Non é desexo, é poder

Hai momentos nos que a actualidade non necesita ser nomeada para ser comprendida. Non fai falta enumerar casos nin titulares para saber do que falamos.

As agresións e os acosos sexuais forman parte da vida de demasiadas mulleres. Non como feitos excepcionais, senón como experiencias reiteradas, compartidas e profundamente normalizadas.

O máis perigoso non é só que ocorran, senón que ocorran sen escándalo, sen consecuencias, sen ruptura. Que se integren na rutina, no día a día, nos espazos laborais, nas organizacións, nas empresas e nas institucións políticas coma se fosen parte inevitable da convivencia.

Porque a agresión sexual non sempre aparece como violencia explícita. Moitas veces preséntase como comentarios sexualizados, insinuacións, contactos non desexados, propostas fóra de lugar, invasións do espazo íntimo, en dinámicas de poder que condicionan como habitamos os espazos, como reaccionamos e como nos protexemos. E cando non hai forza física, cando non hai berros nin marcas, o sistema e as persoas que se benefician del, tenden a dicir que “non foi para tanto”.

Pero foi.

Non é malentendido, é abuso de poder

As agresións e os acosos sexuais non van de desexo nin de atracción. Van de posición de poder.

Van dun home que se sente lexitimado para sexualizar unha interacción profesional, nun espazo pechado, mentres está a traballar, mentres ten control sobre a situación, sobre o contexto e, moitas veces, sobre as consecuencias.

E van dunha muller que, como tantas outras, responde desde a socialización aprendida: minimiza, sorrí, segue a conversa, tenta desactivar a situación sen provocar un conflito maior.

Porque aprendemos cedo que confrontar pode ter un custo.
Que dicir “non” con firmeza pode traer represalias.
Que sinalar unha incomodidade pode converterse nun problema maior.

 

E é fundamental dicilo con claridade: rir, minimizar ou sorrir non é consentimento nin complicidade. É supervivencia aprendida. Un mecanismo aprendido para saír ilesas dun contexto no que a correlación de forzas non está do noso lado.

A intención do agresor non é o relevante. O relevante é a súa posición de poder e a capacidade que ten para condicionar o espazo, o tempo e as consecuencias.

Violencias que o sistema permite e as organizacións sosteñen

As agresións sexuais non persisten porque si. Persisten porque hai un sistema que as tolera, relativiza e protexe. Porque dentro das organizacións segue existindo unha cultura de silencio, impunidade e compadreo cos agresores.

Cando se dubida das mulleres.
Cando se pide discreción.
Cando se prioriza a imaxe da entidade.
Cando se fala de traxectorias brillantes.
Cando se infravaloran as agresións que non encaixan no imaxinario da violencia extrema.

Todo iso constrúe un ecosistema perfecto para que as agresións sexuais continúen ocorrendo.

Empresas, partidos políticos, institucións públicas… ningún destes espazos está libre desta lóxica. O poder segue a funcionar como escudo, e a palabra das mulleres como algo que sempre necesita ser probada, cuestionada ou contextualizada.

 

O custo de non nomear

Cando non se nomean as agresións sexuais, o que se fai é trasladar a responsabilidade ás mulleres: por non dicir nada, por non marchar, por non reaccionar doutro xeito. Ignórase que a violencia non comeza no acto, senón na estrutura que o fai posible.

Estas agresións condicionan a nosa liberdade moito antes de que apareza o dano visible. Ensínannos a calcular riscos, a medir palabras, a adaptar corpos e silencios. Ensínannos que determinados espazos non son seguros, que certos homes teñen permiso, que a nosa incomodidade pesa menos que a súa tranquilidade.

Por iso nomear importa.
Porque sacar as agresións sexuais do terreo da anécdota e colocalas no marco da desigualdade estrutural é o único xeito de combatelas.

Son a expresión dun sistema que segue educando a moitos homes na idea de que teñen dereito a invadir, a sexualizar, a ocupar corpos e espazos alleos. E que segue educando ás mulleres na contención, na prudencia e no silencio.

Non son casos illados.
Non son malentendidos.
Non son excesos puntuais.

É violencia sexual.
E mentres sigan sendo tratadas como normalidade, seguirán ocorrendo coa tranquilidade que dá a impunidade.

 

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero