Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
14:01
07/05/10

Pulp Fusion

Señor José, un xubilado de Monte Alto, díxome estes días que estaba moi contento pola fusión das caixas galegas. Díxome tamén que esta fusión era un logro acadado en beneficio do país e, xa que logo, redundaría no benestar dos galegos e galegas. E como el é galego... Comenta señor José que así os cartos han de quedar na terra e o esforzo aforrador da nosa xentiña non emigrará a Madrid, como emigrou el de mozo á Arxentina e logo a Suíza. Se eu soubese algo de economía diríalle que os cartos non están aquí nin alá e falaríalle da globalización económica e do desastre neoliberal que nos está afundindo nas areas movedizas da crise, motivada pola banca e os seus perversos xogos especulativos. Pero como non sei nada de economía, calo. Con todo, é de agradecer o esforzo pedagóxico realizado nestes últimos meses pola prensa en xeral, e por La Voz de Galicia en particular, tanto na súa defensa da fusión como no papel vocacional de instrutores públicos. Vaia, unhas clases de empresariais de balde para toda a sociedade galega. Así é que nas tabernas a fusión das caixas pasou a ser un tema de conversa recorrente, ilustrados como estamos agora pola prensa. Se soubese algo de política, diría que non me creo para nada ese altruísmo galeguista que se respira nos editoriais da cabeceira coruñesa, e que todo isto cheira a chamusco. Pero como non sei nada de política... Señor José opina que a fusión traerá consigo unha maior e mellor atención ao usuario xunto con condicións bancarias máis favorábeis para o pequeno cliente, canso xa de sufrir tanto abuso en letra pequena. Ai, se eu soubese algo de xustiza falaríalle, das condicións da miña hipoteca, contratada nunha destas caixiñas da nosa terriña tan galeguiña ela e chascarraschás. Diríalle que é das peores do mercado, que cobran comisión ata por tusir na sucursal, que estamos carregados de seguros, tarxetas con custe, bombardeados por mil e un produtos de feira... Pódese roubar máis alto, pero non máis claro. Ai, se eu soubese algo de xustiza... Camiñamos de vagar o señor José e mais eu polo paseo marítimo, cruzándonos con ducias de coruñentos apresurados. Ao pasarmos por unha vella sucursal dunha caixa galega comenta: - Que nome lle poñerán á nova caixa? Eu, que sei moito de amor e agarimo, espétolle: - Como quedou o Depor, papá?
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Maio 2010.

Comentarios