mércores. 30.04.2025
El tiempo

Aberto o prazo para as Andainas de Primavera dende a Laracha

A-Costa-de-Dexo-Serantes-Oleiros
Imaxe da costa de Dexo-Foto-TurismoOleiros
Aberto o prazo para as Andainas de Primavera dende a Laracha

O luns, 31 de marzo, abrirá a inscrición na nova edición do programa Andainas na primavera que organiza un ano máis o Concello para ofrecer á cidadanía unha alternativa para o aproveitamento do tempo libre que potencia os estilos de vida saudables a través da promoción da actividade física.

Nesta ocasión ofértanse tres rutas de sendeirismo que discorren por espazos naturais de alto valor ambiental da Laracha e doutros municipios próximos.

A primeira cita será o domingo 6 de abril. Farase un percorrido de 9 km e dificultade moderada polo entorno do encoro de Cecebre, no municipio de Abegondo. 

O 27 de abril a andaina será pola costa de Dexo, en Oleiros, partindo de Seixo Branco e rematando na igrexa de Santa María de Dexo. A distancia é de sete quilómetros e a dificultade baixa.

O programa concluirá o 25 de maio cunha andaina no termo municipal da Laracha, a carón do río Anllóns desde o núcleo urbano da Laracha ata Tuixe, percorrendo 7,5 km e con transporte en autobús para o regreso.

Nos tres casos o punto de encontro será a praza Les Sables d’Olonne ás 9:30 horas, nas dúas primeiras citas para iniciar a viaxe en autobús e na terceira, para comezar o percorrido a pé.

A inscrición é gratuíta e debe formalizarse enviando un correo electrónico a turismo@alaracha.gal ou chamando ao 676963062. Ao ser prazas limitadas terán preferencia as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.

Comentarios