Ao longo deste mes de abril, no marco do programa Primavera enDanza, o meirande e máis estable programa de danza de Galicia, xa pasaron polo Pazo da Cultura 3 espectáculos de danza contemporánea da man de tres grandes bailarinas e creadoras galegas: Kirenia Martínez, Marta Alonso e Paula Quintas. Tres visións e propostas coreográficas que nos que se desenvolven mundos moi diversos, como a emigración actual, a nova diáspora galega, pasando pola propia traxectoria na da danza dunha bailarina que chega ata a actualidade con máis compromiso con esta disciplina e apostando por romper con estereotipos de xénero para crear unha sociedade máis libre.
Estes xoves e venres remata o ciclo, o meirande programa arredor da danza contemporánea de todo o país. A primeira función será ademais a estrea en exclusiva de “Mocap”, o espectáculo de Matías Daporta e María de Dueñas que se xestou durante unha residencia artística en Carballo dentro do Programa de Residencias “Para_iso”. A cita será xoves ás 20:00h noPazo da Cultura.
E para rematar esta XIX edición do programa, chega Thomas Noone, unha das figuras máis importantes da danza contemporánea en España e finalista dos Premios Max 2020 na categoría de mellor intérprete masculino de danza. Este bailarín inglés, afincado en Barcelona, volve ao escenario carballés para presentar o espectáculo After the party, unha conversa entre Thomas Noone e o seu alter ego. Poderás velo o venres 23, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura.
As entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com.