![suprimeocontrol]()
A iniciativa súmase ao programa "Suprime o control" posto en archas en varios centros de ensino
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Igualdade, botará a andar un novo
programa de prevención da violencia de xénero en vinte concellos da provincia coruñesa de menos de 20.000 habitantes.
O programa consistirá na realización de accións específicas para os diferentes grupos de idade, infantil, xuvenil e adulto. A iniciativa promoverá o diálogo e a participación social cunha metodoloxía activa e adaptada á realidade de cada unha das localidades con actividades continuadas ao longo do ano.
“Consideramos que a concienciación social é a mellor ferramenta para previr e combater a violencia machista e por iso decidimos promover un programa continuado e que se achegase a todos os sectores de poboación”, sinala a deputada de Igualdade, Ánxela Franco da nova iniciativa da súa área.
![anxela franco deputacion]()
Ánxela Franco, deputada de Igualdade, presentou o novo programa contra a violencia de xénero
A iniciativa súmase a outros programas promovidos desde a área de Igualdade co fin de combater a violencia machista como
“Suprime o control” que se desenvolveu nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro,
Malpica, Cerceda,
Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía. O programa buscou actuar desde o ámbito educativo, ofrecendo ferramentas coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. "Suprime o control" terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019.
Premios
A área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero convoca tamén o
premio Concepción Arenal para proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e rexeitamento de estereotipos sexistas e o
concurso de Guións contra a Violencia de Xénero creado co fin de contribuír á reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero nunhas idades chave para a formación en igualdade. O mércores 25 e o xoves 26 reuniranse os xurados para escoller os traballos gañadores das novas edicións destes premios. En breve estrearase tamén a
curtametraxe “Corazón amoratado”, gañadora da anterior edición do concurso de guións coa autoría de alumnado do Puga Ramón da Coruña.
A área de Igualdade destinou tamén o pasado ano en subvencións a concellos un orzamento de 1.292.66,84 de euros ao que hai que sumarlle 362.000 para actividades, casas de acollida, premios e concursos e 200.000 para entidades e asociacións ligadas á violencia de xénero.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña