Martes. 23.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
14:00
01/06/10

Chiringos

Foi noticia de prensa estes días a existencia no estado español de máis de 2000 organismos públicos. Axencias, institutos, fundacións, sociedades, empresas e un sinfín de entes de perversión e financiación pública dependentes dunha ou doutra administración e con finalidades tan diversas como inútiles. Toda unha feira de chiringuitos graxentos e pestilentes. Xa se poden imaxinar: Axencia galega de blablablá, Instituto español de tirirí e Consorcio murciano de tarará. Departamentos e subdepartamentos aos que chegas un día perdido a presentar unha instancia e uns androides que non miran á cara dinche aquí no es. Esta bacanal de axencias e institutos delegados é só unha mostra máis do entramado caciquil tan mediterráneo. Tan intocables. Tan ao gusto de quen goberne. Tan etéreos. Xa que a crise está a abrir un concurso nacional de ideas, como humilde contributo propoño unha nova: Axencia Estatal para a Disolución de Axencias. E xa postos en faena, sigamos co exterminio orxiástico. A caprichosa distribución provincial galega -que tanto lembra o reparto africano de escuadra e cartabón- vén por riba acompañada dun irmán parvo, as deputacións provinciais. Existe algo máis rupestre? Verdadeiras cavernas especializadas en tráfico de esmolas en concepto de subvención, postiños ben remunerados e conflitos de competencias. Fóra! E aínda máis. Serven para algo as Cámaras de Comercio? Son necesarios 315 concellos en Galicia? Fan falta tantos cargos de libre designación? Que é Neria? Estamos sós na galaxia? Existe o máis alá? Misterios. O sistema público é o gran tesouro das sociedades libres. Un sistema que garante a educación gratuíta e universal. A atención médica sen distincións. A cobertura e amparo para os máis desfavorecidos. A defensa do sector público é unha máxima revolucionaria, ineludible. Iso non é brincadeira.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Xuño 2010.

Comentarios