Galicia Lingüe
13:16 01/02/10
En Galicia hai case tres millóns de linguas. Xeralmente unha por habitante. Tamén hai, aproximadamente, sesenta millóns de dedos ou case 18.000 km de intestino delgado. Son infraestruturas orgánicas do país. Útiles e necesarias.
Cada quen ten os seus órganos e, todos xuntos, conforman o conxunto. É dicir, non existe unha Galicia Bi-intestina, por poñer un caso, senón que cada un ten un intestino e cada un fai uso del como boamente pode. Tampouco sería correcto falar dunha Galicia Bisexual por moito que existan galegos macho e galegos femia. En fin, os órganos son individuais e non sociais, segundo dicta a natureza anatómica, e serían erróneas as interpretacións pseudocientíficas do tipo que cada un use o intestino que queira, ou expresións como en Galicia sempre houbo dous páncreas etc. Están en desuso por arcaizantes e acientíficas definicións orgánicas como o pene rexional ou mesmo a vaxina vernácula.
A lingua é útil. Como se dixo, cada galego e cada galega teñen a súa e préstalles bos servizos. Axúdanse dela para deglutir, para cuspir, para amar e mesmo para falar. A histoloxía non ten casos documentados de galegos con dúas linguas, o mitolóxico galego bífido. Si existen, en cambio, probas evidentes de intercambio de linguas entre humanos galegos, o que lles proporciona excitantes estados sensoriais. O intercambio de linguas é un fenómeno moi común entre a poboación galega e está sometido a complexas regras sociais. Por exemplo, se a túa parella intercambia lingua cun terceiro individuo, xorde entón un conflito lingüístico.
As autoridades orgánicas teiman en regular o uso das linguas por decreto. No seu celo por preservar a moral da comunidade, temen unha reacción en cadea de intercambios de linguas que provoquen un conflito lingüístico masivo, cousa pouco probable dada a escasa promiscuidade da sociedade galega. Adoitan intercambiar as linguas só en parella. Pretenden as autoridades un uso profiláctico da lingua, reforzando unha especie foránea implantada hai séculos que evite o perigoso contaxio. Con todo, e esixindo o dereito de usar a lingua propia, os galegos teñen saído á rúa manifestando reiteradamente o seu desacordo co decreto. Conta a bibliografía histolóxica que os reiterados intentos de trasplante lingüístico en Galicia remataron polo de agora en rexeitamento.
- Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Febreiro 2010.