Luns. 04.11.2024
El tiempo
Sole Méndez
17:45
14/01/24

Encabezonamento: Uns e outros, e a praia por varrer…

Encabezonamento: Uns e outros, e a praia por varrer…

Que temos os mares cheos a rebentar de lixo plástico xa non sorprende, hai tanto plástico nos Océanos que existen 5 illas que non paran de medrar.

A humanidade produce máis de 430 millóns de toneladas (T) de plástico ao ano; das cales, dous tercios son produtos de vida corta que en pouco tempo convértense en residuos, que anegan os océanos e invaden a cadea alimentaria humana.

Ata a actualidade fabricáronse uns 8,3 mil millóns de T de plástico desde que a súa produción comezara
sobre os anos 50, o que equivale ao peso duns mil millóns de elefantes. Tan só os fabricantes de bebida producen máis de 500 mil millóns de botellas de plástico dun só uso cada ano.

Desde fai tantos anos que nin eu podo lembra-lo, empezaron a formarse as “5 illas” ou supermanchas* son, cada unha, do tamanho de Europa ou Iankilandia.

Sábese a ciencia certa que se fai unha vertedura de 8 T anuais de lixo ao mar, todo o demais é a ciencia incerta. Non se fan proxectos efectivos para mudar o xeito de fabricar plásticos dun só uso, os cales perduran por décadas nos Océanos, viaxando coas correntes, soterrados nos fondos ou nas costas de todo o mundo, acompanhando aos que xa levan máis de 40 anos nas capas subterráneas da terra e de cando en vez, escupenolos o mar. Tampouco se prohíben para mudar o paradigma da necesidade de adquirir todo o que leve plásticos ou derivados na súa composición.

Pero a cousa da “merda” non queda aí! Como país “desenvolto” producimos 1,1 kg de residuos sólidos por día, isto quere dicir que unha familia de 4 pax. podería chegar a xerar ata 1,6 T por ano. POR ANO!!!

Residuos que levamos concienciadamente aos contentores asignados como se fosen o sombreiro máxico que fai desaparecer coelhos. Pero a realidade é que, por exemplo, a industria da moda rápida provoca grandes problemas en países como Kenia, onde existen enormes vertedoiros de países europeos con máis de 112 millóns de prendas que desbotamos cada semana (56 millóns son inservibles e 37 millóns foron fabricadas con materiais plásticos).

Asia, América Latina ou África, son o destino do noso lixo electrónico, recibe máis de 352.000 T cada ano. Residuos tóxicos que están pegados a plásticos, que acaban sendo pasto de enormes quemaderos en vertedoiros de países empobrecidos como Nixeria, Ghana ou Tanzania, onde a cativada pasa o día inhalando estes fumes que inclúen metais pesados como chumbo, cadmio ou mercurio, mentres busca algo que vender que lle encha o bandullo cada dous días.

Temos festividades adoptadas coma se fosen gurús que ocasionan un consumismo estúpido e exacerbado de produtos, que tenhen plástico na súa produción ou van envoltos nel; chaménse Black Friday, Ciber Monday, Oktober Fest, Hallowen, Black Weekend, Santa Claus, Reis Magos, Nadal, Carnaval… ou mesmo Rebaixas. Unha práctica normalizada que consiste en mercar o que non necesitamos pola metade do seu prezo, que, en realidade, sáenos o dobre de caro.

Producimos material de refugallo, por enriba das nosas posibilidades; material que contamina grandes extensións de terreo, e millóns de litros de auga doce e salgada. Pensade que unha desas inocentes cabichas que atopamos no chan, á porta de calquera taberna ou centro médico, contamina entre 8 e 10 litros de auga salgada e ata 50 de auga doce; e, se remata na natureza, envelena á fauna e á flora de 5m² ao redor dela.

Pero non é a minha intención amosar as porcentaxes da vergoña, senón avergoñarnos a todas/os, afirmando con rotundidade que a culpa do desastre actual por contaminación de bolinhas e outros microplásticos non é dunha autopista a 21 millas da costa de Fisterra, nin dos barcos que naveghan coas bodegas ou os contentores cheos de mercancías perigosas, nin sequera da fábrica que vén rotulada nos saquinhos, tampouco da armadora nin da aseguradora ou das varias bandeiras de conveniencia de países que pagan por encher de lixo calquera lugar do planeta. A culpa non é da Xunta, nin do presidente por moi pailán que sexa, nin tampoco das Consellerías, nin do Goberno Central, nin sequera dos que deciden co cú quente no sillón (feito de granulado*) dalgún despacho… Non.

TODA a culpa é nosa, de cada unha de nós e de todas/os en conxunto, porque somos as/os consumidoras/es máis letais dun planeta onde extinguimos varias especies de fauna e flora cada semana, onde acabamos con todo e non miramos cara atrás… nin tampoco cara adiante.

Ao sermos un animal danhino que arrasa con todo ao seu paso, mantermos un nivel de consumismo inasumible para os recursos finitos dun planeta esmagado a todo-los niveis e con data de caducidade.

Está nas nosas mans dende sempre o que axudaría a mudar o status quo: deixar de consumir estes artigos. Pero non só as botellinhas, nin os vasos das festas, nin as pallinhas, nin o film de envolver os bocatas na casa, nin as latas, nin todo o que vén envolto, NON. Compre URXENTEMENTE que rexeitemos todo o que na súa composición leve plástico ou derivados químicos.

Si, é moi fácil escribilo, seino, e case imposible levalo a cabo, sobre todo cando vives no fin da terra ou nunha vila onde as rúas están cheas de establecementos que foron ultramarinos ou obradoiros de artesás e podías mercar todo a granel, levar as botellas de vidro retornables, arranxar o que se rompía, e o leite viña á porta da casa a diario. Hoxe en día, eses locais siguen estando, pero baleiros ou con un 24h de maquininhas que che preparan unha hamburguesa de plástico mentres mercas un xel efecto frío-calor cunha chea de parabenos e polipropilenos para espertar a túa líbido e durmirte aínda máis a conciencia.

Lembro aquela performance que fixemos Lola Rontano, Pepo máis eu, aló polo 2019 no Neghra Sombra, onde a Teogonía dos Plásticos, escrita co rigor da gran escritora e activista que é Lola, e aqueles traxes futuristas cosidos a man con anacos de fundas do Prestige que nos converteu en cíboras durante dúas horas, nunha posta en escea que acompañamos coas imaxes plásticas e BSO de Sigur Ros e que ninguén entendía, está cada vez máis preto de ser unha realidade, como que xa estamos rodeadas de plástico, papamos plástico e o plástico flúe polo noso sangue e polo das nosas descendentes que caminhan cara o transhumanismo máis terrible. E non poderemos paralo… ou si…

Urxe unha concienciación real das mentes que aínda están adormecidas ou anestesiadas co ¨brilli brilli¨ dun capitalismo en forma de blíster, bandexa de poriespán ou recheo de silicona para performar o corpo san nun ciborg desposuído de principios, obrigado a agradar a unha sociedade sexista e cosificadora.

É urxente opinar, e mandar esta opinión ás empresas e multinacionais que envolven os seus produtos en film, bolsinhas por unidade, en bandexas ou barquetas, envases plásticos tipo blíster e ufff!! ... a empresa cosmética. Moitas que presumen de ter código ético mentres que contaminan acuíferos, ríos, mares, e utilizan na súa produción os recusos finitos do planeta. Un planeta que é de todas e todos.

É urxente que, como verdadeiras GuerreirAs*, faghamos unha resistencia potente e rexeitemos todo o que está fabricado con potenciais refugallos contaminadores; porque despois, imos ter que dobrar o lombo para sácalo dos areais, boleiras, e recunchos fermosos.

Limpeza de Narea

E, xente…
QUE XA TEMOS UNHA IDADE! E necesitamos verter toda esta sabiduría que vos vai salvar, nas mentes das novas xeracións, simplemente para que o futuro medioambiental e os valores de protección do medio, perduren.

Mais tamén necesitamos que tódalas empresas, asociacións, grupos ecoloxistas e colectivos, ou persoas independentes cun mínimo de conciencia mediombiental, sexan conscientes que traballar para o inimigo non é a solución:

- Que BRANQUEAR (greenwahsing) á multinacionais que son as que máis contaminan (tanto na produción dos seus artigos como na man de obra escrava), non se amaña cunha limpeza de praias patrocinando ás súas marcas, nin aceptando as súas esmolas cargadas de culpa.

- Que NON é coherente que o merchandising da nosa agrupación (que queda moi bonitinho nas praias) se fabricara gastando esos recursos escasos e utilizando químicos que moitas veces, demasiadas… limpamos. Canto se gasta en fabricar un chaleque, unha bolsa de rafia ou uns capachos serigrafiados?

- Que NON é coherente que cobres a un Concello por limparlle o lixo, chames ao voluntariado para o traballo e despois vendas o sacado a unha empresa que fabrica bancos, chaveiros ou plaquiñas, e despois lle cobres a ese mesmo concello por chantarllo na súa rúa a cambio dun prestixio mediomabiental e unha factura.

- O Voluntariado non ten retribución económica algunha, nesto estamos de acordo, pero NON é doado que a asociación coa que colaboras tenha un traballador en nómina ou saque retribución das limpezas, para iso xa están as que hai contratadas a dedo pola Xunta (que poucas veces ou ningunha se lles ve polas praias)

- Que NON é agradecido ver que unha asociación, que convoca voluntariado, cobre subvencións dos mesmos verdugos que permiten que cargueiros ateigados de elementos e líquidos perigosos ou contentores mal amarrados, pasen polo corredor de Fisterra no medio dos temporais; ou dos que se mofan do traballo que fas na área cun coador, unha vasoira e un polveiro; ou dun Goberno Central desnortado, ignorante e despreocupado de manter en bo estado o lugar de traballo de centos de persoas que traballan e viven do mar. E é por iso polo que existimos nós as persoas do voluntariado autoxestionado radical.

- Que NON levamos ben que as Consellerías do Mar e de Mediombiente ponhan as pautas de como temos que facer as accións de retirada de lixo plástico das praias e boleiras ou outros recunchos, cando nin sequera se dignan a baixar á area, e non lexislan en beneficio dunha boa xestión da Rede Natura 2000 ou a Lei de Costas, e permiten aberracións tan grandes como chantar un Parador de Turismo nunha zona protexida e chamarlle progreso ecolóxico e autosostible.

- Que NON queremos que nos inunden os areais de manipulación informativa, tampouco que venhan a sacarse a foto facendo o paripé, ou que quen debería protexer as agrupacións marisqueiras e marinheiras da súa vila costeira ande facendo alarde da ignorancia do século dos dinosaurios.

- Tampoco nos ghusta que se politicen as accións onde deberían acudir todas as persoas cun mínimo de conciencia co mediambiente, independientemente da súa inclinación política ou sexual. As bandeiras non limpan ben e quédanse pequenas e, ás veces, contaminan e apodrecen todo.

- Sei que che gustaría mercar algúnha desas obras de arte que se elaboran co refugallo que atopamos nos areais. Obras, que detrás tenhen moitísimo traballo físico e creativo pero que non podes permitirte porque son para o peto dunha clase social acomodada. Obras que, ás veces, necesitan na súa transformación máis elementos que son fabricados con químicos derivados dos polipropilenos (como as malditas bolinhas) e que contaminan na súa producción inicial.

Querémosvos dar a oportunidade de ver e palpar a contaminación que nos mata un pouco cada día; porque, queridas mentes ecoloxistas (ou non), o PLÁSTICO MATA, e é urxente sacalo do medio. Toda esta parrafada non é máis que para facer alarde da minha condición de axitadora social e tamén para facer un pouco de ruído, que vos indignedes polas minhas verbas, e esa indignación se trasforme en raiba; que se vos revolvan as tripas e que fagamos un mundo mellor para todas e todos sen caer na pedantería de ter que radialo todo, que está moi ben cando hai que facelo, pero que non nos beneficia cando se convirte en puro narcisismo, porque, entón, a conciencia desaparece, caemos nos erros de principiantes e facemos moito máis dano que benefecio e coidado do que necesita o noso. Falo da “turistificación do medio” e o “turismo de desastres”.

Quero que faghades todo o posible por rexeitar da vosa vida os contaminantes que matan, non fai falta que baixedes o lombo nos areais (que tamén), basta con que tomedes impulso e caminhedes polo regho de levar a conciencia na mirada.

Invitadas/os quedades a vir e vivir nas vosas carnes unha xornada de acción de retirada de lixo, podo ofrecervos a seguridade de que ides rematar agotadas/os pero que, cando volvades a vista atrás, levaredes pegada na ialma unha sensación única de ter feito maxia, de sentir a forza de convertervos en verdadeiras/os #GuerreirasDoLixo. E isto, queridas mentes inquietas e loitadoras, é un regalaso ghrande coma un mundo.

Sede filises, rexeitade o plástico.

  • Soledad M. Vásquez, artivistA, marinheirA, mariscadorA e guerreirA do lixo no Colectivo NaArea

Comentarios