“O xogo onde todo comeza”
Estamos en plena campaña de Nadal. Luces, panxoliñas, anuncios a todas horas e, sobre todo, montañas de catálogos e xoguetes que se converten na banda sonora visual destas datas. Pero detrás de cada regalo aparentemente inocente hai unha mensaxe, unha norma, unha mirada sobre quen deben ser as nenas e quen deben ser os nenos. E isto, como sociedade, non podemos ignoralo.
A EDUCACIÓN —con maiúsculas— é a ferramenta máis poderosa para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. E poucas cousas educan tanto, tan cedo e de maneira tan profunda como o xogo. Por iso é imprescindible poñer o foco na primeira infancia, coidar esta etapa, mimala e educala desde unha perspectiva de xénero e transversal que axude a interiorizar comportamentos cívicos, igualitarios e libres de prexuízos.
As crianzas non nacen sabendo que é “de nena” e que é “de neno”. Non nacen pensando que o rosa é para unhas e o azul para outros. Non nacen entendendo que unhas deben coidar e outros deben liderar. Todo iso apréndese, e unha das primeiras vías de aprendizaxe é o xogo.
Os xoguetes son instrumentos potentísimos de socialización. A través deles aprenden regras, símbolos, roles e formas de estar no mundo. Desenvolven habilidades cognitivas, físicas, sociais e afectivas. O xogo é a súa actividade central, a súa forma de explorar o mundo e tamén o espello no que comezan a construír a súa identidade.
E si: tamén a reprodución dos estereotipos e desigualdades que queremos erradicar.
Por iso, escoitar como xogan, que roles interpretan, que vocabulario empregan ou como xestionan a frustración, é unha ventá privilexiada ao seu universo emocional. Pero tamén unha alerta do que aprenden —ou desaprenden— a través dos estímulos que reciben.
Chega Nadal e basta ir ás tendas de xoguetes ou abrir calquera catálogo para entendelo: pasillos rosas para elas e azuis para eles. As primeiras reciben bonecas, maquillaxe, princesas, cociñas, ferramentas de limpeza, carros de bebé… Os segundos reciben coches, espadas, construcións, pistolas, acción, forza, velocidade... Incluso dun mesmo xoguete crean diferentes versións segundo sexan nenas ou nenos.
A mensaxe é clarísima: A través dos xoguetes, as nenas aprenden que o seu lugar é o fogar, o coidado, a beleza, a docilidade. E os nenos aprenden que o seu lugar e o espazo público, que deben de ser fortes, valentes, dominantes, se normaliza a violencia e non mostrar vulnerabilidade.
Este reparto tan aparentemente inocente é, en realidade, a primeira división sexual do traballo. Ensínalles que o fogar é “cousa delas” e o mundo exterior é “cousa deles”. Un mapa mental que logo se transforma en desigualdades reais: económicas, profesionais, políticas e vitais.
Cando un neno non recibe unha boneca porque “iso é de nenas”, o que realmente se lle está dicindo é: “Non coides, non sexas afectivo, non expreses esa parte emocional.”
E cando unha nena non recibe unha ferramenta, un balón ou un xogo de lóxica porque “iso é de nenos”, estase dicindo: “Non lideres, non arrisques, non explores, no ocupes ese espazo.”
É fundamental lembrar que non hai evidencia biolóxica que explique estas preferencias. O que inflúe é a cultura, a publicidade, os debuxos animados, as expectativas familiares... Todo un ecosistema que vai moldeando os seus gustos, intereses e comportamentos.
Os xoguetes non teñen xénero… pero a sociedade si
Unha boneca non é sexista. O é regalala só ás nenas por ser nenas.
Un coche non é sexista. O é negarlle a un neno a posibilidade de coidar, dar de comer ou acunar porque “iso é de nenas”.
O problema non está no obxecto, senón no uso, na mensaxe e no contexto.
E isto é clave: os xoguetes son instrumentos socializadores.
Por iso as familias que intentan educar en igualdade encontran tantos obstáculos: teñen que estar constantemente deconstruíndo e reexplicando o que a publicidade, a cultura e o mercado transmiten de maneira subliminal.
Educar en igualdade non é prohibir xoguetes, senón liberar ás crianzas das limitacións que lles impón o xénero.
É permitir que cada nena e cada neno descubran quen son sen presións, sen roles impostos, sen expectativas que recorten a súa liberdade.
Rompamos coa dicotomía masculino–feminino.
Deixemos de sexualizar ás nenas.
Permitámoslles aos nenos chorar, coidar, ser vulnerables.
A educación é liberdade.
E o Nadal é unha oportunidade inmensa para coller outro camiño.
Porque o que se xoga nestas datas… é o futuro dunha sociedade máis igualitaria, máis respectuosa, máis humana e máis libre.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.
