A BDT de Carballo ofrece novos cursos para desempregrados
          
    08:07 09/08/16 
            
 Esta semana comezou o curso de administración de servizos de Internet no Fórum Carballo
Ata un total de 60 persoas (15 por curos) en situación de desemprego poderán formarse en distintas materias grazas aos cursos que se levarán a cabo nos vindeiros meses no Fórum Carballo. Estes cursos están financiados pola consellería de Traballo e Benestar, están homologados e inclúen certificados de profesionalidade. Concretamente poñeranse en marcha accións formativas especializadas na electricidade, a soldadura e a informática.
Nas últimas semanas puxéronse en marcha o curso de soldadura con electrodo revestido e TIG - de 640 horas de duración - e o de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, de 300 horas. Os alumnos e alumnas que superen o período formativo acadarán o certificado de profesionalidade de nivel 1. No primeiro caso estarán capacitados para traballar como soldadores por arco eléctrico, por resistencia eléctrica, de estruturas metálicas pesadas e de tubería e recipientes de alta presión, así coma de oxicortadores, cortadores de metais de plasma a man ou operadores de proxección térmica. No segundo, a formación capacítaos como axudantes de instaladores, operarios de instalacións eléctricas de baixa tensión ou peóns da industria da produción e a distribución de enerxía.
Unha das novidades deste ano é o curso de administración de servizos de Internet, que arrincou esta semana e que leva aparellado un certificado de profesionalidade de nivel 3. Trátase dunha acción formativa de 510 horas que permitirá aos alumnos e as alumnas traballar como administradores de servizos de internet e de mensaxería electrónica, administradores de entornos web ou técnicos de sistemas de Internet.
Próximos cursos
O vindeiro día 1 de setembro comezará o curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, de 840 horas e certificado de profesionalidade de nivel 2. As persoas desempregadas interesadas en participar aínda están a tempo de anotarse, para o cal deben acudir á Oficina de Emprego. Hai 15 prazas e, como no resto das AFD, os alumnos e alumnas realizarán prácticas non laborais. O curso de instalacións eléctricas capacitará aos asistentes para traballar como instaladores electricistas en xeral e tamén de edificios e vivendas.
Máis información no Fórum Carballo ou no número de teléfono 981 709 011.
Novas relacionadas
- O 90% do alumnado da BDT aproba os exames de acceso ao certificado de profesionalidade de nivel 2
 - Alumnos da Bolsa De Traballo de Carballo realizan as prácticas en prevención de riscos laborais
 - Douscentos desempregados participan nos cursos da Bolsa de Traballo de Carballo
 - Remata o prazo para participar no curso de competencias clave de nivel 2 en Carballo
 - Máis ofertas no comezo 2016 na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo
 - Traballarnacosta, o Infojobs da Costa da Morte.
 - A Bolsa de Traballo de Carballo acadou 187 insercións laborais en 3 anos.
 - Unha ollada aos completos cursos de Soldadura, Hostalería e Electricidade do Forum Carballo.
 - 75 persoas fórmanse en Carballo co obxectivo da inserción laboral.
 
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
 - BDT Carballo.