Mazaricos divídese na loita por un servizo sanitario de calidade
Convocaba o grupo de Espazo Común unha concentración este pasado luns diante do Centro de Saúde para denunciar o desmantelamento "por decreto" da sanidade no rural e, sobre todo, a "actitude covarde" dos representantes municipais. Numerosos veciños achegáronse para corroborar a indignación veciñal ante a “falcatruada”, como denuncia o edil de ESCO Javier González Trillo, que supón a decisión da Xunta de Galicia de legalizar o peche dos centros os sábados e a redución de médicos.
"Dinnos que é para garantir unha mellor asistencia, pero a realidade é que nos deixan sen médicos para aforrar cartos a costa da saúde dos nosos maiores. É un ataque directo á liña de flotación de Mazaricos", denunciou o portavoz de ESCO, que tamén se pregunta “onde está o Goberno Local e a oposición do PP”, unha vez que nin o grupo de goberno do BNG nin o PP participaron.

Posición do goberno do BNG
”Desde o Goberno local de Mazaricos non asistimos á concentración convocada onte diante do Centro de Saúde da Picota porque entendemos que a reivindicación lexítima temos que realizala con lealdade institucional e o diálogo permanente coa Administración sanitaria”, explican fontes municipais.
Aseguran dende o Concello que nestes momentos, o grupo de goberno xunto co PP “estamos inmersos nunha rolda de reunións continuas coa Xerencia de Atención Primaria da zona, responsables directos do centro. Precisamente, froito desas reunións, acadamos compromisos concretos, como que a Xerencia garante que non se eliminarán prazas de médicos, que están ao dispor dos facultativos que as queiran pedir, ou que a Xerencia de Atención Primaria colaborará connosco nos arranxos necesarios, asumindo parte das actuacións”.
”O noso papel como Goberno local é traballar con discreción e eficacia, non para saír na foto das protestas, senón para resolver problemas reais”, relatan dende o grupo de goberno. “As concentracións son lexítimas, que tamén as hai que enmarcar na precampaña electoral, pero o noso lugar está nas mesas de traballo, buscando solucións e investindo recursos municipais onde outras administracións non chegan (temos aprobados 50000 para reparacións non edificio este ano). Nós imos aos feitos e á busca de solucións, non á campaña electoral”.
