Luns. 18.11.2019
El tiempo
Xan Fernández Carrera
12:32
13/08/18

A orixe da vila da Ponte do Porto

A orixe da vila da Ponte do Porto
Panoramica do Ponte do Porto-Foto-Ramon Caamano 1929 Panorámica do Ponte do Porto en 1929-Foto-Ramon Caamaño

A formación do novo núcleo nas inmediacións da ponte sobre o río do Porto, que dará orixe a futura vila da Ponte do Porto, principiará no século XIX. Este desenvolvemento urbano comezará a constituírse cando aparecen as actividades de tipo comercial, impulsadas polo pequeno porto que se establece na cabeceira da ría, a  través do que entran  produtos necesarios para o abastecemento da poboación da contorna, pero tamén se utilizará para darlle saída aos  excedentes do campo. Hai que ter en conta que as comunicacións por terra eran moi difíciles ata o trazado das primeiras estradas, polo que o mar era a vía natural de transporte de mercadorías. Pequenos pataches aproveitaban a subida da marea para chegaren ata as proximidades da ponte e descargar produtos como o sal, aceite, viño, ferro ou cal, e desde a vila porteña, distribuíanse polas parroquias próximas. Por esta mesma vía exportábase trigo, millo ou cebolas, produtos agrícolas que se producían nas terras da zona, e tamén madeira dos piñeiras que cubrían os montes.

Esta actividade portuaria e comercial converteu á nacente vila porteña nun pequeno centro comarcal. Nel estableceranse almacéns de venta de sal, tendas de panos e encaixe, tabernas, etc.  Tamén se situarán diversos oficios artesáns como canteiros, carpinteiros, zapateiros ou ferreiros.

Cara aos anos vinte deste mesmo século comezará a celebrarse a feira a carón da capela de San Roque, nun espazo que había entre o río e as primeiras casas do barrio das Barrosas. Esta celebración contribuíu a fortalecer o carácter comercial deste núcleo. Primeiro terá lugar o cuarto luns de cada mes, logo cambiará para o segundo domingo. Na zona había outras feiras anteriores a esta como a de Quintáns, Baio ou Baíñas, que xa aparecen citadas no Catastro de Ensenada. Esta da Ponte do Porto, xunto coas de Bermún (A Pereiriña-Cee) e Fonte Santa (Os Buxantes-Dumbría), están recollidas no dicionario de Pascual Madoz (1846). Nelas vendíanse todo tipo de gando, produtos agrícolas como trigo, millo, centeo, avea, cebada, fabas; pero tamén se comercializaban, teas de liño e estopa, coiros, panos, quincalla ou louza de Buño.

Na anterior publicación tamén aparece recollido o número de habitantes de cada unha das parroquias. San Pedro do Porto con 740 habitantes, seguía a ser das máis poboadas da súa contorna, aumentando a súa diferenza con respecto ás circundantes: Xaviña (468), Carantoña (379), Carnés (335) e Cereixo (403). Mentres que a diferenza entre a de  Camariñas (1161) e a porteña, diminuíu con respecto ao século anterior. Este aumento de poboación da parroquia do Porto débese ao cambio que se estaba a producir na súa actividade económica, pasando de ser exclusivamente agrícola e gandeira, a exercer  como centro comercial e de servizos das parroquias da redonda.

Na segunda metade do século XIX será cando se consolide a formación da Ponte do Porto como vila,  contribuirá a esta finalidade a transformación do espazo no que se celebraba a feira. Un lugar que sufría frecuentes inundacións durante o inverno polas enchentes do río e polas augas que baixaban de dous pequenos regos que confluían neste sitio.

Diante desta problemática, e segundo información que nos achega Rafael Lema, os representantes do concello de Camariñas no ano 1883, ante a falta de recursos para acometer a reforma deste espazo, ocórreselle a idea de someter a subhasta pública a franxa de terreo máis próxima ao río e destinala a soares, e cos ingresos obtidos  realizar as obras de construción dun muro de contención que evitase as riadas e sanear o terreo coa canalización das augas que se concentraban neste lugar. A  corporación municipal liderada polo alcalde Manuel Mouzo Bello quería conseguir con estas obras un dobre obxectivo:"Con esta medida no solo se reparan los daños expresados sin gravamen del presupuesto municipal, si que también se consigue un gran beneficio para el Puente del Puerto porque probablemente los compradores del terreno en cuestión, edificarán casas, embelleciendo de gran manera aquel punto". Os terreos foron adquiridos por Manuel Rodríguez Carballo, da familia de “Os da Botica” por 500 pesetas. Ao parecer a fortuna desta familia procedía da herdanza dun parente seu que fora bispo en Haití.

Poucos anos despois comezaron a construírse as primeiras casas ao pé do río, cerrando o espazo polo seu lado oeste, ao mesmo tempo que se foron levantando outras edificacións enfronte, convertendo o que antigamente era unha marisma e xunqueira na praza principal da pequena vila, que se dotou así dun lugar público para poder celebrar a feira mensual, que por esta época era “concurridísima”, segundo recolle esa mesma acta municipal. Nos primeiros anos do século XX prolongarase ese muro de contención cara ao sur, ata a Esquipa, e trazarase a rúa cara a Carnés e Cereixo, na que se irá construíndo a fileira de casas da Gándara.

Xan Fernández Carrera.

Artigos de Xan Fernández Carrera

comentarios