O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Comandancia da Garda Civil da Coruña, en colaboración con outras unidades da Comandancia, detivo a unha veciña de Carballo como presunta autora de 11 delitos por incendios forestais, durante a fase de explotación da Operación Monte Fumeiro.
A devandita operación iniciouse a raíz do incendio ocorrido o 10 de xullo na parroquia de Entrecruces – Carballo. Durante a operación, producíronse outros 10 incendios forestais os días 31 de xullo, 5, 7, 8, 9, 11, 16, 17, 18 e 19 de agosto na mesma zona.
Os incendios foron leves debido á rápida intervención dos servizos de extinción de incendios, o que requiriu unha vixilancia constante da zona, desviando persoal doutras zonas, co consecuente impacto dada a situación actual.
Tras un árduo traballo de investigación, os axentes da Garda Civil identificaron a presunta autora dos delitos. A detida, xunto coas actuacións practicadas, foi posta a disposición do Xulgado de Instrución núm. 3 de Carballo.
A Garda Civil subliña a gravidade destes feitos, que teñen consecuencias devastadoras para o noso medio ambiente.
Os incendios forestais non só destrúen a flora e a fauna, senón que tamén poñen en risco a seguridade das persoas e os seus bens.
Se observa algunha actividade sospeitosa ou ten información sobre un incendio, póñase en contacto coa Garda Civil chamando ao 062 ou por calquera outra canle de denuncia.