Luns. 29.04.2024
El tiempo

Muxía

A oposición decide o POS en Muxía

Novo pleno cheo de tensión en Muxía, o celebrado este pasado xoves 8 de febreiro. Un pleno convocado in extremis no último día para aprobar o Plan de Obras e Servizos, o POS da Deputación (oi prazo abriuse o 11 de decembro). Ese Plan que unicamente require do consenso dos grupos políticos para que o ente provincial financie obras, gasto corrente ou o que queiran os concellos.

Pero nos plenos candentes, este POS acaba sendo unha arma arroxadiza, e o pleno muxián é un fervedeoiro. Volveron escoitarse insutos, acusacións, interrupcións… unha nova demostración do circo no que se ten convertido o salón de plenos do Concello de Muxía.

Finalmente, Muxía non vai perder eses case 600.000 € de POS (dividida na achega de 223, a achega 2024 e o POS Social), porque houbo consenso, pero consenso entre a oposición. Os tres grupos de BNG, PP e IxM chegaron a un acordo e aprobaron conxuntamente unha enmenda ao POS presentado polo goberno socialista, dando “unha lección de comunicación ante a falta de diálogo do Sr. Alcalde”, sinalan dende Independentes por Muxía, “e un recordatorio da minoría na que está o goberno que, polo ben do Concello, está na obriga de consensuar os asuntos importantes e ter en conta a todos os veciños”.

O POS queda así

Deste xeito, coa enmenda aprobada pola oposición que inclúe a obra de saneamento de Frixe (“que non pode quedar pendente do complementario”, explican), ademais da pasarela da Praia do Lago, o POS, que pretendía ser destinada a gastos correntes, queda do seguinte xeito:

  • Achega provincial 2023 (216.000): Mellora dos camiños en Merexo e arranxo da pista de Cebráns AC440 (idéntica proposta da alcaldía).
  • Achega provincial 2024 (279.900): Engadimos a senda da Praia de Lago e a mellora de viais e ampliación de redes de saneamento e pluviais en Frixe.

Para o Plan Complementario 2024, pendente de que haia orzamento de sobra, permanecen a pista polideportiva de Quintáns e a pista de Cebráns a Añobres, tal como o redactou o equipo de goberno.

Así mesmo, a oposición pide “a confección dun proxecto de orzamentos para 2024, no que se recolla, entre outras, unha partida suficiente para a atención do SAF, cun control dos gastos”.

A oposición decide o POS en Muxía