Sábado. 23.03.2019
El tiempo
Miro Villar
10:28
21/09/18

A viaxe pola Costa da Morte no poemario Galicia en bus de María Reimóndez

A viaxe pola Costa da Morte no poemario Galicia en bus de María Reimóndez
Galicia-en-bus de Maria Reimondez

Na primavera chegaba ás librarías un volume que facía o número 54 da colección Xerais Poesía e que na súa contracapa a editorial presentaba con este suxestivo parágrafo:

«Galicia en bus é un libro de poemas que traza un percorrido íntimo e, ao tempo, social e colectivo, desde unha perspectiva feminista, articulando un mapa cartográfico que funde o territorial coas lembranzas persoais e o propio corpo. Este libro, co que a escritora María Reimóndez gañou a XX edición do Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu, afonda na identidade persoal e na identidade política establecendo e proxectando unha forte ligazón entre distintos periplos e espazos que se vencellan á memoria, á experiencia, ao país e ao feminismo».

En efecto, María Reimóndez (Lugo, 1975), autora dunha sólida obra poética, narrativa, de literatura infantil e xuvenil e de ensaio, nomeadamente feminista, realiza neste seu novo libro de poemas dúas viaxes, pois nos versos hai unha viaxe física en autocar ou ómnibus polo noso territorio, mais tamén unha outra viaxe simbólica e reivindicativa moi poderosa.

A estrutura do libro en catro partes, cos seguintes epígrafes: «Puntos de partida», «Os traxectos», «As estacións» e «Destino?», fai dialogar os poemas cunha serie de paratextos de diferente extensión que se presentan como citacións dunha tese intitulada O transporte público rodoviario na Galiza, cuxa autoría pertence a unha enigmática M. Roda.

A voz poética da primeira parte céntrase en xeografías que lle serían propias a María Reimóndez, as cidades de Vigo e Lugo, as vilas de Vilalba e Becerreá, a montaña dos Ancares, que acadan cumios expresivos na memoria das conversas coa avoa, no seu legado da lingua, a lembranza dos espazos do mundo rural da infancia e da adolescencia que se contrapoñen coa xeografía do traballo da cidade viguesa, da lonxa, da factoría de Citröen...

«Os traxectos» é a parte máis breve e máis metaliteraria, onde abrolla a reivindicación da palabra das mulleres fronte á secular desconsideración da sociedade patriarcal. Darlle voz, e fornecer esa voz de altofalantes para o seu empoderamento.

«As estacións» é o corpo central do libro e nesta parte aparecen os traxectos e as empresas de transporte público que teñen a concesión das liñas nestes últimos tempos. Son ducias de topónimos percorridos tras as xanelas do ómnibus (e aquí é onde emerxe unha importante presenza da Costa da Morte) que serven para poetizar episodios e reflexións, como se un caderno e un lapis acompañasen a voz poética nas longas viaxes de usuaria do transporte público. Os temas son diversos, van da escena máis emotiva á referencia social e política, sempre coa ollada limpa do feminismo que cuestiona os valores herdados e impostos.

E finalmente a pregunta existencial «Destino?» agrupa un pequeno feixe de poemas nos que a voz poética interroga sobre o propio fado mais tamén sobre a evolución (revolución unhas veces ou involución en moitas outras) da nosa sociedade e do noso pobo, mentres a paisaxe vai mutando, en ocasións até se converter en monstruosa ou deforme.

As localizacións explícitas da Costa da Morte aparecen na terceira parte intitulada «As estacións», concretamente nos poemas «De inverno» [Santiago-Vimianzo: liña de Fisterra, Autos Arriva]; «Toponimia 1»; «De primavera» [Santiago-Corcubión: Arriva] e «De verán» [Santiago-Fisterra: Arriva]. Velaquí estes catro poemas dunha obra de lectura moi recomendable e moi suxestiva, que nos formará como persoas máis críticas.

De inverno [Santiago-Vimianzo: liña de Fisterra, Autos Arriva]

Soa Bebe «la lluvia caerá» nun mollado día de pouca luz cos ollos iluminados. Escribo en movemento cando penso cando subo cando vou cando chego e escribo cando escribo cando paro cos pés na corda frouxa buscando a lucidez das rodas anchas entre tanta vía estreita (pista).

Toponimia 1

Non podemos evitalo. A máis inconsciente manifestación do noso ser que deixa pegada indeleble nun dicionario inmenso que aplicamos decotío revivindo con el a lingua de quen falou en épocas só memorables para o carbono 14. Brenlla Xallas Mazaricos Santa Comba. Enleados os nomes dos lugares á identidade polas mesmas bocas agredida.

De primavera [Santiago-Corcubión: Arriva]

En abril, nubes de la no ceo o verdecer das árbores en cada letra.

De verán [Santiago-Fisterra: Arriva]

Un peregrino madrileño explícalle a outra estadounidense que os galegos somos rubios e con pencas e supersticiosos por sermos celtas. Mais eu son morena e non creo nas supersticións nin nos celtas. Fai falta algo máis para unha permanente crise da identidade?

 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

comentarios