Mércores. 13.11.2019
El tiempo
Marisol Soneira
07:23
18/03/19

Un esperpento chamado Operación Orquesta

Un esperpento chamado Operación Orquesta

Pois os peores presaxios confirmáronse. De todo aquel dispositivo, máis propio dunha serie televisiva que dunha xustiza eficaz, non quedou nada. De todos os detidos, encarcerados, sometidos a escarnio público e ao linchamento social, só quedaban unha man chea deles que, anuladas as escoitas nas que se sustentaba todo o proceso, por ilegais, teñen todos os boletos para quedar libres de toda acusación.

Polo camiño quedan xa absoltos varios dos detidos e acusados neste incualificable sainete. Quedan, para vergoña do noso sistema de xustiza, todo un esperpento de procedemento que inclúe, entre os seus fitos máis salientables, un retraso inxustificable do xuízo aos principais imputados; unha instrución da causa manifestamente mellorable; unha interpretación da lei para montar as escoitas que acaban de tirar por terra os tribunais; un recurso fácil á xustiza-espectáculo de xeito gratuíto e, sobre todo, unha imaxe lamentable que non fai máis que sementar a desconfianza nun dos piares dun estado de dereito.

Pero hai tamén, en todo este lamentable episodio, un linchamento público dos acusados -de algúns máis que de outros- que obviou a presunción de inocencia sen ningún tipo de pudor; moitísimo sufrimento dos acusados e das súas familias; sementouse a desconfianza dos cidadáns nos seus representantes mais próximos que, visto todo o que se dixo e se fixo en relación con este caso, chegaron a conclusión de que todo o sistema estaba podre e que a enfermidade chegaba a tódolos recunchos do mesmo.

E agora que? Ninguén vai a dar conta dos erros cometidos? Ninguén asumirá responsabilidade algunha?

Cando un modesto concelleiro dun municipio pequeno asume o compromiso de dedicar unha parte do seu tempo a traballar polos asuntos públicos, sen dedicación económica e roubándolle tempo a súa familia e ao seu traballo, comete un erro por cativo que sexa, ten todas as papeletas para ser denunciado, vituperado, sometido a escarnio público e a ver como as redes sociais o converten na diana da crítica máis ácida.

Pero que pasa cando, coma neste caso, tanta xente sumamente preparada comete este tipo de neglixencia, por ser xenerosos no cualificativo? Quen nos compensa da perda da inocencia dos que confiamos nunha xustiza rexida por persoas serias, responsables e competentes que deciden sobre as nosas vidas e facendas?

Dicía Séneca: nada se parece tanto á inxustiza como a xustiza tardía... Dá a impresión de que neste caso, nin tarde nin cedo.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Novas relacionadas

Outros Artigos de Marisol Soneira

comentarios