Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Concello da Laracha presentou o seu proxecto de conservación da Carballeira de San Fins

Laracha- Presentación proxecto carballeira de San Fins
O Concello da Laracha presentou o seu proxecto de conservación da Carballeira de San Fins

Este pasado xoves foi presentado o proxecto para a posta en valor da carballeira de San Fins, promovido polo Concello da Laracha e redactado pola Fundación Juana de Vega. O centro sociocultural de Cumiáns, que fora a antiga escola unitaria de Montemaior, acolleu á cita dá que acodiron medio centenar de persoas.

O alcalde, José Manuel López Varela, así como Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, e Camilo Blanco, técnico da entidade, debullaron un proxecto deste espazo protexido, chamado a converterse “nun espazo medioambiental de referencia cultural, pedagóxica e educativa” para o coñecemento e interpretación da flora e a fauna autóctonas de toda a bisbarra.

A Carballeira

Trátase dun espazo natural de aproximadamente 2,2 hectáreas de superficie, con aproximadamente 1.300 árbores, presentando por tanto unha densidade de unha cada 17 metros cadrados e unha percepción de bosque frondoso.
O catálogo florístico diferencia tres espazos da carballeira: unha capa principal de arbolado de gran porte, un estrato inferior de arbolado de menor envergadura e un sotobosque que alterna partes máis diáfanas con outras que acumulan maior masa vexetal.
O estrato arbóreo, formado por 1.300 exemplares, está protagonizado na súa maioría por carballos (540), castiñeiros (356), loureiros (313) e acibros (44). Segundo os redactores do proxecto, vinte desas árbores superan os 100 anos, e a de maior idade estimada é un carballo de 214 anos.

Xestión do espazo

Dentro das actuacións de conservación, mantemento e manexo da vexetación, proponse a limpeza sinxela e poda do arbolado que presente ramas mortas, así como a eliminación da hedra naqueles exemplares que se atopan en peor estado segundo o inventario realizado. Coa intención de conservar os valores ecolóxicos do lugar, o mantemento anual será mínimo, aínda que se realizarán accións específicas para a xestión de vexetación exótica invasora. O alcalde avanzou que as primeiras actuacións xa se iniciarán en poucas datas.

Como medidas de conservación da fauna, o trazado das rutas para visitantes terá en consideración puntos clave e establecerá un camiño permanente e outro temporal a empregar exclusivamente na época fóra da cría. Ademais, manteranse intactas as zonas de sotobosque, respectaranse os espazos inundables e o trazado do regato e realizaranse censos de fauna periodicamente.

Como medidas para a optimización dos servizos ecosistémicos, prevese o mantemento da capacidade produtiva do arbolado, evitaranse as podas agresivas, protexeranse os hábitats existentes e favorecerase a divulgación dos valores ecolóxicos do espazo xerando recursos para a formación, a educación e a investigación a través do uso por parte de escolares.
Salientar, por último, a creación dun espazo de aparcamento na parcela contigua que será construído cunha tipoloxía que lle permitirá integrarse na paisaxe da zona.

Comentarios