Piden colaboración cidadá para atopar aos responsables do novo acto de vandalismo no paseo marítimo de Caión

Como acontecera en 2020, e co mobiliario recén estreado, o Concello da Laracha denuncia un novo acto vandálico no paseo marítimo de Caión. Na noite do domingo, coincidindo co segundo e derradeiro día da celebración das festas do Corpus e do Carme, algún desaprensivo destrozou seis balizas da iluminación pública e tamén dúas papeleiras de madeira
no tramo máis próximo ao aparcamento principal da praia das Salseiras.
O Concello volve solicitar a colaboración cidadá para tratar de dar co responsable ou responsables do sucedido.
Desde o Concello laméntase o sucedido por tratarse dunha acción que se repite nos últimos veráns e que, ademais de supoñer un gasto para as arcas municipais, afecta aos servizos públicos que se ofrecen en Caión á veciñanza e tamén aos turistas e visitantes.
Apertura da pista de Paiosaco
Paralelamente, o Concello estará nos próximos días en disposición de inaugurar a nova pista polideportiva de Paiosaco, unha vez rematen as últimas actuacións coas que se está a dotar á infraestrutura cos equipamentos necesarios que a fagan máis confortable para os seus usuarios.
A empresa larachesa Tibar, encargada da instalación do sistema de iluminación consistente en catro báculos con lámpadas LED, está facendo as útlimas disposición e a partir de aí se poderá inaugurar esta pista situada nun punto estratéxico do lugar da Porta Santa, a carón do CEIP Alfredo Brañas, fronte ao campo de fútbol de Paiosaco e preto do centro sociocultural da vila.