba á costa e non ao Amazonas.

Cando Alberto Núñez Feijoo aterrizou no goberno da Xunta de Galicia anulou a adxudicación da autovía, que fixera o seu antecesor Emioio Pérez Touriño,  alegando que... “Viámonos obrigados a rescindir o contrato da anterior empresa porque non puido acreditar a capacidade técnica e económico-financeira para asumir a obra...”,  isto acontecía  en 2009. Acababa de chegar ao Goberno da Xunta de Galicia.

Volveuse a licitar a obra, previa indemnización, á empresa polo proxecto e traballos feitos. O resultado da mesma acabou no xulgado, xa que a oferta mellor valorada foi a máis cara: 395 millóns máis que a adxudicación precedente e por un período concesional cinco anos menos. Este proceso trouxo como consecuencia a destitución da directora xeral de Infraestruturas. 

Volta a empezar de novo, e adxudícase... á mesma empresa que non tiña “capacidade técnica nin económico-financeira”! por 745 millóns de euros. Nada máis nin nada menos que 161 millóns de euros máis que a adxudicación do Goberno Touriño e por cinco anos menos de concesión. 

A adxudicación fíxose polos 42 quilómetros de percorrido entre Carballo e Berdoias (Vimianzo) e a empresa non comezaría a cobrar ata a entrada en funcionamento da totalidade da autovía. Pero a realidade foi que a empresa só executou algo menos do 20% da obra e, a xunta de Galicia, modificando de facto as condicións da adxudicación e o contrato asinado e facéndolle trampa ao resto das empresas que concursaron por esta obra, decide “perdoar” os incumprimentos da concesionaria liberándoa de construír o 35% da autovía pero, iso si, indemnizando á empresa polos traballos xa feitos no tramo que non se vai a construír. A cambio, a Xunta parece ser “aforrou” un 17%  dos 745 millóns da execución.

E pasou o que pasou. Castrouse o proxecto e o que tiña que acabar en Berdoias que enlazaría cun corredor ate Cee e o Porto de Brens, acabou en Baio e do resto nin se fala. Arranxouse o conto dándonos un carameliño como é o corredor ate Santa Irena e levamos anos agardando pola súa continuidade ate Pasarela, en Vimianzo. 

Se atendemos aos indicadores socioeconómicos da Costa da Morte quizá non estaría xustificado este investimento pero, si pretendemos incorporala ás comarcas mais dinámicas de Galicia, non solo é necesaria se non imprescindible. Xa sei que hai por aí grandes economistas que se queixan do custo desta infraestrutura por, segundo eles, innecesaria pero que permaneceron, e permanecen, mudos diante de macroinfraestruturas que temos na provincia mortas de risa. Solo hai que darse unha volta por Arteixo e mirar cara o mar.

Estes detractores da autovía atopan público, tamén, entre algún que outro aborixe do propio territorio que, pensan eles, que a autovía poría en perigo a “milla do churrasco”... ate aí chega o minifundismo tamén.

A Xunta de Galicia ten mais dunha débeda con esta comarca que aínda non ten pagado. Sería bo que comezara rematando todo aquilo a que se ten comprometido, comezando pola autovía. E, tamén, sería bo que non fósemos nos os que lle fixéramos o caldo gordo a aqueles que solo ven a Costa da Morte como un magnífico parque temático para desfogarse o fin de semana e despois volver ás comodidades da vida urbana.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Comentarios