200 persoas con diversidade funcional reivindican en Baio a inclusión para a autonomía persoal


“Hoxe tomamos as rúas para facernos visibles”. Con esta declaración de intencións comezou o manifesto que as entidades participantes na 4ª Xornada de Inclusión organizada pola Asociación Íntegro leron ao remate do percorrido reivindicativo por Baio. “Estamos aquí para mandar unha mensaxe á sociedade que queremos que chegue tamén aos oídos dos políticos: queremos a inclusión para acadar a autonomía persoal e desenvolver un proxecto de vida independente”.
Un obxectivo para o que é preciso que se adopten as medidas necesarias para acabar coa desigualdade, que se cree conciencia sobre a existencia de realidades e capacidades diversas “que poden aportar moito á sociedade”, que as persoas con diversidade funcional non sexan excluídas na toma de decisións que lles afectan, que se promovan as condicións necesarias nos ámbitos educativo, laboral ou social que garantan a súa autonomía “para poder desenvolver unha vida plena”, e que se fomente o “cambio de mentalidade” necesario para avanzar cara a inclusión real.
Non é unha tarefa doada a que demandaron as máis de 200 persoas que participaron na Marcha Diversa polas rúas de Baio, porque, como hoxe puido comprobarse, aínda queda moitísimo por facer en cuestións que deberían estar superadas, como a accesibilidade. De feito, o tenente de alcalde de Zas, Óscar Lema, que participou no percorrido, recoñeceu que “temos que mellorar, e estamos niso”.
En Baio, como en tantas outras localidades, as beirarrúas seguen a ser unha sucesión de barreiras, malia que esta fin de semana, grazas á colaboración entre Íntegro e a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, hai ramplas colocadas nas portas de moitos establecementos comerciais e hostaleiros. Esas ramplas permitiron que, despois da marcha, os e as participantes puidesen acceder aos locais de hostalería para degustar os pinchos diversos. Tatiana Rellán, presidenta da entidade empresarial, agradeceu a colaboración de Íntegro “para facer de Baio ten a Pelota un evento inclusivo”.
Malia a choiva, a néboa e as baixas temperaturas das primeiras horas do día, ningunha entidade quixo faltar á celebración da Xornada de Inclusión. Este ano sumáronse as asociacións Ámbar, Misela, Avante, Adisbismur, A Creba, Cruz Vermella de Vimianzo, Aloumiños, APEM, Un paso máis e Cogami, representada por Elena Antelo. Polo que respecta á representación política, á parte do tenente de alcalde de Zas (o alcalde, Manuel Muíño, uniuse pola tarde), no percorrido tamén participou o concelleiro pontecesán Carlos Penedo.
Novas relacionadas- “Bicos de Amora”, a nova marca de xabóns de glicerina de Íntegro.
- Íntegro forma a mulleres con diversidade funcional do rural costeiro
- Escolares do CEIP San Vicenzo de Vimianzo visitan as instalacións de Íntegro.
- Íntegro amplía o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade a varios concellos
- Un San Valentín doce e moi Íntegro
- Cogami interésase polo traballo da Asociación Íntegro.
- Íntegro avanza cara a Inclusión a base de experiencias persoais.
- Íntegro imparte en Malpica un curso de colocación de pladur e de pintura
- Íntegro recibe o apoio da Deputación da Coruña
- Íntegro prepara un completo programa para o Día da Inclusión
- Unha Carreira para integrar.
- Os discapacitados somos nós.
- 40 persoas con discapacidade insertáronse en Bergantiños a través de COGAMI.
- Íntegro normaliza a diferencia na Diversiescola de Carballo.
- 2014: Íntegro, Adisbismur, Ambas e Misela celebraron o Día da Inclusión en Ponteceso.
- 20 anos de integridade dende Cabana para toda a Costa da Morte.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Íntegro