sábado. 03.05.2025
El tiempo

Os Relatos da Fundación: Explorando a Costa da Morte

Os Relatos da Fundación: Explorando a Costa da Morte
Tras disfrutar cas dúas tandas de debuxos premiados pola Fundación Fernando Blanco, e co primeiro relato premiado, tóca seguir repasando os relatos curtos gañadores do Concurso da Fundación Fernando Blanco. Hoxe tócanos o 2º Premio Categoría A Relatos (5º e 6º Primaria), que gañou Yago Regueira Bugallo (CEIP Labarta Pose de Baio), con este “Explorando a Costa da Morte”.  

”Explorando a Costa da Morte”, de Yago Regueira Bugallo

Yago Regueira Bugallo de Baio ganador do Certame de Relato da Fundacion Fernando Blanco O baiés Yago Regueira Bugallo é un dos gañadores do Certame de Relato da Fundacion Fernando Blanco Son un neno galego que vive nunha aldea da Costa da Morte, a cal comeza na Punta do Roncudo e remata no Cabo Fisterra (punto de encontro para moitos peregrinos e turistas). É un sitio ao que todo mundo lle gusta visitar pola súa boa e saborosa comida e polas súas fermosas e bravas praias que cada ano comen a centos de persoas por mor dos afundimentos de moitos barcos, e polas súas festas tradicionais. Na miña familia sempre se seguen unhas tradicións, e unha delas é a de ir comer todos os domingos á casa dos meus avós, pasando moito tempo en inverno a carón da lareira; lareiras que pouco a pouco van desaparecendo e quedando no esquecemento. Mentres que os rachóns van ardendo sempre saen os contos, tradicións e costumes que van contando os meus avós e que me gustan moito oír, xa que non me imaxino vivir nos tempos de antes con tantas penurias. Unha das historias que máis me impactou foi a dura e arrastrada vida que pasou miña bisavoa materna, a cal comezou a traballar dende moi pequerrecha en distintas tarefas. Un deses traballos foi na mina de Fontefría, no monte de Cures, preto de Vimianzo. Naqueles tempos unh empresa asturiana, pertencente á familia Fierro, explotou a mina, unha das poucas que había na Costa da Morte, e grazas a ela puideron vivir moitas familias. Nesta mina extraían wolframio ou estaño. Esta empresa o primeiro que fixo foi construír casetas moi diversas coma unha para que os picadores ou ferreiros puideran afiar os picos, outra para o proceso de lavado do mineral, outra para a selección e cribado e outra que facía de vivenda dos encargados e na que tamén comían os traballadores. A extracción do mineral realizábase seguindo uns filóns que ían picando e que arrancaban en pequenas porcións. Sempre ían acompañados de candís de carburo. O mineral que extraían depositábano en vagonetas que transportaban á sala de lavado, para despois seleccionar o de mellor calidade. Conta a miña avoa que a súa nai sempre lle dicía que cando podían e tiñan ocasión, algúns dos traballadores roubaban o mineral e traíano gardado dentro dos zocos para que os gardas non llo viran, e logo vendíano obtendo un ingreso extra. Contan que aínda están alí os tres pozos moi profundos que fixeron para a extracción do mineral, e que a día de hoxe seguen sen estar tapados, dicíndose que anos atrás caeu unha vaca e nunca máis se soubo dela pola incalculable profundidade dos mesmos. Existe unha lenda que di que preto de alí o lobo comera a dous traballadores que ían para a mina, e como símbolo de recordo puxeran unha cruz, pois as cruces antigamente simbolizaban a morte de alguén nese sitio. Nos anos posteriores á guerra civil a mina non foi rendible, e moitos dos homes que alí traballaban tiveron que emigrar a países coma Arxentina ou Venezuela, pero no caso de miña bisavoa tivo que buscarse a vida aquí, e cambiar de oficio, cargando caixas de mortos ao lombo, ou outros que naquela época estaban destinados aos homes como retellar as casas. Outro traballo moi común na aldea da miña avoa é o de palillar, que antigamente combinábase coa labor do campo. As palilleiras reuníanse nunha das casa da aldea, nunhas xuntanzas chamadas palilladas, e alí pasaban horas e horas, incluso noites enteiras, recibindo as visitas dos mozos. A diferenza de agora, antes o encaixe de bolillos tiña un prezo moi baixo, e hoxe en día, pola contra, véndese a un prezo moito máis elevado, case podéndose dicir que é un artigo de luxo. A vida naquela época era durísima, podendo dicir que agora somos uns privilexiados. Non había luz, usábanse candís ou petromax; non había rúas polo que ían a todos os sitios andando, e non tiñan moito que comer; os máis pobres, coma mil bisavoa, tiñan que ir ao xornal ás casas máis poderosos para traer uns pesos ou algo que comer. Antes os traballos eran artesanais e realizábanse nas casas como zapateiros, ferreiros, gandeiros, ..., e os ingresos eran moi baixos ou inexistentes; mentres que agora todo é distinto posto que non hai traballos específicos para homes e mulleres, os soldos son máis elevados, e hai moita máis calidade de vida. Outra historia máis recente, incluso vista por min, é a do alemán de Camelle. Camelle é unha vila costeira, cunha praia brava e rochosa de area branca, augas transparentes e frías, e cun agradable olor a salitre, da que Man se namorou, formando alí a súa propia vida. Camelle está preto da aldea da miña avoa, e dela fálase moito no día a día da miña familia posto que alí teño algún familiar. Nesa zona a xente vive do mar e incluso do turismo, que ano tras ano aumenta máis. Man, estudante de artes, chegou a Camelle no 1961, con só 25 anos, procedente de Alemania, o seu país de orixe. Cóntase que veu para coñecer a Costa da Morte, da que se namorou, morrendo nela. Chegou o día das festas patronais do pobo e toda a xente o acolleu moi ben, dándolle de durmir e de comer, axudándolle tamén a facer a súa casa de seis metros cadrados, preto do porto, no medio das rochas, sitio que el admiraba moito, e que el mesmo axudou a construír con moita ilusión, e que converteu nun museo ao aire libre, combinando estruturas orgánicas e cores que lle proporcionaban o mar e as pedras. Man chegou con moi boa presenza física e vestido con traxe e garabata, non tardando en namorarse da mestra do pobo naquela época. Debido á negativa dela volveuse máis solitario, incluso cambiou a súa forma de vestir pasando a usar, en verán e en inverno, un taparrabos e a andar descalzo. Todos os días, mañá e noite, facía o seu percorrido correndo dende Camelle a Ponte do Porto, e á volta sempre se daba un baño nas augas bravas que tiña a carón do seu museo. A súa alimentación estaba baseada en algas e en todo tipo de froitas que os veciños lle daban. Algo que me di moita xente é que cando algún turista ía visitalo sempre lle había que facer un debuxo nun caderniño para aportarlle a el algunha creación de formas para engadir ao seu museo. Man foi un verdadeiro heroe, dende o meu punto de vista, pois construíu a súa vida sen ningún recurso, unicamente o amor que tiña á natureza e á súa verdadeira paixón que era o mar da Costa da Morte. Despois de corenta anos vivindo na súa vila preferida e da forma que el quixo, no ano 2002 morreu debido á marea negra que causou o afundimento do Prestige, o cal tinguiu a Costa da Morte de chapapote. Cando Man viu todo o seu museo anegado polo líquido negro e viscoso quedou trastornado, e dixo que era unha mostra da codicia dos seres humanos e do desprezo pola natureza. Man foi a primeira vítima do Prestige. Encerrouse na súa casa e non quixo recibir visitas nin comida de ninguén. Deixou de tomar a súa medicación, e un mes máis tarde apareceu morto. Morreu polo que máis quería. Agora construíuse un museo e levantaron unha estatua na súa memoria. Todas estas historias apórtanme moito e fanme ver o dura que foi a vida dos meus antepasados e das aldeas da Costa da Morte. Agardo con ilusión un día de chuvia para achegarme á calor da lareira e escoitar novos contos e lendas.
  • Yago Regueira Bugallo (CEIP Labarta Pose de Baio). 2º premio a Categoría A Relatos (5º e 6º Primaria) do V Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco.
 

Gañadores dos Premios Fernando Blanco

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Fundación Fernando Blanco

Comentarios