Luns. 06.05.2024
El tiempo

Os veciños da Asociación Tabeirón propoñen solucións ó caos no aparcamento do Polideportivo de Baio

Os veciños da Asociación Tabeirón propoñen solucións ó caos no aparcamento do Polideportivo de Baio
Zona de aparcamento saturada no Pavillon de Baio

Seguen participando, como debe ser, na vida municipal, os veciños de Baio. A través da Asociación de Veciños Tabeirón de Baio, que preside Miguel Santos Rey, a veciñanza traslada ao Concello as súas propostas para solventar as situacións de perigo e inseguridade pola saturación do tráfico e a falta de aparcamentos na zona do polideportivo, uns problemas que sofren sobre todos os nenos e as nenas que acoden cada fin de semana ás actividades culturais.

A Asociación de Veciños Tabeirón convocou a varias entidades veciñais, deportivas e culturais de Baio para asinar un documento que recolle a problemática da situación e tamén algunhas posibles solucións ós mesmos. O escrito foi presentado no rexistro do Concello de Zas, co respaldo das asociacións afectadas. Estas son A.C Adro, A.C Xan Mella, A.C Badius, C.D Baio e as ANPAs Maximino Romero e Labarta Pose.

Descrición do problema

Zona de aparcamento do Pavillon de Baio

”Os maiores problemas aparecen as fins de semana cando o polideportivo se converte nun fervedoiro de coches. O polideportivo xunto co outro edificio anexo funcionan como un centro multifuncional onde centos de persoas de distintas idades gozan das actividades ofertadas por varias asociacións da vila. Á estreitura das rúas de acceso ó lugar con circulación en dobre sentido engádese tamén a escaseza de aparcamentos. A falta dun acceso peonil diferenciado obriga ós peóns a compartir a rúa cos coches, situación que se agrava en días de choiva ou escuridade”, explican os membros da asociación.

O escrito presentado por Tabeirón propón varias solucións para ampliar as zonas de aparcamento como anchear as pistas de acceso ó centro, acondicionar a parte traseira do pavillón ou tamén habilitar unhas pequenas parcelas lindantes propiedade do Concello de Zas. Tamén suxiren seguir o exemplo doutras vilas, como Vimianzo, Carballo ou Zas onde previo acordo cos veciños arranxaron algunha finca como aparcadoiro temporal.

A asociación, moi preocupada tamén pola seguridade viaria na zona, invita ó Concello de Zas a estudar a posibilidade de ordenar o tráfico en sentido único nesa zona, ou tamén, limitar con bolardos o acceso a entrada principal. Os coches mal aparcados impediron moitas veces o paso de autobuses ó recinto. Tamén preocupa, chegado o caso, que unha ambulancia ou camión de bombeiros non poida acceder ó recinto en caso de emerxencia.

Máis próximo o corte ó tráfico para a feira de Baio

A Asociación de Veciños Tabeirón, que leva anos reclamando o corte ó tráfico da rúa durante os días da feira de Baio, vén de recibir a aprobación do Concello de Zas para dotar así de máis seguridade á celebración deste evento. O concello, que iniciará os trámites axiña, xa ten o visto bo da Xunta de Galicia e da Garda Civil de Tráfico.
A entidade veciñal congratúlase de que este desvío do tráfico permitirá que feirantes e clientes poidan transitar máis libremente pola rúa Vidal Ríos sen temer que os coches se lles crucen no camiño.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Asoc. Veciños Tabeirón de Baio.

Comentarios