Arrinca o festival EmigraSON en Bruxelas con gran participación costeira
Emigrason é mocidade, autoxestión e compromiso. Detrás desta iniciativa atópase a asociación cultural EmigraSON, impulsada por un grupo de mozos galegos establecidos en Bruxelas que, movidos pola paixón pola súa terra, decidiron crear un espazo de encontro para a comunidade galega no exterior. Karan, Mateo, Gara, Ángel, Claudia e David demostraron que a autoxestión e o traballo colectivo poden converter unha idea nun referente cultural consolidado en Bélxica. Sen ánimo de lucro, pero cunha enorme ambición cultural, conseguiron que o festival non só popularice a música galega fóra de España senón que tamén fortaleza os lazos emocionais entre quen un día emigraron e a terra que os viu nacer.
Esta cuarta edición do Festival EmigraSon confirmou o que xa era un segredo a voces na diáspora; a música galega vive un dos seus momentos máis fértiles e expansivos, e Bruxelas converteuse nun dos seus epicentros emocionais fóra de Galicia. Nesta edición de 2026, a capital belga volve vibrar ao son de gaitas, pandeiretas, sintetizadores e guitarras eléctricas, nun cruzamento perfecto entre tradición e vangarda que define o espírito de EmigraSON pero este festival máis aló, é pensar Galicia desde Europa. Tanto así que, o escritor e xornalista Manuel Gago e a narradora e actriz Sole Felloza protagonizaron no día de onte o coloquio “O pasado é cousa do futuro” , unha profunda reflexión sobre como a memoria, a historia e a tradición son ferramentas imprescindibles para imaxinar a Galicia das próximas décadas.
Como broche institucional e simbólico, os participantes visitaron o Parlamento Europeo, onde foron recibidos pola. deputada do BNG Ana Miranda, firme defensora da cultura galega e entusiasta colaboradora do proxecto desde os seus inicios. A Roda e A Irmandade Galega na Suíza tocaron o himno galego enfronte diante do Parlamento Europeo.
“Damos unha agarimosa benvida como cada ano á finde do festival EmigraSON e a todas as músicas e artistas, creadoras de contigo, xornalistas participantes e, por suposto, aos nosos queridos organizadores que traballan arreo para facelo posible. Nunca esquecer, sempre volver” transmitiu a de deputada encantada coa celebración desta nova edición.

Venres de artistas emerxentes e tradición viva
O venres 27, a Sala Tricoterie de Saint-Gilles acolle o arranque do festival co bloque dedicado a artistas emerxentes. Paloma Paloma, Fer e 9Louro ofrecen propostas frescas que evidencian o dinamismo creativo actual antes de dar paso á tradicional foliada e á actuación de Duendeneta Dilleis. Sen dúbida, a mestura perfecta: xuventude, experimentación e respecto por un patrimonio que segue máis vivo que nunca.
Sábado grande en La Madeleine: Galicia contemporánea
O sábado 28, a prestixiosa sala La Madeleine reunirá a algunhas das figuras máis destacadas do panorama galego actual. Entre elas brillará con luz propia The Rapants, que repite edición e presentará o seu novo e exitoso traballo. Coa súa inconfundible base de ritmos disco e influencias indie que lembran a The Smiths ou Novidades Carminha, a banda volverá conquistar ao público coa súa actitude despreocupada e enérxica. As súas letras, en galego e castelán, conectarán cunha audiencia entregada que converterá o concerto nunha auténtica celebración xeracional. Tamén destaca a actuación de Sabela, unha das grandes representantes da nova onda de pop electrónico galego que combina son internacional con raíces tradicionais. O carisma festivo de Ortiga fará honra ao seu alcume de “latin boy” alternativo, levando a esencia da verbena galega a un formato contemporáneo e global. E como alquimista sonoro, Baiuca volverá demostrar por que é considerado un dos grandes renovadores da música tradicional, fusionando pandeiretas e cantos ancestrais cunha electrónica turirista que parece maxia pero é pura creación.
Unha foliada que une territorios e corazóns
Desde ben cedo, os grupos A Roda de Lausanne e A Irmandade Galega na Suíza percorren as rúas máis emblemáticas da cidade, levando consigo a alma da emigración galega. Os seus traxes tradicionais, o son profundo da gaita e a enerxía contaxiosa dos seus temas foron marcando o pulso dunha xornada histórica. Cada praza converteuse en escenario improvisado, cada esquina en punto de encontro interxeracional. Maiores que recoñecen melodías da súa infancia e mozos que redescobren o legado cultural comparten espazo nunha celebración que transcende o musical para converterse en afirmación de identidade.
A unión fai a forza e así o demostraron os grupos A Roda de Lausanne e A Irmandade Galega na Suíza, que decidiron sumar talento, compromiso e sentimento para participar xuntos nesta cuarta edición. As emblemáticas rúas da capital belga transformáronse durante a xornada nunha auténtica embaixada galega ao aire libre. O corazón de Europa latexou ao ritmo de Galicia. A colaboración entre ambas as agrupacións simboliza o espírito de cooperación que caracteriza á diáspora. En lugar de camiñar por separado, elixiron unir voces e esforzos para reforzar a súa presenza nun escenario internacional que celebra precisamente iso: a emigración como ponte cultural.
Como di a canción, “hai un galego na lúa”. O que non di é que, se de algo entende a colectividade galega no exterior, é do amor polas súas raíces e da paixón por sementar o mundo cos pés firmemente plantados na súa terra. Alí onde soa unha muiñeira, onde se alza unha bandeira branca e azul ou onde se comparte unha mesa ao redor da música, Galicia volve nacer.
A participación conxunta en EmigraSON foi que unha mostra palpable de unión e compromiso; unha forma de tecer redes, fortalecer vínculos e reafirmar a identidade común no exterior. En tempos onde a distancia podería diluír a pertenza, estas asociacións demostran que ocorre o contrario: canto máis lonxe, máis forte late o sentimento. Bruxelas foi testemuña desa forza colectiva. Por unhas horas, a capital europea converteuse en capital galega, lembrando que a emigración non é ausencia, senón expansión. E que cando as comunidades se unen, non só preservan a súa cultura senón que a proxectan, a comparten e a fan medrar. A foliada é máis que unha actuación. É un símbolo de resistencia cultural, de pertenza e de comunidade. É a Galicia que emigrou, que botou raíces en Suíza e que agora regresa, aínda que sexa por uns días, para reafirmar que a tradición non entende de distancias.
“Para Irmandade Galega Na Suiza e a ACG A Roda, participar xuntas no EmigraSon, é algo verdadeiramente ilusionante e profundamente emocionante. Poder levar á capital europea as nosas músicas, os nosos bailes e a nosa maneira de sentir Galicia é unha honra enorme. Para quen xa vivimos na emigración, isto ten un significado dobre. Por unha banda, sentimos unha gratitude inmensa por que contasen coa nosa presenza. Dar voz á emigración no maior festival dedicado á diáspora galega é algo extraordinario e moi simbólico. É recoñecer que a cultura galega non remata nas fronteiras da terra, que segue viva en cada gaita, en cada paso de baile, nas falas que nos acompañan a diario e en cada persoa que emigrou pero nunca deixou de sentir Galicia dentro. Por outra banda, esta participación é tamén unha oportunidade preciosa para achegarnos máis como entidades, a ACG A Roda e a Irmandade Galega Na Suíza. Aínda que compartimos país e nos separan apenas 60 quilómetros, non sempre é doado coincidir e construír xuntos todo o que nos gustaría. Temos compartido actuacións e celebracións, pero o EmigraSon supón algo máis: a preparación desta actuación está a crear vínculos máis fortes entre nós, a reforzar a colaboración e a permitirnos compartir con máis xente as nosas músicas e bailes. En definitiva, participar neste festival e poder levar a música galega a Bruselas, é un orgullo e unha emoción difíciles de explicar” declararon os integrantes de A Roda e A Irmandade Galega na Suiza.
Na súa cuarta edición, EmigraSON non só levou o último e o máis tradicional da música galega a Bruxelas: volveu demostrar que Galicia non entende de barreiras nin fronteiras cando soa unha gaita, cando arrinca unha foliada ou cando miles de voces, lonxe do Atlántico, cantan ao unísono lembrando que a cultura é, ante todo, fogar.

