luns. 19.05.2025
El tiempo

A federación de Anpas Costa da Morte rexeita os orzamentos da consellería de Educación para o 2016

A federación de Anpas Costa da Morte rexeita os orzamentos da consellería de Educación para o 2016
Membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mostraron o seu rexeitamento aos orzamentos do 2016 Membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mostraron o seu rexeitamento aos orzamentos do 2016 Con apenas un incremento do 4,69% con respecto ao ano anterior, a federación de ANPAs Costa da Morte cualifica de inxustos os orzamentos da consellaría de Educación para o 2016 xa que considera necesario un novo modelo de xestión dos comedores, nova regulación da atención educativa domiciliaria e hospitalaria e insiste na necesidade de derrogar a LOMCE. Así o declararon despois da reunión da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que tivo lugar onte, e á que asistiu Pepe Bustelo (tesoureiro da federación de ANPAs Costa da Morte e representante da federación na Plataforma). Nela, instóuselle á administración educativa galega a buscar solucións para as diferentes problemáticas que inciden negativamente na boa marcha do curso escolar e que están a supor un deterioro do Ensino Público. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino advertiu que os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2016 - de 2.188 millóns de euros - non van resolver as carencias que existen, insistiu na necesidade dun novo modelo de xestión do comedores escolares e demandoulles ás diferentes organizacións políticas que se presentan ás eleccións xerais o compromiso de derrogar a LOMCE. A PGDEP tamén anunciou a súa participación na cadea humana encabezada por Hadrián e a súa nai (organizada pola Federación de ANPAs da Costa da Morte e a confederación Anpas Galegas) que se vai realizar en Malpica, o 12 de decembro ás 12:00 horas, para defender unha nova regulación da atención educativa domiciliaria e hospitalaria que fixe dereitos e obrigas para a administración. Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público corrobórase a necesidade doutro modelo de comedores escolares xestionados directamente pola consellaría de Educación. Anxo Louzao en representación da Plataforma, referiuse tamén á problemática derivada da improvisación que caracteriza a aplicación da LOMCE e fixo un chamamento a todas as organizacións políticas que concorran ás eleccións para que sitúen como elemento fundamental entre as súas propostas a eliminación desta lei. Á vista da publicación esta fin de semana dun novo real decreto que regula a avaliación final de 6º de Primaria, a Plataforma xa avanzou que, no caso de manterse, animará as familias a que amosen o seu rexeitamento a esta proba como xa o fixeron coa de terceiro o curso pasado. Na rolda de prensa advertiuse ademais do problema que se presenta en moitos centros nos que en 1º de Bacharelato non existe unha alternativa á materia da Relixión. Xaquín Bermello, en representación do estudantado, puxo en valor a loita contra a LOMCE como unha loita necesaria que se ten que manter no futuro con novas mobilizacións se non se derroga despois das próximas eleccións. Pola súa banda, Fernando Lacaci - presidente da federación de Anpas Compostela e vicepresidente de Anpas Galegas - referiuse á inexistencia dun sistema de atención educativa domiciliaria e hospitalaria, como se evidenciou nos últimos meses. Explicou que a Consellaría de Educación respondeu a esta demanda cun protocolo "para tapar voces antes das eleccións, que non garante o dereito, que se limita a ser unha declaración de intencións e que está baseado no voluntarismo das familias, dos docentes…", asegura. Por esta razón a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reclama que se inicie o proceso de novo, desde o inicio, coa apertura dun diálogo, no que participen as partes implicadas e tamén pedagogos, psicólogos, médicos, as familias e incluso profesorado experto na materia que pasou por esta situación e que pode achegar a súa experiencia persoal. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén analizou polo miúdo os orzamentos da Consellaría de Educación que supoñen un decrecemento desde o ano 2009 dun 33% (680 millóns) e que, en palabras de Anxo Louzao, van contribuír a deterioralo, acrecentar a privatización, a segregación e as diferenzas sociais. “Este orzamentos -engadiu- inviabilizan a igualdade de oportunidades, ignoran o ensino en galego e a normalización, non van crear emprego, os centros continuarán sen profesorado e sen ofertas de prazas suficientes en etapas como infantil ou formación profesional, abandonan a calidade, descoidan a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais e condena o 40% das familias a pagar os libros de texto , as actividades extraescolares e o comedor escolar, entre outras cuestións”.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • ANPAs Costa da Morte

Comentarios