sábado. 11.04.2026
El tiempo

Don Pedro Pillado Gómez: fundador do Desencravo de Sofán

Desencravo de Sofan no 2026
Don Pedro Pillado Gómez: fundador do Desencravo de Sofán

Na Semana Santa que acabamos de vivir, a parroquia de San Salvador de Sofán, en Carballo, viviu o douscentos aniversario da cerimonia do Desencravo, que acontece cada Venres Santo neste fermoso templo bergantiñán. Foi no ano 1825 cando don Pedro Pillado, párroco naquel tempo desta freguesía, mercou todos os útiles necesarios para en diante celebrar este acto, deixando unha boa extensión de monte para sufragar os gastos. Por 1700 reais adquiriu en Santiago unha imaxe da Dolorosa, un Cristo xacente, unhas andas, unha furna, cortinaxes, coroas, etc. Podemos atribuír a talla do Crucificado ao escultor Antonio Sanjurjo, xa que ten moitas semellanzas co que este fixo para a capela do Seminario. Esta non é unha idea moi desencamiñada, xa que don Pedro mercou naqueles anos varias efixies para a igrexa do curato anexo, San Xurxo de Artes, nas que fica a firma deste autor, como se pode observar -por exemplo- na peaña da imaxe de San Roque. Para este pequeno templo, do mesmo xeito, don Pedro regalara un retabliño colateral. A xenerosidade deste crego deixouse ver tamén  no seu testamento: regalou unha ponte sobre o río de Sofán, varios volumes bibliográficos para a Biblioteca da Universidade de Santiago, alfaias litúrxicas para varios templos, unha boa esmola para o retablo da súa parroquia natal...

Don Pedro Pillado Gómez naceu en Santa María de Vilaselán, diocese de Mondoñedo; era fillo de José Pillado Pardo Ribadeneira e de Isabel Gómez Lavandeira. En 1783 accedeu como colexial ao Colexio de San Xerome de Santiago; dende o 7 de xaneiro de 1795 ata o 24 de agosto de 1806 ocupou o curato de San Pedro de Muro, data na que pasaría ao apetecible curato de Sofán, onde permaneceu deica a súa morte, sucedida en 1832.

Actualmente, o Desencravo de Sofán segue a celebrarse tal e como o presentara este crego na súa época: na posta en escena, o presbiterio é recuberto de colgaduras de tea e, tapando o retablo, un gran lenzo amosa a cidade de Xerusalén; sobre unha tarima creada para o acto, érguese unha gran cruz na que se colga o Cristo articulado e, nunha esquina, a Virxe das Dores agarda paciente a baixada do Crucificado. No lado contrario, a pesada e artística furna de madeira e vidro está preparada para acoller o corpo sen vida do Nazareno. Para abrir a procesión que se ten ao final coas imaxes existe unha cruz de madeira con incrustacións onde se representan as armas da paixón: a cruz, cravos, panos, látego, columna, martelo... Unha vez rematados os Oficios de Venres Santo, o sacerdote predicador invita a uns veciños xa experimentados a baixar o corpo de Cristo, meditando cada un dos signos existentes ao seu redor, como son o título do INRI, a coroa de espiñas, os cravos de pés e mans, o sudario, etc. Deste xeito, paseniñamente, vaise retirando a talla, que permanecerá xacente aos pés da Virxe todo o ano no primeiro retablo lateral do lado da epístola. 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios