Venres. 19.04.2024
El tiempo
Óscar Rey Calo
11:52
23/06/15

Retrasos nos servizos básicos das praias da Costa da Morte: Cuadrillas de limpeza

Retrasos nos servizos básicos das praias da Costa da Morte: Cuadrillas de limpeza

Está claro que todos funcionamos a base de calendario, e que para a maioría da cidadanía non representa o mesmo ver lixo nas praias durante o mes de xaneiro, que no verán. Sempre me chamou a atención ver xente na praia nun pleno orballo de agosto, e ver a mesma praia baleira con sol a plomo, a finais de setembro. É cousa de costumes.

O caso é que a cidadanía vense queixando durante moito tempo do retraso que sofren os servizos de limpeza e vixiancia nas praias da Costa da Morte, e supoño que en moitos máis lugares do país.

A lei é clara. É competencia dos Concellos a limpeza e a vixiancia dos areais do seu termo municipal.

Tamén é certo que, a pesares de que todos asumimos que os Concellos son os que deben manter limpas as praias, xa teño visto, en pleno inverno, algunha máquina de Tragsa contratada polo Ministerio de Medio Ambiente (Costas), facendo estas tareas de limpeza. Recoñezo que xa hai bastantes invernos que xa non as vexo. E axudaba.

Vamos ao conto. Os Concellos asumen a limpeza das praias no verán, fundamentalmente. Para que un Concello poida ter estes dous servizos tén dúas opcións:

  • Por unha parte, orzamentar como propios estos gastos, asignando diñeiro do presuposto anual para contratar unha cuadrilla de limpeza, según necesidades. Independentemente de recibir ou non subvención, o Concello contaría con esta cuadrilla de limpeza, en tempo e forma orzamentadas.
  • Por outra parte, solicitar a subvención anual que durante os últimos anos ofrece a Deputación Provincial da Coruña, no caso dos Concellos da Costa da Morte.

E aquí está a chave. Se se opta polo segundo caso, normalmente é así, por falta de diñeiro nas administracións locais, non se terá orzamento dispoñible no presuposto, ata que a Deputación envíe de forma oficial a concesión da subvención, co cal, non se poderá contratar a ningún traballador ata que esto se produza. En todo caso, iniciar o proceso de selección cun reparo (non suspensivo) por parte do servizo de Intervención.

A subvención da Deputación:
Esta subvención é unha boa ferramenta para os Concellos pois ofrece diñeiro para contratar persoal e tamén material de limpeza das praias, normalmente convócase a primeiros de ano. Unha solución moi boa para case todos os Concellos medianos e pequenos, co único problema de que os prazos son marcados pola propia concesión da subvención. A cuantía depende, na maior parte, do número de praias que se deben atender.

Como acurtar os prazos en caso de optar pola vía da subvención?

O máis sinxelo é que os Concellos presupostasen os gastos de limpeza de praias nos seus orzamentos anuais, aínda que agardasen pola concesión da subvención, para non arriscarse a perder nin un céntimo dela. Deste xeito, aínda que agardasen, poderían iniciar o proceso de selección sen ningún tipo de reparo por parte do departamento de intervención, e xa se gañaría un tempo prudencial na posta en marcha do servizo. No momento que chegue a subvención, podemos xa contratar a todas persoas que foron seleccionadas no proceso selectivo e botar a andar o servizo de limpeza de praias.

Finalmente, hai que dicir que, a pesares de que a opción de orzamentar parece a máis obvia e sinxela, temos un pequeno problema. A Deputación debería comunicar todos os anos, que datas de obra ou servicio vai a subvencionar, pois pode darse a paradoxa de que orzamentes, comeces o servizo, por exemplo o 1 de xuño, e despois a subvención só cubra xullo, agosto e setembro. Polo que se perdería, como mínimo un mes.

Non deixa ser máis que un problema de coordinación, que ás veces soe ser a orixe de todos os problemas nas administracións.
As claves:

  • Os Concellos deberían orzamentar, se fose posible.
  • A Deputación debería adiantar a liña de subvencións o máis posible, sobre todo os prazos de concesión que sempre andan xustos cara o verán.
  • A Deputación debería de comunicar aos Concellos o periódo subvencionable, con antelación.
  • O Ministerio de Medio Ambiente debería facer unha limpeza profunda dos areais no inverno.
  • Nós deberiamos ser máis coidadosos co que tiramos ao mar e coidar dos areais. Menos plástico nas nosas vidas, pode ser un bo comezo.

  • Óscar M. Rey Calo, amante da radio e practicante na Radio Roncudo, e ex teniente alcalde do Concello de Ponteceso.

Fonte

Comentarios