Luns. 29.04.2024
El tiempo

Muxía

Continúa a crispación nos plenos de Muxía

Seguen sendo os plenos de Muxía un exercicio de vergoña allea. Ver aos nosos políticos faltarse o respecto, insultarse, ameazarse… é bastante lamentable e o nivel de crispación non baixa, a pesar de ser emitidos pola canle de Facebook municipal.

Pero se cadra non se emiten enteiros, pois o BNG denuncia que se corten as retransmisións dos plenos cando o rexedor Iago Toba “realiza insinuacións difamatorias”. A voceira do BNG Mercé Barrientos denuncia as continuas “faltas de respecto” a distintos membros da corporación e mesmo ao público. E considera “máis grave aínda é que a empresa á que o concello lle paga por levar as redes sociais adoite suprimir as partes nas que o rexedor dirixe ameazas e alusións difamatorias a concelleiros e concelleiras”.

Pon de exemplo a acusación no pleno de setembro á concelleira de IxM – Aurelia Picallo- de pertencer a unha banda xuvenil “callejera”. Neste pleno do martes 19, o rexedor realizou acusacións de que “os membros do Bng son os que están continuamente, continuamente, continuamente, facendo delitos” e dirixiu á concelleira Barrientos a ameaza de “non me faga facer público o motivo de que vostede estea en Baio e non no seu anterior posto de traballo...” seguindo durante uns minutos coa diatriba e facendo referencia a “rumores”.

Estes comentarios difamatorios comezaron despois de que a portavoz do BNG interpelase ao alcalde sobre o motivo dunha chamada ao seu traballo de alguén que se indentificou como “da alcaldía de Muxía” e que se interesou por se se atopaba no centro ou estaba de baixa. Mercé Barrientos advertiu ao alcalde sobre “o pouco adecuado de chamar ao seu traballo e preguntar se estaba de baixa –non era así- e denunciou que espiar as axendas laborais dos concelleiros previamente á convocatoria dun pleno constitúe unha práctica antidemocrática”.

Desde o BNG esixen ao alcalde que “rectifique as imputacións de delitos realizadas a nosa militancia e as insinuacións difamatorias, ou que aclare e faga públicos dunha vez cales considera que son os motivos de que a concelleira á que alude solicitara un cambio de destino. Lamentamos tamén a eiva democrática que supón que se oculten as gravacións nas que o alcalde amosa estes comportamentos”.

Continúa a crispación nos plenos de Muxía