Xoves. 22.08.2019
El tiempo
Xosé Manuel Barros
06:49
28/06/17

Declaración do Couto. A Limpeza do Mar

Declaración do Couto. A Limpeza do Mar

O pasado día 17 de xuño celebrouse na sede da Fundación Eduardo Pondal no Couto, Ponteceso, o 2º Encontro galego do lixo mariño. A limpeza do mar.

Este 2º Encontro, organizado pola aociación Mar de Fábula e a Fundación Eduardo Pondal, tivo o formato dunha charla coloquio na que participou un núcleo inicial de organizacións de profesionais do mar, membros da asociación conservacionista e público asistente.

Partindo da realidade máis que contrastada da presencia masiva de lixo plástico no mar e no noso litoral, cunha alta prcentaxe de refugallos procedentes da industria pesqueira, as voces deste encontro foron dirixidas a marcalo énfase na necesaria prevención nas tarefas cotiáns tanto a bordo coma en terra. Ao tempo, e sen fuxir da autocrítica, cada un dos participantes valorou a potencial incidencia do seu sector nesa porcentaxe do 20% de refugallos plásticos que, a maioría das estadísticas a nivel internacional, sitúan a súa orixe nas actividades industriais no mar.

Alí estiveron Asoar-Armega, as confrarías de pescadores de Camariñas, Laxe e Corme e as Agrupación de Mariscadoras de Camariñas e do Anllóns. Persoas traballadoras, admirables, con moitas horas ao seu lombo de traballo duro e de defensa dos seus colectivos, incluso en foros a nivel europeo.

Despois de dúas horas de exposición intensa e axitado debate, os integrantes da mesa, en nome das organizacións que representaban, asinaron a “Declaración do Couto”, documento de mínimos, no que asumen a responsabilidade de minimizar e previr a contaminación do mar polos residuos plásticos ao mesmo tempo que fan un chamamento á sociedade galega en xeral e ás institucións que nos representan en particular para que repecten e defendan o seu ámbito de traballo, que non é outro que o mar de todos.

Foi un acto cargado de simbolismo e notable polo que siñifica de colaboración entre os profesionais do mar e as organizacións conservacionistas de cara á preservación do medio mariño. Cómpre sinalar, unha e outra vez, que o sector pesqueiro non é o malo da película.

O malo da película é o neoliberalismo, versión extrema do capitalismo, que está afundindo Europa e agredendo o medio ambiente a nivel mundial co seu modelo de fabricar, consumir, usar e tirar, tanto cousas como persoas. Este sistema económico é responsable do 80% do lixo que chega aos océanos dende terra firme, nun fluxo arreo de millóns e millóns de toneladas de refugallos plásticos en todas as súas formas, tamaños, composicións e diferentes estados de degradación, até chegar á fase irrecuperable dos microplásticos, un grande interrogante para o futuro, pousado no fondo dos océanos.

Nunca remataremos de limpar o mar se cada un de nós non asumimos a nosa cota de responsabilidade na defensa e conservación do medio mariño. Sabémolo ben as organizacións de voluntarios que limpamos ano tras ano as praias e coídos do noso litoral e que somos testigos da arrepiante situación á que temos levado os océanos . A seren un sumidoiro de lixo, un saco sen fondo.

Por iso, a poucos días de ter celebrado este 2º Encontro Galego do Lixo Mariño na Fundación Eduardo Pondal, queremos facer fincapé na relevancia da “Declaración do Couto” como un primeiro paso, un documento inicial e aberto á incorporación de outras confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras de todo o noso litoral así como de colectivos profesionais e institucións relacionadas coa natureza e o medio mariño galego.

Facemos esta declaración no convencemento de que os tempos son chegados, de que non hai lugar a máis adiamentos, para xuntar as nosas mans e atallar a degradación, o desleixo e o abandono dos nosos espazos comúns, aqueles que nos identifican e conforman. E o máis grande e valioso dos nosos espazos comúns é o noso mar:

Declaracion do Couto-A Limpeza do Mar  

Novas relacionadas

 

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas relacionadas Fonte

comentarios