mércores. 08.04.2026
El tiempo

Invitan aos Concellos a adherirse ás subvencións provinciais para eliminar placas franquistas e recoñecer represaliados

Memoria historia en Laxe
Placas franquistas en laxe
Invitan aos Concellos a adherirse ás subvencións provinciais para eliminar placas franquistas e recoñecer represaliados

Segue moi vivo o franquismo na Costa da Morte. Así o entende Asociación Ambiental Contramínate que vén de invitar ao Concello de Laxe, así como ao resto de concellos da comarca, a que se adhira ao programa de subvencións FO208/2026 da Deputación da Coruña, para apoiar economicamente os concellos da provincia con menos de 10.000 habitantes no cumprimento da Lei de Memoria Democrática. O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de abril ás 14 horas, alertan, lembrando que simplemente se trata de respectar a lei.

Concretamente en Laxe piden eliminar vestixios de exaltación do golpe de estado de 1936 e da ditadura posterior para dignificar as figuras que sufriron a represión, que hai por exemplo en campostantos e bens da Igrexa. Sinalan concretamente unha placa está situada no muro da igrexa de Sta María da Atalaia de Laxe que da ao peirao e que fai mención á marabillosa obra do goberno do xeral Franco. Adxúntase foto A segunda placa está situada na fachada principal da igrexa de San Mamede de Sarces. O xugo e as frechas encabeza a lista de vítimas da guerra do bando franquista. A terceira placa está na fachada da igrexa de Santiago de Traba. “Caídos por Dios y por la Patria”, seguido da lista das vítimas e asinado coa palabra “Presentes” .

Recoñemento histórico

Piden que o acto de retirada de placas irá acompañado dun acto de recoñecemento público en forma de charla para o público en xeral explicando o sentido da retirada, respectando ás persoas que figuran na placa, vítimas tamén dunha guerra inxusta, e dignificando así aos colectivos e persoas perseguidas polas súas ideas, crenzas, identidade ou orientación, no período comprendido desde o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 até a entrada en vigor da Constitución en 1978.

Así, poñen varios exemplos recollidos no proxecto de investigación histórica “Nomes e Voces” realizado pola Xunta de Galicia a través da Universidade de Santiago de Compostela constan os nomes de José Fondo Cundíns, José García Allo e Manuel Mouzo Suárez vítimas do golpe de estado de 1936. Ou as historias recollidas no estudo de investigación de Luís Sánchesz Rodríguez ,“Mulleres, homes e homiños”, que desvela os nomes das seguintes persoas represaliadas nadas en Laxe:

Carril Devesa, Fernanda Laxe (A Coruña)- 01/01/1895

Taberneira, 41 anos. Casada co canteiro portugués Antonio Pedro Álvarez. Nai de. Vivían en Laxe e trasladáronse a Baio onde a familia rexentou a Fonda de Fernanda a Pesca.
A súa filla Balbina-María Pedro Carrile o seu xenro Manuel García López marcharon a vivir a Madrid e pasaron alí a guerra civil. Tachados de republicanos e diante da presión dos golpistas, Fernanda tivo que pechar a fonda de Baio e pasou a vivir na Coruña, onde abre outra fonda na praza da Cormelana e despois na rúa San Andrés.

Na posguerra apoiou a guerrilla antifranquista, servindo de correo dos fuxidos coa súa filla, enviando e recibindo paquetes entre Baio e A Coruña. Detida na Coruña o día 24/04/1947 e ingresada na Prisión Provincial.
Xulgada en consello de guerra na Coruña o día 12/12/1947 polo delito de axuda a malfeitores, na causa 200/47, na que se procesaron nada menos que a 67 persoas: 16 de Vimianzo, oito de Laxe, 17 de Zas, seis de Cabana de Bergantiños e dous de Corme, entre outras persoas; todos eles acusados, en distinto grao de implicación, de “auxilio a malhechores” que se aloxaban en Santa María de Baio, Zas, en cinco vivendas diferentes. Neste procedemento condenaron a pena de seis anos a súa filla Balbina ; Puxérona en liberdade o día 23/12/1947.

García Allo, José Laxe (A Coruña)

Veciño de Laxe. Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de rebelión (insulto ás forzas armadas), na causa 248/37, co resultado de sentenza de sobresemento.

