mércores. 23.07.2025
El tiempo

O alcalde dA Laracha asume o posto de novo Presidente da CMAT

CMAT Asemblea Anual (2)
O alcalde dA Laracha asume o posto de novo Presidente da CMAT

Este martes, no Auditorio do Centro Sociocultural de Baio (Zas), celebrouse a Asemblea Xeral anual da CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), na que se acordou, co respaldo unánime dos socios, a renovación da Xunta Directiva.

No caso da presidencia pasou a man do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, respectando a rotación por orde alfabética dos concellos. Incorpóranse tamén á nova Xunta Directiva, Margarita Lamela Louzán (Cee) como vicepresidenta, Francisco Javier Domínguez Traba (Corcubión) como secretario e Sandra Vilela Riveiro (Muxía) como tesoureira.
Pola súa banda, manteñen un posto na composición da Xunta Directiva os dous representantes de APTCM e María Lema (Dumbría), os tres como vogais, o que garante unha continuación progresiva da xestión da entidade.

A CMAT destaca que a composición da nova Xunta Directiva conta con representantes dos distintos partidos políticos que gobernan na actualidade no territorio, mantendo así o equilibrio territorial que amosan dende o nacemento da asociación, xunto coa representación do sector privado a través de APTCM.

CMAT Asemblea Anual

A Asemblea comezaba cun repaso das actividades do ano, unha revisión dos obxectivos fundamentais, das súas fontes de financiación, e dos fitos acadados nos últimos anos, así como a planificación para este ano 2025.
A Xunta Directiva saínte, liderada por Manuel Muíño destacou ao comezo da súa intervención que “está orgullo do equipo que lle acompañou e destacou a importancia de pasar polo posto de presidente e formar parte da xunta directiva para coñecer todas as realidades dos distintos concellos que conforman a Costa da Morte”, valorando a experiencia como moi agradable e enriquecedora.

Comentarios