Comunidades de veciños
13:14 07/02/10
Ser o Presidente da Comunidade de Veciños é un cargo que, por moita maiúscula que eu lle poña, non lle agrada a ninguén. É un posto sen rango nin caché de ningúnha clase. Ninguén se para na rúa para saudalos, non acoden a comidas oficiais, non cobran nin sequera dietas. Espértanos pola noite para dicirlles que non se ve Telecinco e teñen que aturar insultos a rotulador nas paredes do ascensor. Cambian as bombillas do portal, organizan a limpeza dos garaxes e as escaleiras, reparan os desperfectos ocasionados polos rapaces do segundo A e xestionan as obras de mantemento de fachadas. Non é de extrañar que ninguén se postule para presidente e, por tanto, este cargo adoita ser de designación rotatoria e de carácter obrigatorio. Iso si, nalgúns casos, contan co asesoramento dunha xestoría que, previo pago, leva a cabo o arduo traballo de convocar unha reunión anual.
A meirande parte das nosas vilas na Costa da Morte non deixan de ser unha comunidade de veciños. Somos poucos. Vantaxes da vivir na periferia. Xa que logo, a xestión dos nosos problemas máis próximos, ordinarios e prosaicos, non debería diferir moito daquela outra. Pero hai diferenzas notables. A comunidade veciñal recibe o nome de Concello, a disposición poboacional tende a ser máis horizontal e espallada, o presidente da comunidade chámase alcalde e a maneira de levar a comunidade denomínase política local. Todos os alcaldes queren ser alcaldes e no lugar dunha custosa xestoría contan co apoio de diversas administracións públicas das que reciben os cartos.
O máis perigoso, o verdadeiramente triste, é a instalación do rancor nas políticas locais. Ben é certo que as comunidades de veciños non sempre son espazos de plena concordia, pero hai, por regra xeral, un civismo implícito consistente no respecto ao veciño. Pola contra, os concellos son campos de batalla nos que a sociedade queda fracturada pola inconsciente actitude de politiquiños, gobernantes e opositores, que trasladan os seus ancestrais odios persoais a toda a veciñanza. Emerxen como cogumelos hooligans dun e doutro signo, créanse círculos tabernarios, espállase libremente a difamación, féndese a xustiza equitativa e unha poeira de ignorancia e carraxe nubla a vista dos máis fanáticos. Liquídase, en fin, calquera propósito comunitario fraternal, esquecendo que a Política é a acción no beneficio da comunidade.
- Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Febreiro 2010.