Pedro Carril, Balbina-María Laxe (A Coruña)- 01/01/1912 A Coruña- 01/01/2001

Casada no ano 1933 co canteiro Manuel García López, encarcerado; Manuel era da cuadrilla de canteiros do seu sogro. Filla de Fernanda Carril Devesa, procesada, e do canteiro portugués Antonio Pedro Álvarez. Os seus pais trasladáronse a Baio, cando ela era unha nena, para rexentar a Fonda de Fernanda da Pesca. Co seu home trasladáronse a Madrid.
Cando da comeza a guerra civil viven en Madrid e o seu home, militante da CNT, combate como voluntario nas milicias do exército republicano, onde acada o grao de tenente.
Balbina pasa toda a guerra en Madrid e a súa nai Fernanda ten que pechar a fonda de Baio diante das presións que sofre dos sublevados ao saberse que filla e xenro son republicanos e establécese na Coruña.
Rematada a guerra civil, a Manuel procesárono e enviárono a un campo de concentración ata o ano 1940.
No ano 1944 a parella está de volta en Baio, vivindo no barrio do Chamberín. Cantaron os dous no coro de Baio, que tiña moita sona na comarca e fan unha vida tranquila.
Ocorre que o PCE e a guerrilla piden o apoio de Balbina, que esta non lles nega na defensa dos seus propios ideais. A súa casa pasa a ser o máis importante apoio na Costa da Morte. Contacta coa súa nai na Coruña e serve de correo frecuente da guerrilla entre as dúas localidades.
Aínda que non se demostrou no xuízo, algunhas testemuñas indican que ademais de correo, Balbina chegou a formar parte das partidas guerrilleiras antifranquistas. Unha das veces en que os fuxidos actuaron en Santa Baia de Tines, Vimianzo (A Coruña), Balbina estaba no grupo.
Despois da morte do guerrilleiro coñecido co sobrenome de Xastre Manuel Ponte Pedreira, a Garda Civil descubríu o nome de moitos enlaces que Ponte levaba anotados nun caderno que lle atoparon. Un deles era o de Balbina e as forzas represoras detéñena o día 28/04/1947, sufrindo salvaxes interrogatorios.
Xulgada en consello de guerra na Coruña o día 12/12/1947, na causa 200/47, na que se procesaron nada menos que a 67 persoas: 16 de Vimianzo, oito de Laxe, 17 de Zas, seis de Cabana de Bergantiños e dous de Corme, entre outras persoas; todos eles acusados, en distinto grao de implicación, de “auxilio a malhechores” que se aloxaban en Santa María de Baio, Zas, en cinco vivendas diferentes. Condenárona a seis anos de prisión menor.
Balbina-María recoñece diante do xuíz que acubillara guerrilleiros ata en oito ocasións, nunha delas ata a nove persoas e que actuara como correo.
Encarcerada. O día 13/02/1948 trasladárona á Prisión Central de Mulleres de Segovia.
Sae do cárcere en liberdade condicional o 18/06/1950 e vive na rúa San Andrés, na Coruña, coa súa nai. O 24/10/1951 acada a liberdade definitiva. En 1952 o seu home obtén a liberdade condicional na prisión de El Dueso, Santoña (Cantabria); condenárano a 15 anos na mesma causa, cando a protagonista era a súa dona.

Fondo Cundíns, José Laxe (A Coruña)

Mariñeiro, 24 anos. Veciño de Laxe. Foxe e combate no Exército Popular republicano na guerra civil.
Xulgado en consello de guerra en Ferrol (A Coruña) polo delito de deserción co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía. Encarcerado polos fascistas e castigado nun batallón de traballadores.

Parga Pondal, Isidro Laxe (A Coruña) - 17/12/1900 A Coruña- 04/05/1986

Profesor de Ciencias Químicas na Universidade de Madrid. No ano 1923 era profesor auxiliar de Química Analítica na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que desenvolveu ata 1936. Parente de Eduardo Pondal.
Foi un dos profesores investigadores máis importantes da USC, onde imparte catro materias diferentes e un gran xeoquímico español.
Membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG) desde 1924. Galeguista. Depurado. Os golpistas suspendérono de emprego e soldo e separárono definitivamente do servizo.
Retirouse a Laxe e dirixiu a empresa Kaolines de Lage, S.L., onde tivo como colaborador a Manuel Brañas Cancelo, a quen tamén depuraran e desterraran a Haro (A Rioxa). Tamén traballou en Titania, S.A., que tiña unha mina de titanio en Balarés, San Tirso de Cospindo, Ponteceso (A Coruña).
Colaborou con moitas universidades europeas e foi membro de varias reais academias.
Traballou na empresa Zeltia e, en 1958, participou na creación de Cementos del Noroeste, S.A., da que foi conselleiro de administración.

Mouzo Suárez, Manuel Laxe (A Coruña- Veciño de Laxe)

Soldado pola súa quinta. Combate no exército republicano na guerra civil. Capturárono os facciosos. Procesado. Encarcerado. Inculpado en causa militar en Ferrol (A Coruña), en febreiro de 1941, co resultado de sentenza de sobresemento provisorio.
Requirido pola xurisdición de Cartagena (Murcia) co resultado de sentenza de absolución.
Deixárono en liberdade en marzo de 1941.

Guiance Pampín, Amando-Faustino Laxe (A Coruña) - 13/06/1892 Pontevedra 01/01/1979

Carpinteiro e político, 44 anos. En 1927 casa e trasladase a Pontevedra. Militante da Agrupación Socialista (AS) de Pontevedra desde o día 23/05/1931, sendo vicepresidente en xaneiro de 1932. Participou como candidato nas eleccións de 1933 e non obtivo acta. Obtivo acta de deputado polos socialistas nas eleccións xerais de 1936 dentro da coalición da Fronte Popular (FP).
Membro do Comité Revolucionario de Pontevedra na folga xeral revolucionaria de outubro de 1934.
Cando comezou a Guerra Civil Española capturárono as forzas franquistas no Goberno Civil de Pontevedra.
Xulgado en consello de guerra en Pontevedra polo delito de traizón, na causa 356/36, co resultado de sentenza á pena de morte segundo resolución do día 13/08/1936. Enxuizado con AlejandreBóveda Iglesias, tamén condenado a morte e executado o día 17/08/1936.
Pena de morte conmutada pola de cadea perpetua e a accesoria de inhabilitación absoluta.
Encarcerado. Ingresado na Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón, Redondela (Pontevedra).
Estivo tamén en Alcalá de Henares (Madrid) e na Prisión Provincial de Pontevedra.
Puxérono en liberdade en maio de 1943.

Comentarios