Luns. 29.04.2024
El tiempo

O Concello da Laracha afrontará a renovación integral da Casa Consistorial

Concello da Laracha
Casa do Concello da Laracha
O Concello da Laracha afrontará a renovación integral da Casa Consistorial

 A Casa Consistorial da Laracha será obxecto dun proxecto de rehabilitación integral. Así o anuncia o Concello, que trata de modernizar un edificio erguido en 1974, convertíndoo nun inmoble máis moderno visualmente, máis eficiente enerxeticamente e mellor integrado na Praza do Concello. 

Será a través dun proxecto participativo, no que a cidadanía poderá realizar propostas, expresar opinións e emitir valoracións en relación ao deseño da intervención. En próximas datas o Concello convocará un concurso de ideas para o proxecto. O orzamento inicial ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu financiamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

Tres principios: estética, funcionalidade e sustentabilidade

Neste sentido, a reforma proposta baséase en tres principios esenciais. Por unha parte, a estética interior e exterior da nova Casa Consistorial, propoñendo unha actuación integradora que proporcione unha unidade de conxunto ao edificio e aos espazos circundantes. 

Tamén se terá especial atención á funcionalidade, coa completa reestruturación dos ámbitos interiores para optimizar a organización das dependencias dos diferentes departamentos municipais e prevendo, tamén, a transformación do entorno nun punto de referencia e encontro que continúe servindo tanto para o fundamental uso administrativo da edificación como para o ocio o esparexemento da poboación en xeral no entorno da Praza do Concello. Entre outras medidas, contémplase a cubrición do parque infantil situado no lateral da Casa Consistorial.

O terceiro principio será a sustentabilidade, co emprego de materiais naturais e de proximidade, o illamento das envolventes, a instalación de sistemas de calefacción e de ventilación e o aproveitamento da luz natural que permitan reducións significativas de consumos enerxéticos de acordo aos compromisos adquiridos polo Concello ao adherirse ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.

Comentarios