Martes. 16.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
14:10
01/04/10

Mohamed

Mohamed, un amigo meu senegalés, vende películas piratas e cds polos bares. Quedoulle un brazo eivado dun accidente na construción. Traballaba sen contrato e o xefe díxolle abur emilio. É un tipo cunha conversa amable e un sorriso contaxioso. Os seus ollos, dous enormes farois que de seguro, alumearon na noite a súa travesía polo océano. Encántalle falar de fútbol, e como case todos os africanos, adora a Eto’o. Mohamed, que é moi forte pero semella fráxil como un neno de vidro, non oculta o seu temor á policía. Se os ve ao lonxe, recolle nun intre os catro extremos da súa top manta e sae por patas. Como unha gacela da sabana. Mohamed ten compañeiros na cadea por vender discos de Bustamante e películas pixeladas. As penas de prisión poden chegar até os dous anos, e así mesmo, deben indemnizar á SGAE cunha cuantiosa suma. Oxalá eses cartos se convirtan en esterco que apodrecese o seu sangue. Como falamos de fútbol, nunca lle conto historias de personaxes que non coñece de nada. Mohamed non sabe quen é Jaume Matas, nin Luís Bárcenas, nin Pablo Crespo, nin Francisco Camps, nin Ricardo Costa, nin O Bigotes. Cando os ve no telexornal, tan só ve uns homes con gomina, traxes caros (?) e coches de luxo. Uns triunfadores horteras. Como llo explico? A ver, se 100 cds son dous anos de cárcere, entón estes... bo! mellor calar. Tampouco lle conto historias das nosas tradicións. Total, que lle importa a Mohamed quen era Mariano Rubio ou Juan Guerra ou Roldán ou... En fin. Mohamed veu a España na procura do seu soño europeo porque no seu país hai moita inxustiza e a corrupción está xeneralizada. Eu calo. Cando me pregunte por Gürtel, heille dicir que é o novo dianteiro do Bayern de Munich.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Abril 2010.

Comentarios