O goberno popular da Xunta volveu negar no Parlamento que a Costa da Morte necesite unha ambulancia medicalizada
A pesar das autorizadas voces que levan décadas clamando por este recurso sanitario básico, o goberno do PP na Xunta volveu asegurar no Parlamento Galego que “Costa da Morte dispón dunha dotacion de recursos ás súas necesidades”.
Así o dixo a popular Encarnación Amigo Díaz a unha pregunta da parlamentaria socialista Patricia Iglesias, que levaba a demanda histórica de toda unha comarca para que a Xunta destine por fin dunha ambulancia medicalizada permanente.
Iglesias lembrou que as probabilidades de supervivencia dun infarto aumentan ao 80 por cento cando son atendidos nos primeiros 3 a 5 minutos, na Costa da Morte a ambulancia medicalizada tarda preto dunha hora en chegar dende a súa base no Hospital da Coruña. Puxo como exemplo o accidente deste xoves en Coristanco, onde faleceu un veciño de Carballo -trasladado en helicóptero- e o seu compañeiro ferido tivo que agardar dúas horas á chegada da ambulancia.
A popular ratificaba o voto negativo á moción, que foi rexeitada pola maioría popular a pesar dos votos a favor tamén do BNG, e aseguraba que “os datos vencen á demagoxia”. “Das 93.800 chamadas rexistradas en Carballo en 2025, e o 74% resolvéronse sen necesidades de intervención. Houbo 2437 servizos con mobilización e só 39 traslados en soporte vital avanzado en Hospital durante todo o ano pasado, ás que hai que sumar 34 activacións da ambulancia medicalizada 416 internvencións con médicos de atención primaria e 236 traslados hospitalarios. En Cee foron 807, a terceira parte”. Sen facer unha valoración de todos estes datos, sinalou que “unha cousa é recoñecer que unha ambulancia medicalizada é un recurso útil e outra dicir que é unha necesidade sen acreditar o volume de actividade nin a saturación do servizo”.
Unha moción apoiada nos concellos populares da comarca
Para Iglesias, o PP volve deixar “esquecida” a veciñanza Bergantiños e á Costa da Morte mentres se limitan a “xustificar a inacción” porque “non hai planificación seria, non hai avaliación transparente dos tempos de resposta nin vontade política real de corrixir esta desigualdade”. Advertiu que neste caso “están votando sobre vidas, sobre tempos de resposta e sobre oportunidades de sobrevivir”. Lamentou que o PP votara hoxe en contra desta proposta que si foi aprobada por unanimidade nos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica, e que foi aprobada na Deputación da Coruña coa única abstención do PP. Iglesias criticou que o propio portavoz do PP en Carballo e deputado autonómico, Rubén Lorenzo, non participara no debate de hoxe no que o PP votou en contra dunha iniciativa que el mesmo apoiou no seu Concello.


