Domingo. 06.10.2024
El tiempo

A hipocresía do capitalismo

Imaxe dunha limpeza en Bens de Mar de Fabula
Imaxe dunha limpeza en Bens de Mar de Fábula
A hipocresía do capitalismo

Agora, limpar as praias está de moda.

Se ista iniciativa ven como resultado dun progresivo cambio de mentalidade na cidadanía benvida sexa porque quere dicir que a semente vai fructificando. Se un grupo de veciños dunha vila da ribeira toma a decisión de manter limpa a súa praia é un paso esperanzador de cara á defensa do medio mariño o mesmo que é esperanzadora a revolta dos estudantes manifestándose os venres, a nivel mundial, contra do Cambio Climático.

Pero o capitalismo descubriu tamén iste filón de ouro para lavar a cara. Dun tempo a ista parte, multinacionais relacionadas co gran consumo buscan organizar limpezas de praias porque iso vende moito. E como estas multinacionais están en Madrid, Barcelona ou nun rañaceos en New York e alí non hai praia, buscan camiños de contacto coas organizacións que estamos a pé de obra, ou a pé de praia, para subcontratarnos, pagando, claro, e así póñense a medalla de que coidan o medio ambiente con accións prácticas. Pura hipocresía.

O que teñen que facer estas multinacionais do gran consumo, se queren traballar polo medio ambiente é centrarse cada unha no seu, mellorar os seus sistemas de producción para eliminar os microplásticos dos seus produtos de cosmética, apostar polos sistemas de devolución e retorno das botellas de plástico nas que envasan as súas bebidas ou deixar de manipular a cabeza da xente coa publicidade e a moda para que cada quince días cambiemos de roupa.

A parte escura desta sociedade de consumo queda ao descuberto na beira do mar.

Aquí atopamos todo tipo de lixo plástico en todas as súas fases de degradación, incluso atopamos neuronas contaminadas, intoxicadas polo individualismo, o desleixo e a indiferenza. O mar devólvenos todo o que non é seu, escollendo ás veces, lugares de espléndida beleza como o coído de Touriñán, para devolvernos toda esa contaminación oceánica, difusa, que ven de todas as latitudes.

Mais existen tamén na nosa costa recunchos cheos de encanto que non escolle o mar senon o capitalismo para facer deles un sumidoiro de lixo para que a festa consumista non pare. Estou a falar da praia de Bens, situada no patio traseiro da cidade da Coruña, onde o 1º de marzo fumos limpar por sexta vez. Poderemos ir milleiros de veces a limpar esta praia e nunca daremos feito. O capitalismo asentado na súa contorna, con nomes e apelidos, obten beneficios a costa de maltratar aquela paraxe natural con descargas de augas residuais (nesta praia xa nacen tomateiras alieníxenas ben mantidas polas augas negras), residuos de hixiene persoal e moreas de fibras textís e retais de telas que descargan ao mar e as correntes mariñas encárganse de achegalas a esta praia xunto con milleiros de anacos do lixo plástico habitual.

Nunca daremos feito, a non ser que por fin atopemos, os normes e apelidos dos delincuentes ambientais que contaminan o mar con estos verquidos.

Nesa procura estamos.

 

Artigos de Xosé Manuel Barros

Comentarios