Martes. 23.04.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
12:09
11/01/11

Smoke

Escribo esta historia cun cigarro apoiado solemne no cinceiro. Déixome hipnotizar polo fume que ascende en piruetas malabares cara ao pálido teitume. Aproveito as pausas para botar unha calada gorentosa e percibo o tránsito do fume pola gorxa abaixo, como unha excursión dilatadora dentro de min. Exhalo o fume polo nariz. Atopo a paz interior.

Son xa tan vello que comecei a fumar co vaqueiro de Marlboro atravesando as chairas do Medio Oeste americano e lembro aquela sintonía como a banda sonora da miña adolescencia, xa saben: ti ti tirí tiririririrí. Como non ía fumar? Cunha camisa de cadros, jeans axustados e botas campeiras, fumaba polo asfalto da cidade sentíndome un tipo duro. Daquela os iates chamábanse Fortuna, os grupos de rock Camel, o swing soaba a Winston e todo cheiraba a Ducados. Educáronme para fumar.

E os tempos foron mudando. As Autoridades Sanitarias (sic) advertiron nun principio que o tabaco podía ser nocivo para a saúde. Podía ser. En tanto os médicos dubidaban seguimos fumando. Foi logo que comezaron coas mensaxes nos paquetes de tabaco insistindo nos seus poderes demoníacos que mesmo afectaban á pirola. Un golpe baixo. E aquí estamos, nunha estampa choqueira e surrealista.

Fóra chove. Fago un paseo de inverno pola vila e vexo os mimos do século XXI, as estatuas humanas dos novos tempos. Homes e mulleres fumando nas portas dos bares, limpos e baleiros. Un fato de homes fuman como esfinxes fronte a Ferroatlántica. Semblantes tristes e calados fumando no aparcadoiro do hospital. Un pai de famila que fuma ás beiras dun parque infantil, acovardado, vergoñento, patético. Son replicantes?

O fumador é o novo ionqui dos tempos modernos. Estigmatizado e cheirento, non cabe nos espazos que a sociedade dispón. Un paria sen dereito ao acubillo, castigado a espir a súa miseria diante dos escolares cando baixan do bus. Desprovisto e só. Non o mires. Non lle fales. Non o toques.

Non sei que mundo nos agarda. Tal vez un no que Humphrey Bogart toma Cacaolat por unha palliña, os antros de jazz cheiran a ambientador de pino e o cocido de verza é transxénico. Iso seguro. 

 

(Esquecín dicir que este ano quero deixar esta peste de vicio).

  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Decembro 2010.

Ouras historias nómades

Comentarios