Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
21:38
23/12/10

Portugal irmão

Portugal irmão
Vou todos os anos a Portugal. Non é só polo pracer de viaxar, de desconectar da rutina, de facer o ganso como os guiris. Vou por necesidade. E por obriga. Vou inxectarme lusitanina para combater a ranciura españoleira, e apañar máis folgos que Viriato. Atraveso o Miño feliz, desexando tomar un café cimbalino na primeira parada, Valença. Con ollada antropolóxica observo as greas de galegos regateando o prezo das toallas, as excursións de maiores comendo bacalhau nas terrazas, as fotos dos turistas na Fortaleça. Valença é cidade fronteiriza e como tal se comporta. O trafego comercial é incesante e algo cutre, con apego a outra época. Xente de aquí para alá con paquetes, bolsas, edredóns e cazolas de barro. En menos de media hora a lusitanina fai efecto e xa son un auténtico galego-portugués. A viaxe non fixo máis que comezar, e tanto ten o destino final. O mesmo dá que fiquemos nas tristeiras cidades do norte, pequenas como o pé dunha geisha ou baixemos ao sol do Alentejo. Tanto ten que te internes na grisalla do Porto ou na máxica luz de pexego na Lisboa vella. Como na partida a Itaca, Portugal regalouche unha fermosa viaxe, nada máis pode darche. En Portugal un intenta non ser alleo, e a lingua axuda moito. No solpor da taberna, e ao agarimo dunha augardente vella, podes botar unha leria amable e saudosa cos irmãos portugueses, querentes de palabra e sorriso. O Cristiano, o Mourinho... Ah, o futebol! Non hai ponte no Miño que una como o futebol. Calquera galego ben nacido nota a irmandade en Portugal. Disfruta ouvindo a súa propia lingua, tal vez con outro acento, o seu sotaque. As nosas palabriñas, mastigadas con dozura devanceira, as nosas mesmas palabras. Un pobo, unha fala. Os regresos sempre son amargos. A estrada cara ao norte despídenos con fume e olor a frango. Algunha camioneta adianta con tráfico de fronte e no monte só ves, como aquí, eucaliptos queimados. Paras a tomar un Sumol de ananás e preparas a túa alma para o retorno á casa. A lusitanina vai perdendo efecto. Pensas por que se lle dá o cu a Portugal. Pensas por que en Extremadura, Andalucía ou Castela-León hai miles de alumnos con portugués nas aulas. Pensas no doado e útil que resultaría para un galego achegarse ao portugués, esa lingua con 240 millóns de falantes en todo o mundo... Pensas na Lusofonía. Pensas no Brasil, nas Áfricas, en Goa, en Macau. Pensas que aquí estamos un pouco mal da chaveta. Terriña de psicanálise. Paro en Vigo a tomar unha Estrella Galicia -que es de La Coruña- e penso se estarei en Guadalajara. Não faz mal. Menos mal que nos queda Portugal.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Decembro 2010.

Ouras historias nómades

Comentarios