Venres. 03.05.2024
El tiempo

Falade neniños, falade galego

Falade neniños, falade galego

Hai unhas semanas lin na prensa un artigo sobre unha rapaza galega que enviou o seu currículum vitae a un hotel asturiano. No devandito artigo, a nosa paisana relataba como os xestores do local lle responderon dicindo que lles parecía absurdo que incluíra o coñecemento do idioma galego no seu currículum, e que mellor lle sería estudar Francés ou Alemán.

Evidentemente, non puiden evitar indignarme. Non só porque son galegofalante, senón tamén porque me parece un comentario propio dunha persoa sen amplitude de miras. Nos dous anos que levo en Londres, a lingua galega foime de gran utilidade en numerosas ocasións, sobre todo nas relacións comerciais con clientes portugueses e brasileiros, que demostraron comprenderme mellor en galego que en inglés ou castelán. E isto valórano moi positivamente os empresarios británicos, que ven aquí unha boa oportunidade de negocio.

De feito, o destino cruzoume co profesor de Lingua Galega do Instituto Español “Vicente Cañada Blanch”, un dos centros educativos máis prestixiosos de Londres. Segundo el me comentou, tan só un 30% dos seus alumnos (aproximadamente) son galegos ou descendentes de galegos. Os demais –arredor do 70%- proceden de diversos países e culturas.

Por que, entón, ían estudar galego un grupo de nenos e adolescentes se, como din algúns, a lingua galega é inútil e non serve para nada? Non será que estamos despreciando e desperdiciando un idioma que resulta ser irmán do portugués e do brasileiro (con máis de 250 millóns de falantes en todo mundo, distribuídos entre Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau e Macao, entre outros)? Imaxinades cantos países podemos percorrer manexando o castelán e mailo galego? Pois iso...

  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

.

Comentarios