Domingo. 19.05.2024
El tiempo

170 deportistas daranse cita no Duatlón de Muros

170 deportistas daranse cita no Duatlón de Muros
Presentacion do II Duatlon de Muros Xa está en marcha a 2ª edición do dúatlon “Eleuterio Balayo” Concello de Muros terá lugar o 22 de abril na vila de Muros. Un evento deportivo único na comarca que xunto ao tríatlon son actividades deportivas que nos últimos anos están en pleno auxe, tanto polo crecemento en número de deportistas que o practican como pola súa espectacularidade a nivel visual. Nesta modalidade deportiva únese a carreira a pé e o ciclismo e desenvolverase a través dun formato tipo sprint (5 km carreira a pé, 20 km de ciclismo e 2,5 km de carreira a pé). As inscricións están pechadas, xa que se completaron as prazas a máis dun mes vista da proba, algo que pon de manifesto o interese que espertou a proba a nivel galego. 170 serán os participantes. Equipos, favoritos/as e loita polo podio Na proba contarase coa representación dos clubs galegos máis importantes como o Artrogal  Tri 498, o Olímpico de Vedra, o Tríatlon Arcade Inforhouse de Santiago, o Atletismo Porriño ou o Club Btt Triatlon O Treito. En canto á participación individual, a proba non poderá contar cos gañadores do pasado ano, Rubén Caamaño (Artrogal Tri 498) e Tania Garabatos (Olímpico de Vedra) e tampouco co deportista muradán Manu Dosil (Olímpico de Vedra), segundo clasificado na pasada edición, que disputará nesa fin de semana o Campionato de España de Dúatlon por Clubs en Avilés. Na categoría masculina aparecen como claros favoritos para facerse coa triunfo nesta edición os seguintes deportistas:
  • Iago Morenza (CD Pinarium), 8º clasificado no campionato galego de dúatlon.
  • Brais Misa (Atletismo Porriño), 10º clasificado no campionato galego de dúatlon.
  • Cristian Muíño (AD Media Ducia), 15º clasificado no campionato galego de dúatlon.
Outros nomes a ter en conta serán Luis Tembra (Club Natación Riveira), 3º clasificado na pasada edición, Jorge Janeiro (CD Pinarium), Manuel Dalmeida (Club Triatlon Vilagarcía Atenas Running vda) ou deportistas da comarca como o muradán Xurxo Carballo (Olímpico de Vedra) ou o carnotán Josecho González (Club Ciclista Dumbría). Mentres na categoría feminina as principais favoritas serán as deportistas do Artrogal Tri 498, María González (8ª clasificada no campionato galego de dúatlon) e Silvia García (11ª clasificada no campionato galego de dúatlon). Xunto coas deportistas do Artrogal Tri 498 tamén será fundamental o papel que xogará no sector a pé Marinela Mayo (Torribikes), tramo no que sen lugar dúbidas é a principal favorita. Tamén destacar a presenza de deportistas municipais como Antía Lago (Independente). Os circuítos O tramo de carreira a pé, totalmente urbano e con numeroso público, percorrerá parte do porto muradán así como o paseo marítimo, na primeira carreira daranse un total de 4 voltas mentres que na última serán 2. No que se refire ao sector ciclista, desenvolverase pola AC 550 dirección Cee e deberanse completar un total de 4 voltas, sendo esta zona un lugar de extraordinaria beleza paisaxística na que os/as deportistas poderán gozar de vistas espectaculares da ría de Muros e do entorno natural de Monte Louro. A figura de Eleuterio Balayo O Concello de Muros trata de darlle o recoñecemento máis que merecido a Eleuterio Balayo, polo que esta proba deportiva será unha homenaxe a súa persoa. Eleuterio Balayo foi unha persoa fortemente vinculada ao deporte, á cultura e á promoción económica do municipio, colaborando e mediando en moitas das actividades que se proxectaron a nivel municipal. Os seus anos de presidente no Muros SD e a súa paixón polo ciclismo foron un dos trazos máis vinculados ao deporte, pero o que máis marcou a súa figura foi a súa carisma, o trato afable e próximo que mantiña coa veciñanza. Corte de estrada, información importante para a veciñanza A estrada comarcal AC 550 permanecerá cortada ao tráfico entre os puntos quilométricos 40,5 a 38,0 en dirección Muros - Cee, puntos que se corresponden coa zona da lonxa vella e coa da estación depuradora de xunta ao cámping “A Vouga”. A hora do corte será de 16:45 a 18:30 horas. Contarase con persoal da Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, GES Muros e Protección Civil que garantirá a seguridade tanto das persoas participantes na proba coma da veciñanza, polo que lle rogamos que atenda ás súas indicacións. En canto ao aparcamento dende o venres 21/04 (á tarde) ata o sábado 22/04 (ata o remate da proba) non se poderá estacionar na zona portuaria situada dende o Kiosko Roque ata a altura do Bar Ancla.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios